VÍDEO | Manuel García: "Á miña muller matárona os recortes, deixárona morrer"

Manuel García, viúvo de Isolina CC-BY-SA Praza Pública

Isolina Sánchez padeceu durante varios anos a hepatite C. Co empeoramento da enfermidade, as posibilidades para a súa curación reducíanse ata que se demostrou a efectividade e conveniencia do Sovaldi. A doutora especialista que a trataba prescribiulle en varias ocasións, sen éxito, o tratamento ao advertir do crítica que era a situación. Tardou oito meses en recibilo e comezouno a tomar o 15 de xaneiro. "Xa era tarde", lembra agora o seu viúvo, Manuel García, veciño do coruñés barrio de Monte Alto. "Deixárona morrer", engade. 

A súa dona faleceu con 72 anos menos dun mes despois de iniciar o tratamento e xusto un día antes de que membros da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C fosen expulsados do Parlamento, nun polémico pleno no que reaccionaron con rabia ante negativa do PP a votar a favor dunha proposición non de lei (PNL) para instar a Xunta e ao Goberno central a garantir o acceso ás novas terapias para tratar a enfermidade. 

Manuel García, con 74, di seguir afectado -"estíveno, estouno e estareino"- e asegura poñerse "enfermo" cando escoita a Núñez Feijóo ou outros dirixentes da Xunta presumir de aforro e austeridade, agora que a Fiscalía acusa o seu Goberno de presunto homicidio por atrasar o tratamento por "razóns orzamentarias". Alégrase de que poida ser a xustiza quen determine a gravidade das neglixencias cometidas e afirma, convencido, que "os recortes matan, claro que matan". "Á miña muller deixárona morrer", conta emocionado

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.