Zona Temporalmente Controlada: Unha guía dos espazos videovixiados e de como desactivar as cámaras

Algúns dos métodos de inhabilitación das cámaras sinalados CC-BY-NC-SA Ergosfera

"Zona Temporalmente Controlada pon en valor a decisión do habitante a ser observado, cuestionando así as cámaras ocultas e inaccesibles e a consecuente percepción de vixiancia constante introducida no noso subconsciente". Trátase dun proxecto expositivo, comisariado por Cristina Canto e realizado por Ergosfera en colaboración co Máster en Arte, Museoloxía e Critica Contemporáneas da USC, que se pode visitar dende esta semana e até o mes de xaneiro na galería Zona C de Santiago de Compostela e que reflexiona sobre os mecanismos de control da sociedade contemporánea. 

Durante este tempo, a galería municipal acolle unha montaxe na que se colocarán dúas cámaras de videovixiancia gravando o interior da sala e retransmitindo o sinal en directo vía internet. Este entorno videovixiado tenta reproducir as condicións xeradas no espazo público, pero no que se introducen certas modificacións como que os límites da área controlada polas cámaras sexan plenamente visibles, para que o visitante decida se quere habitar esta zona e poida enfrontarse de maneira consciente á gravación.

A mostra, que se inaugurou este mércores cun debate sobre este tema no que participaron José Ángel Brandariz, Man_Hauser e Renato Núñez, presenta tamén un mapa das zonas videovixiadas do centro de Compostela, e dunha Guía de métodos de inhabilitación dos sistemas de videovixiancia, 23 en total, inspirada pola Guía para a destrución de circuítos pechados de televisión (CCTV) elaborada polo colectivo norteamericano RTMark. Colocar unha botella de plástico ou tapón diante da cámara, un globo de helio, tapala con cinta adhesiva, pulverizar o seu obxectivo con pintura, escuma ou serpentinas, ou apuntar a el cun punteiro laser son algúns dos métodos apuntados para bloquear a visión das cámaras. Tamén se detalla como destruílas cunha corda, cortando cables ou tirándolle un bloque de formigón.

De igual xeito, explícase que obstruír a gravación da cámara supón simplemente unha falta administrativa, exenta de responsabilidade penal ou de multa. E que destruíla, en cambio, pode dar lugar a unha falta de danos (pena de localización permanente de 2 a 12 días e multa inferior a 400 euros) ou a un delicto de danos (multa de 6 a 24 meses). En calquera caso, dende Ergosfera engaden que "a publicación deste documento ten unha finalidade exclusivamente investigadora, polo que os seus autores non nos responsabilizamos do uso que fagan outras persoas de calquera dos seus contidos. Se difundimos esta información é unicamente porque nos parece cultural e politicamente relevante".

 

Liberdade e seguridade

"Require un debate público máis explícito e que inclúa a perspectiva urbanística como contraposición ás aspiracións das instancias propietarias"

Dende Ergosfera sinálase que as cámaras de videovixiancia "son elementos cunha potente e inusual presenza na cidade porque a súa obxectualidade é radicalmente performativa, impoñendo un sistema de hipervisibilización-invisibilidade que distorsiona a percepción e vivencia do urbano" e que, como mínimo, "require un debate público máis explícito e que inclúa a perspectiva urbanística como contraposición ás aspiracións das instancias propietarias". Un debate, engaden, "que queda por agora nas areas políticas locais, entre os defensores da vixiancia como forma de liberdade a través da seguridade e os da liberdade a través da intensificación da vida urbana como forma de seguridade en si mesma".

En canto á situación en Santiago de Compostela, sinalan que se trata "dun claro exemplo de área urbana no que a súa capacidade de atracción turística xerou un consenso infantil ao redor da necesidade de control como forma de asegurar a normalidade das cousas esperada por veciños e visitantes". Tamén lembra a "especial actualidade" destas cámaras en Santiago, "polo papel central que representaron as gravacións de cámaras de vixilancia en varios sucesos hiper-mediáticos nos últimos meses", por exemplo o asasinato de Asunta Basterra. Subliña a este respecto que "non só son entón o Estado e o Mercado as instancias plenamente satisfeitas con este modelo securitario, senón tamén unha boa parte da cidadanía comodamente instalada no Santiago 'estudio de televisión'".

Compostela é un "claro exemplo de área urbana no que a súa capacidade de atracción turística xerou un consenso infantil ao redor da necesidade de control como forma de asegurar a normalidade das cousas esperada por veciños e visitantes"

Pola súa banda, Renato Núñez (CIG e Movemento polos Dereitos Civís) lembra que as cámaras instalas en Compostela incumpriron as normativas en varios puntos: "foron adxudicadas no 98, un ano antes da súa autorización, cando a norma non permite a súa posta en funcionamento nesas condicións. Deixouse caducar a autorización e mantivéronse funcionando as cámaras sen os perceptivos permisos". E engade que "as cámaras non son proporcionadas para evitar os delictos na nosa cidade, pois Compostela ten uns índices baixísimos de delincuencia e vandalismos". Núñez conclúe que serven "como un Grande Irmán que almacena o noso que facer diario para a utilización indebida ou non de quen ten acceso ás mesmas".

Os responsables so proxecto pregúntanse finalmente se "compensa realmente dotarnos dunha ferramenta que non reduce significativamente os crimes, pero que levada ao extremo podería servir como forma de control e persecución de todo o considerado indesexable en cada momento?".

 

"Ao outro lado dunha cámara CCTV estamos nós"

Brandariz conclúe que "ao outro lado dunha cámara CCTV estamos nós. Nós, e as nosas obsesións colectivas"

Pola súa banda, nun dos textos que acompañan a exposición, o profesor da UDC José Ángel Brandariz sinala que "as CCTVs colonizan as nosas cidades porque o noso modo de existencia as ten convocado. Un modo de existencia obsesionado, evidentemente, pola hipervisibilidade constante". E cita a a Deleuze para lembrar que "os temores contemporáneos reclaman un control ubicuo e just in time (inmediato), que sexa quen de gobernar a distribución das zonas de inclusión e exclusión que estrían os mapas do urbano". Conclúe que "ao outro lado dunha cámara CCTV estamos nós. Nós, e as nosas obsesións colectivas".

Descarga aquí o mapa e a guía publicados por Ergosfera (.pdf)

Mapa dos espazos videovixilados no centro de Compostela CC-BY-NC-SA Ergosfera

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.