"A raíz do problema non é o Daesh; de erradicalo, xurdirán outros grupos porque xa teñen as redes"

Minuto de silencio, coa presenza de Hollande e Valls © Presidencia da República Francesa

"É moi probable que haxa máis atentados no futuro. Efectivamente é así porque xa existen redes de captación de terroristas moi asentadas por parte do Daesh e outras redes que permiten vertebrar unha plataforma bastante eficaz para esta captación e para a difusión da súa mensaxe". Roberto Mansilla, analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), coincide con todos os expertos ao sinalar que os ataques terroristas volverán, máis tarde ou máis cedo, a Europa e a Occidente. 

"A raíz do problema  non está na creación do EI; hai eivas na integración e problemas xeopolíticos derivado da maior implicación de Occidente nos conflitos árabes"

Os sanguentos atentados de París volveron horrorizar a cidadanía europea, desta vez das mans do mal chamado Estado Islámico (EI), culpable e responsable agora dos, polo momento, máis de 130 mortos na capital francesa. Para Mansilla, licenciado en Estudos Internacionais e experto nos conflitos xeopolíticos mundiais, "a raíz do problema non está na creación do EI", senón que vai moito máis aló. "Hai fallos e eivas na integración multicultural en Europa e, sobre todo, problemáticas de carácter xeopolítico que teñen que ver coa cada vez maior implicación de Occidente nos conflitos árabes", explica. 

Mansilla lembra que a comunidade inmigrante árabe-musulmá existe en Europa desde os anos 60, froito sobre todo da descolonización do norte de África. Malia que moitos deles chegaban de serios conflitos e marcados pola violencia nos seus países, "e cunha maior posibilidade de radicalización", son agora algúns dos fillos ou netos deses emigrantes -europeos de nacemento- os que se lanzan a cometer as atrocidades. "Por que agora e non antes? Que pasou para que 50 anos despois sexan os descendentes os que leven a cabo o terrorismo?". Esas son as preguntas que, segundo o analista do IGADI, hai que facerse. 

Mansilla cre que hai que preguntarse por que son os fillos e netos dos emigrantes árabes os que cometen os atentados

El achega de novo a dúas respostas e causas: as eivas na integración dalgunhas comunidades musulmás que acaban por ser obxectivos da captación e, "sobre todo", a cada vez maior implicación de Occidente nos conflitos en Oriente Próximo e no mundo árabe. "Isto provoca que se intensifiquen as situacións de violencia e destrución dentro dos países árabes, que se radicalicen os grupos xihadistas e que estes avoguen por captar mozos, que buscan en zonas onde hai maiores problemas de exclusión e pobreza os seus obxectivos e que deciden atacar o que eles consideran o seu inimigo no seu propio corazón, na súa propia casa", di. "Aprovéitanse de xente de barrios periféricos e marxinados con condicións socioeconómicas, culturais e educativas peores que noutras zonas", insiste. 

"Xa hai un problema creado. É impensable considerar que despois deste atentado van acabar os ataques". Así de duro o pinta Roberto Mansilla, que insiste en que os atentados en Europa "proliferaron moito máis desde os anos 90 e máis nesta última década, xusto na mesma época na que a intervención occidental nos conflitos árabes foi maior". 

"Os atentados proliferaron máis desde os 90, xusto na época na que a intervención occidentas nos países árabes foi maior"

Ademais, Mansilla advirte de que "non existe ou non se observa por parte de gobernos, da OTAN ou da política exterior da UE nada que permita considerar que Europa ou Occidente vaian excluírse dos conflitos do mundo árabe-musulmán". E, o que é aínda peor, "tampouco se aposta por unha resposta global, consensuada e conxunta" e que non só debería centrarse na resposta militar, senón no que ten que ver coa integración multicultural e unha estratexia xeopolítica común. 

"Non se está a apostar por unha resposta global, consensuada e conxunta; a solución militar non pode ser a única"

"As reaccións inmediatas, como os bombardeos, son motivadas pola presión da opinión pública; estas medidas reactivas poden solucionar unha parte do problema se o problema só o EI, pero a solución militar non poder ser a única, hai que artellar solucións políticas e culturais; o problema non está só en Siria ou noutro país, senón na integración das comunidades de emigrantes en Europa", resume. 

De feito, Mansilla asegura que a radicalización das medidas de seguridade "identificará máis a posibilidade da violencia deste terrorismo", pero cre que "aínda que se erradique o EI, as redes xihadistas xa están formadas e outro movemento deste tipo volverase formar a partir delas". En definitiva, a problemática é global e a solución, tamén, non só militar e violenta. 

"Aínda que se erradique o EI, as redes xihadistas permitirán que se forme outro movemento semellante a partir delas"

"No medio -como advirte o experto- hai unha crise de refuxiados que xa está a ter unha resposta bastante vergoñenta por parte da UE, que incumpre algún dos seus dereitos fundamentais, e que pode ir a peor". Mansilla lembra que "non todos aceptan con consenso que veñan" e que certas informacións e mesmo ruxe-ruxes sobre a posibilidade de que algún terrorista chegue a través do camiño que empregan os que escapan do conflito empeoran a situación. "Que pode haber redes que aproveitan isto para coar alguén? Pois é inevitable e pouro reversible, pero o enfoque restritivo, punitivo e degradatorio xa existía por parte dalgunha xente e gobernos, e agora o contexto é peor", di. "Non debemos olvidar que hai quen está apuntando a unha comunidade que foxe, precisamente, dos conflitos", remata.

Roberto Mansilla, analista do IGADI © IGADI
Militares tomando as rúas de París tras o ataque CC-BY-SA José Bautista / eldiario.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.