"Chernóbil non está moi presente na sociedade ucraína, tan só entre a xente maior"

Unha das imaxes icónicas da cidade abandonada © César Toimil

Este martes 26 de abril conmemórase o 30 aniversario do accidente de Chernóbil. Aquel sábado de primavera de 1986 a central nuclear situada a tres quilómetros da cidade de Prypiat (Ucraína) sufriu un sobrequencemento e a explosión do hidróxeno acumulado nun dos reactores, converténdose no sinistro nuclear máis grave da historia (tan só o de Fukushima, en 2011, o iguala na Escala Internacional de Accidentes Nucleares). Morreron de forma inmediata 31 persoas e 116.000 tiveron que ser evacuadas. A radioactividade estendeuse por centos de quilómetros, realizándose medicións importantes nos días seguintes en grandes áreas de Ucraína, Rusia, Bielorrusia e mesmo de Suecia e Finlandia. A radiación afectou a centos de milleiros de persoas, e tivo efectos sobre a fauna e os campos de cultivo de moitos quilómetros á redonda. As estimacións sobre o número de mortes causadas a medio e longo prazo varían moito, cunha elevadísima incidencia dos casos de cancro.

"A mocidade ve este asunto como un tema do pasado. En xeral, a xente está moito máis preocupada polo conflito aberto con Rusia que polo aniversario de Chernóbil"

A efeméride será lembrada en Ucraína con numerosos actos institucionais. Tamén se realizarán misas e, como xa é costume  noutros aniversarios, as campás de todas as igrexas soarán á mesma hora na que tivo lugar o sinistro. Porén, como destaca o fotoxornalista ferrolán César Toimil, gran coñecedor dos efectos do accidente, "na sociedade ucraína este tema non está moi presente, unicamente entre as persoas máis maiores, que o viviron en persoa. A mocidade ve este asunto como un tema do pasado. En xeral, a xente está moito máis preocupada polo conflito aberto con Rusia que polo aniversario de Chernóbil". 

Toimil chama a atención, sobre todo, sobre a situación dos liquidadores de Chernóbil, as ao redor de 600 mil persoas (bombeiros, científicos...) que nos anos seguintes ao accidente minimizaron os seus efectos e desmantelaron o lugar, creando unha zona de alienación ou exclusión que rodea Chernóbil, un espazo hoxe deshabitado (ou case), onde se sitúa a cidade de Pripyat, que naquel momento contaba con 50 mil habitantes. Moitos deles seguen sen ver recoñecido o labor que levaron a cabo neses meses e que en boa medida evitou que os efectos do sinistro fosen maiores. Non recibiron nin un recoñecemento simbólico nin tampouco económico, e ano tras ano reclaman as pensións que necesitan para pagar a medicación que alivie o mal causado pola radiación.

"É xente á que aínda non se lle recoñeceron todos os seus dereitos" -destaca Toimil- "eles necesitan ese recoñecemento económico para seguir vivindo, porque non poden pagar os medicamentos. Non é para ir de viaxe co Imserso". Porén, a contraprestación non chega, mesmo a pesar de que "está documentado que estiveron alí eses días, e de que teñen rexistros que indican o nivel de radiación ao que estiveron expostos", sinala o fotógrafo, que culpa desta situación "á enorme corrupción" existente en Ucraína.

"É xente á que aínda non se lle recoñeceron todos os seus dereitos" -destaca Toimil- "eles necesitan ese recoñecemento económico para seguir vivindo, porque non poden pagar os medicamentos. Non é para ir de viaxe co Imserso"

Toimil, cuxas imaxes da zona máis afectada polo accidente poden verse na exposición Prohibida la apertura forzada de la puerta, viaxou este mes de xaneiro ao país eslavo por novena vez, para participar nun proxecto colectivo organizado polo Ministerio de Cultura de Ucraína. Tratábase de realizar unha serie de retratos a persoas que viviran de preto a traxedia. "Síntome moi honrado de que contasen comigo", sinala, e apunta que "para a realización destes retratos pedinlle á directora do Museo de Kiev que escollese unha serie de persoas. É xente moi significativa, persoas que mesmo estaban na central o día que estoupou o reactor". As imaxes incluiranse nun libro que resumirá o traballo realizado por Toimil nas nove viaxes que realizou a Ucraína e que podería estar na rúa xa a finais deste verán.

Hai uns meses, ademais, estreouse o documental Prohibida la apertura forzada de la puerta, no que Toimil conversa co xornalista Luis Llera e con Álex Piñeiro (organizador da exposición do mesmo nome) sobre Chernóbil e a súa experiencia. En conversa con Praza, Toimil destacaba que nas súas fotografías non buscaba "o morbo, as imaxes apocalípticas" senón achegar "unha visión máis positiva, máis poética" e poñer en valor o "sacrificio" dos homes e mulleres que viviran en primeira persoa catástrofe.

 

Inauguración da exposición en Kiev, en 2013 © César Toimil
Unha das imaxes icónicas da cidade abandonada © César Toimil

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.