Heterotopias: Historias posibles dun refuxio en Grecia

María Rúa e Miguelanxo Lar, xa en Grecia CC-BY-SA Praza Pública

Heterotopias é un proxecto colaborativo galego desenvolvido pola xornalista especializada en Relacións Internacionais María Rúa e o realizador Miguelanxo Lar. Nace da necesidade de informar de maneira ética e comprometida a cerca do drama humano e humanitario que están a sufrir milleiros de refuxiadas e refuxiados en Grecia dende que en 2011 estalou a Guerra Civil en Siria. 

A complexidade do conflito obríganos a situarnos en escenarios diversos, e á súa vez complementarios, para entender o relato global que xurde a partir da situación de inestabilidade social e política dos últimos anos en Siria e Iraq e outros países da rexión, e as súas consecuencias.

Desta maneira, presentamos un proxecto xornalístico multimedia que se desenvolverá ao longo do mes de agosto en Grecia co obxetivo de afondar primeiramente na situación das refuxiadas e refuxiados no país. Tamén visibilizaremos distintos proxectos de apoio a éstas vinculados á sociedade civil e afondaremos na responsabilidade da Unión Europea á hora xestionar a crise.

Presentamos un proxecto xornalístico multimedia que se desenvolverá no mes de agosto en Grecia para afondar na situación das persoas refuxiadas e nas realidades vinculadas a elas

Praza.gal será o medio encargado de difundir os contidos principais do proxecto, aínda que tamén contaremos cunha forte presenza nas redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram) para que as lectoras e lectores poidan facer un seguimento polo miúdo. Darémoslle principal importancia aos recursos audiovisuais e a interación nas redes aínda que tamén desenvolveremos contidos escritos en formatos máis clásicos como artigos en profundidade, crónicas ou entrevistas.  

Con Heterotopias queremos contar as historias posibles das persoas refuxiadas e reivindicar como dende as marxes tamén é posible crear as utopías necesarias para camiñar cara un mundo xusto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.