Un refuxio en Grecia

Refuxiado sirio nun Squat de Atenas CC-BY-SA María Rúa

ATENAS - Enviados especiais

Máis de 57.000 persoas refuxiadas viven na actualidade atrapadas en Grecia a espera de que a súa petición de asilo se resolva favorablemente para por rumbo a distintos países da UE. Algunhas fracasarán no intento por non cumprir os requisitos que esixe a UE para ser beneficiario do dereito de asilo. Outras, superarán un proceso esgotador de entrevistas minuciosas e burocracias variadas, que se pode dilatar no tempo ate 2 anos dende que se presenta a petición, poñendo rumbo, segundo as preferencias maioritarias, a Alemaña, Suecia ou Francia.

Quen son as refuxiadas?

Segundo a Convención de Xenebra sobre o Estatuto dos refuxiados, refuxiada/a é “toda persoa que debido a fundados temores de ser perseguida por motivos de raza, relixión, nacionalidade, pertenza a un determinado grupo social ou opinións políticas, se atope fora do seu país de nacionalidade e non poida ou, a causa da ditos temores non queira acollerse á protección do seu país”. Esta é a realidade da maioría de persoas que se atopan nestes momentos no país Heleno.
Chegan maioritariamente de Siria, Iraq, Afganistán, Kurdistán e Pakistán debido aos conflitos armados e á inestabilidade socio-política da rexión. As rutas escollidas para o exilio son variadas pero o obxectivo sempre é un: chegar a Europa.

Periplo cara ao exilio

Tras unha estadía de duración variada en Turquía, concertan a súa pasaxe cunha mafia por un valor aproximado de 1.000€  por persoa para pór rumbo a Grecia e comezar o periplo europeo. Os destinos máis populares de chegada son as illas gregas de Lesvos, Chíos e Samos por unha cuestión de proximidade con Turquía. Na actualidade esta ruta reduciu notablemente o fluxo debido ao acordo da UE con Turquía e ao aumento de controis fronteirizos.

Neste percorrido de escasos quilómetros, as persoas refuxiadas xóganse a vida no mar debido ás precarias condicións da travesía. Lancha motoras en condicións dubidosas, escaseza de auga, altas temperaturas ou ausencia de chalecos salvavidas. Segundo ACNUR, a Axencia para os Refuxiados de Nacións Unidas, dende 2014 máis de 10.000 persoas perderan a vida no Mar Mediterráneo, cifra que se veu claramente incrementada debido á masiva chegada de refuxiadas de 2015 e 2016 entre Turquía e Grecia.

Centos de persoas tentan diariamente cruzar a raia aramada e as mafias aparecen novamente no relato. Por cantidades que oscilan entre os 150 e os 500 € por persoa, ofrecen viaxes en camións de froita ou furgonetas amañadas para a ocasión

Na actualidade as refuxiadas atópanse bloqueadas no país heleno. As circunstancias foron cambiando ao longo do último ano. Se nun primeiro momento Grecia só era o primeiro chanzo europeo no transcurso cara outros estados da Unión, hoxe é un limbo espazo temporal no que as refuxiadas están atrapadas á espera de aprobación da petición de asilo. Abandonar o país non é unha opción xa que chegar aos países de destino elixidos é case imposible debido ao peche de fronteiras con Macedonia, Hungría e Austria.

Aínda así, centos de persoas tentan diariamente cruzar a raia aramada e as mafias aparecen novamente no relato. Por cantidades que oscilan entre os 150 e os 500 € por persoa, ofrecen viaxes en camións de froita ou furgonetas amañadas para a ocasión.

Onde viven as refuxiadas?

Hotel City Plaza, en Atenas, ocupado para acoller persoas refuxiadas / María Rúa

Cando comezou o fluxo masivo de refuxiadas cara a Grecia os campamentos creábanse de xeito improvisado ao longo da ruta cara Centro Europa. Non existía ningún tipo de infraestrutura civil e estaban organizados por persoas voluntarias e algunhas ONG que ofrecían axuda humanitaria básica. Tras o peche de fronteiras, estes espazos convertéronse en verdadeiros campamentos de refuxiadas permanentes. Debido a que a localización era bastante fortuíta, apenas contaban con infrastruturas para cubrir necesidades básicas de alimentación, hixiene ou saúde. A presenza constante de voluntarias independentes e certas ONG permitiron mellorar paulatinamente as condicións de vida nestes.

Hoxe, aínda existen campamentos con estas características pero dende o mes de abril o Goberno grego está tentando desmantelalos. Este é o caso do Pireo ou Indomeni, ambos desaloxados recentemente. O executivo heleno emprega razóns de saúde e hixiene para desenvolver estas accións unilateralmente pero, se ben case todo o voluntariado concorda con que estes campamentos contaban con condicións de vida realmente duras, ao mesmo tempo dubidan do éxito da recolocación en campamentos gobernamentais e militares das refuxiadas. Isto implica perda de liberdade para as refuxiadas, creación de guetos, diminución ou ausencia de programas centrados no benestar post-traumático ou actividades para menores.    

Movementos de esquerda decidiron ocupar edificios abandonados, como o hotel City Plaza no centro de Atenas, e habilitalos para as persoas refuxiadas

Paralelamente, os movementos de esquerdas gregos (entre os que ten un especial peso o movemento anarquista) decidiron ocupar edificios abandonados ao longo do territorio e habilitalos para que as refuxiadas puideran vivir baixo un teito e con condicións de vida dignas (coñecidos como Squats). Desta maneira naceron numerosos proxectos auto-xestionados entre as persoas refuxiadas e voluntarias que aínda perduran a día de hoxe. As squats desenvólvense asambleariamente entre familias refuxiadas e as activistas creando unha alternativa cohabitacional. Normalmente están nos pobos ou cidades, polo que reducen o risco de crear guetos de refuxiadas nas aforas. Un bo exemplo é o Hotel City Plaza no centro de Atenas, que alberga a 400 persoas e ao que este xornal tivo acceso. Novamente o goberno grego está desenvolvendo medidas para desaloxar os Squats e re-aloxar as refuxiadas en campamentos do estado como sucedeu a pasada semana en Tesalónica.   

Con posterioridade, a partires do 2016 comezáronse a crear campamentos de refuxiadas gobernamentais e militarizados. Os gobernamentais están xestionados por ONG e os militarizados polo exército. Mentres que os gobernamentais son abertos ou semiabertos, os militarizados son pechados e para acceder a eles precísanse permisos especias.

O caso máis controvertido é o do centro de detención para inmigrantes de Moria na illa de Lesvos. As refuxiadas que viven alí están privadas de liberdade, en réxime de vixilancia e cativerio  e con disciplina militar sen teren cometido ningún delito. A situación mantense de maneira indefinida até que chegue a resolución da petición de asilo e información que existe a cerca do que sucede no interior é escasa e dubidosa.

Futuro incerto

Tras a entrada en vigor do Tratado entre a UE e Turquía o fluxo de refuxiada caras as costas gregas diminuíu considerablemente, emerxendo outras rutas alternativas máis perigosas como Libia-Italia. Desta maneira, o foco nestes intres non está posto na chegada de novas refuxiadas, se non na resposta que o estado grego e a UE están dando a esta crise humanitaria.

O estado heleno devastado pola crise e cunha taxa de paro do 25% está sobre pasado tras absorber polo de agora, unha boa parte dos custos da crise das refuxiadas. Segundo un informe presentado por Yannis Stournaras, gobernador do Banco de Grecia, no 2016 o gasto público aumentou para absorber aos miles de refuxiadas e isto suporía o 0,3% do PIB, ou, o que é o mesmo, 600 millóns de euros.        
Ao mesmo tempo, a situación de inestabilidade política en Turquía xurdida tras os acontecementos do pasado xullo, ameaza con que Erdogan rache os acordos sobre a crise das refuxiadas entre Turquía e a UE. Isto podería supoñer novamente a chegada masiva de refuxiadas ás costas gregas, o que poría nunha situación moi complicada a súa economía.

Case 60.000 persoas arefuxiadas viven atrapadas en Grecia, nunha situación de total incerteza

Pola súa parte, as máis de 57.000 persoas refuxiadas viven nunha situación de total incerteza, inseguridade e desprotección. Atrapadas no país heleno até a chegada da resolución da petición de asilo. Viven nun impase que se eterniza e onde non sempre as necesidades básicas están cubertas mentres o mundo segue xirando. 

As circunstancias individuais de cada demandante de asilo é diferente. En moitos casos só están agardando pola reunificación familiar ao ter a algún membro da familia xa residindo na UE. Noutros casos, o seu poder adquisitivo permítelles xestionar os trámites con máis rapidez. En calquera caso, a frustración e o desánimo asentouse hai tempo no corpo de milleiros de persoas que tras fuxir dunha guerra, vense na obriga de vivir nas marxes dunha Europa pasiva.

Unha doutora voluntaria, conversando co equipo de Praza CC-BY-SA Miguelanxo Lar
Rutas das persoas refuxiadas Dominio Público ACNUR

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.