"O tratado UE-Turquía ten consecuencias terribles para as máis vulnerables"

CC-BY-SA Praza Pública

ATENAS - Enviados especiais

A illa da Lesvos, situada a escasos nove quilómetros da costa turca, foi o pasado ano a porta de entrada para máis de 800.000 que buscaban refuxio en Europa. Nun primeiro momento, a illa do Exeo era só un lugar de tránsito polo que miles de desprazadas pasaban diariamente para poñer rumbo ao continente europeo. Tras o Tratado bilateral entre a UE e Turquía, que contemplaba deportacións en quente para todas as persoas que accederan de maneira irregular a territorio europeo, ademais dun aumento significativo na protección e control da fronteira turca, o número de refuxiadas que chegaban diariamente á costa grega diminuíu cuantitativamente. Se en novembro e decembro de 2015 arredor de 50 embarcación tocaban chan heleno diariamente, hoxe non suman máis que un par ao día.

Tras o acordo entre Turquía e a UE, Médicos Sen Fronteiras renunciou aos fondos da Unión Europea e dos seus estados membros

A organización de axuda humanitaria, Médicos Sen Fronteiras, chegou a Lesvos en setembro de 2015 para dar apoio médico, loxístico e participar nas operacións de salvamento marítimo ás persoas que se atopaban en tránsito. Tras o acordo entre o Estado otomano e a Unión do pasado marzo, a organización decidiu cambiar de estratexia e renunciar aos fondos da UE e dos seus estados membros por considerar a súa política migratoria vergoñenta e devastadora para os dereitos das persoas refuxiadas. En palabras de Roberto Buttiglion, responsable do equipo loxístico de Médicos sen Fronteiras en Lesvos a este medio, o acordo “só é unha operación de control das fronteiras e non lle dá ningunha relevancia á protección das persoas refuxiadas nin unha solución aos seus problemas”. Ademais, apunta “este tratado crea un precedente para outros países á hora de cumprir a legalidade internacional e o estatuto das persoas refuxiadas tendo consecuencias terribles para as máis vulnerables”.

Cambio de estratexia

Paralelamente, a situación coas persoas refuxiadas na illa mudou. Por unha banda, a política disuasoria de crear un cinto de contención para as migrantes en Turquía e reducir ao mínimo número de chegadas e polo outro, o peche da fronteira con Macedonia, e así da coñecida como ruta dos Balcáns levaron ás refuxiadas a asumir o campamento municipal de Kara Tepe e o Centro de Detención de Moria como unha residencia até que deixen de estar bloqueadas en Grecia. Desta maneira, as prioridades de MSF e outras organizacións non gobernamentais e da sociedade civil céntrase na actualidade na asistencia directa ás refuxiadas nos campos, mentres esperan a que sexan aprobadas as súas peticións de asilo.

Nestes intres, afirma Buttiglion, a organización percorre cunha clínica móbil os diferentes campamentos dando cobertura médica ás refuxiadas, aínda que debido ao cambio na natureza das necesidades das doentes, a idea é abrir unha clínica fixa no centro de Mitilene, a escasos quilómetros dos campamentos, e prestar especial atención aos coidados no ámbito da saúde mental.

O punto quente de Lesvos: Moria

Dende o pasado mes de marzo moitas OINGs e Axencias internacionais como MSF ou ACNUR decidiron abandonar o centro de detención de migrantes de Moria por desenvolver “políticas de segregación e políticas contrarias aos dereitos das solicitantes de asilo” segundo indica Roberto, debido á aprobación das deportacións forzosas e ilegais a Turquía que inclumpren o dereito das persoas refuxiadas a solicitar asilo con todas as garantías no país de chegada, e que ao mesmo tempo, tampouco poden solicitar en embaixadas ou consulados de terceiros países.

Moitas OINGs e Axencias internacionais como MSF ou ACNUR decidiron abandonar o centro de detención de migrantes de Moria por desenvolver “políticas de segregación e políticas contrarias aos dereitos das solicitantes de asilo”

Ademais Moria, non cumpre as necesidades básicas das refuxiadas como comida, hiexene, auga, letrinas, e ao mesmo tempo sofre unha superpoboación importante. Ahamad Shaha, refuxiado afgán en Moria confirmaba a Praza que durante o mes de agosto e con 40 graos de temperatura, as residentes do Centro de Detención, non contaban con auga para se poder duchar ou beber e non había racións de comida suficiente para todas.

Buttiglion pola súa parte confirmou estas afirmacións e criticou a UE pola súa inoperatividade na xestión da situación das refuxiadas expresando que as refuxiadas non representarían máis do 0,2 % da poboación da Unión en contraposición coas cifras de refuxiadas en Líbano ou Xordania, e dentención que en todo este proceso “a UE podería ter feito moito máis”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.