"Europa pecha os ollos e mira cara a outro lado cos refuxiados"

CC-BY-SA Praza Pública

No último ano, a UE desenvolveu unha serie de medidas, totalmente ineficaces, para dar resposta ao importante número de refuxiadas que chegaban ás súas portas. Todas as estratexias implementadas destacan polo pouco éxito co que foron acollidas entre os Estados membros da Unión, mais tamén pola súa inoperatividade.

En plena crise do modelo europeo toman importancia as liortas internas que pretenden cuestionar o principio fundacional de soberanía compartida. Neste contexto, as pugnas entre os Estados membros anticipan a recuperación da soberanía estatal especialmente, en eidos como as fronteiras, razón que pon en dúbida o futuro do Espazo Schengen. Neste contexto, a Unión Europea revólvese nunha crise de identidade, que tras o Brexit e as numerosas correntes emerxentes na maioría dos Estados, con forte carácter anti europeo, non ten sinxela solución e convida a unha revisión do paradigma.

A idea dunha Europa económica, só convence a Alemaña. Os demais Estados membros debátense entre medidas máis soberanistas que permitan o control de fronteiras e así, os fluxos migratorios ou unha Europa dos pobos, asentada no principio da Europa social e solidaria.

Máis de 57.000 persoas refuxiadas esperan en Grecia poder ser aceptadas nalgún Estado da UE

Entre tanto, máis de 57,000 persoas refuxiadas esperan en Grecia poder ser aceptadas nalgún estado membro. Esta urxencia non concilia coa inmobilidade e ineficacia dunha Europa á que lle custa recoñecer a necesidade dun debate sobre o modelo futuro da Unión. 

No vídeo que acompaña esta reportaxe, diversas voces coñecedoras da crise dos refuxiados en Grecia expresan a súa opinión sobre o papel da UE neste drama. "Europa pecha os ollos e mira para outro lado", di un volutario. "Non lle importamos", asegura un refuxiado. 


Breve cronoloxía da crise europea coas refuxiadas

Preto dun millón de persoas procedentes de Siria, Afganistán e Iraq principalmente, mais tamén de outros Estados, puxeron rumbo a Europa no último ano debido aos distintos conflitos civís, sociais e políticos da rexión. A cifra só é equiparable ao éxodo masivo que tivo lugar na Segunda Guerra Mundial.

Un millón de persoas de Siria, Afganistán, Iraq e outros país puxeron rumbo a Europa no último ano fuxindo de conflitos sociais, civís e políticos

Verán de 2015: milleiros de persoas tentan chegar a Centroeuropa empregando Grecia como porta de entrada para continuar pola ruta dos Balcáns. As peticións de asilo rexistran a súa cifra máis elevada nos distintos estados membros. Paralelamente, Hungría inicia a construción dun muro na súa fronteira con Serbia para conter a entrada de refuxiadas e Macedonia decreta o estado de emerxencia. 

Setembro de 2015: paralízase o tren que fai a ruta Budapest-Viena dificultando que as refuxiadas cheguen a Centroeuropa e propiciando que as mafias especializadas no tráfico de persoas se beneficien da situación, transportando irregularmente a milleiros de persoas. A imaxe do cativo kurdo, Aylan, afogado nunha praia turca dá a volta ao mundo. A policía austríaca comeza a marcar con números ás refuxiadas desatando unha gran polémica e Hungría aproba un lote de medidas con penas d e até tres anos de cárcere para as persoas que intenten atravesar irregularmente as súas fronteiras.

España tan só acolleu un 0,1% das persoas refuxiadas acordadas tras as negociacións na UE

A UE, a iniciativa de Merkel, Hollande e Junker, impulsan cotas obrigatorias de acollida de refuxiadas para os Estados membros. Ante a negativa de certos Estados como Hungría ou España, renegócianse os números. A proposta sae adiante pero na actualidade, o cumprimento da medida é desigual entre os asinantes e en moitos casos como no do Estado Español, case inexistente cun 0,1% de refuxiadas recolocadas das 16.000 persoas acordadas.

Marzo de 2016: miles de persoas desprazadas seguen a chegar ás costas europeas. A UE asina un acordo con Turquía onde se califica este Estado como un país seguro. Ademais, a UE entregará 6.000 millóns de euros a Turquía para mellorar as condicións de vida das persoas sirias en Turquía e iniciará o procedemento de adhesión do país otomano á Unión. O tratado tamén establece devolver a Turquía todas as persoas que crucen de maneira irregular dende este país a Grecia e establece un mecanismo de “un por un”, polo que a UE acollerá a unha refuxiada siria dende o territorio turco por cada refuxiada que chegue de maneira irregular a Grecia e sexa deportada a este país. A medida pretende disuadir as solicitantes de asilo de chegar de maneira irregular a Europa. Na actualidade este mecanismo está totalmente morto. Turquía tamén mellorará os controis fronteirizos para evitar o fluxo irregular de persoas.  

O acordo UE-Turquía pretende disuadir as solicitantes de asilo de chegar de xeito irregular a Europa

Verán de 2016: o número de refuxiadas que chegan ás costas gregas reduciuse considerablemente mentres preto de 60.000 persoas refuxiadas están bloqueadas en Grecia debido ao peche das fronteiras e ao non cumprimento do acordo de recolocación de solicitantes de asilo por parte dos estados membros. 

 

A ineficacia lexislativa europea

A UE recolle no artigo 18 da súa Carta de Dereitos Fundamentais de carácter vinculante dende 2009 que “garante o dereito de asilo dentro do respecto das normas da Convención de Xenebra (...) e o Estatuto dos Refuxiados (...)". Ao mesmo tempo, o artigo 19 da mesma Carta prohibe as “expulsións colectivas” e  anuncia que “ninguén poderá ser devolto, expulsado ou extraditado a un Estado no que corra un grave risco de ser sometido á pena de morte, a tortura ou a outras penas ou tratos inhumanos ou degradantes”.

Só 500 persoas foron recolocadas dun total de 160.000 pendentes

Pola contra, no acordo desenvolvido o pasado setembro sobre as cotas de persoas refuxiadas que debían ser asumidas polos Estados membros, non se contempla unha cifra realista do número total das persoas que tentan solicitar asilo e tampouco se dá prioridade á resolución inmediata dunha situación humanitaria de carácter urxente. É dicir, priman os números por encima dos dereitos das persoas. A esta situación hai que engadirlle que todos os Estados membros incumpren sistematicamente o acordado e que, na actualidade, só 500 persoas foron recolocadas dun total de 160.000. A situación vólvese dramática e cuestiona o liderado e operatividade da Unión.

A UE pasa a considerar Turquía un “país seguro” cando existen reiteradas mostras do incumprimento do sistema de protección dos dereitos humanos

Da mesma maneira, o acordo entre a UE e Turquía non é un acto froito da política activa de cooperación dos Estados para dar solución dentro da unión ao conflito. Simplemente é un tratado que pon un cinto de contención aos fluxos migratorios fóra das fronteiras europeas, sen contemplar o fondo do problema. A contrapartida do devandito acordo ten un custo moi elevado para Europa. Ademais dos fondos que deben ser entregados a Turquía, a Unión pasa a considerar o Estado otomano un “país seguro” cando existen reiteradas mostras do incumprimento sistemático do sistema de protección dos dereitos humanos. A outra peza de xadrez que se move no taboleiro é o inicio das negociacións para a posible integración de Turquía na Unión Europea e o acordo de libre circulación das nacionais turcas en territorio europeo.

Por primeira vez na UE, o dereito internacional de asilo esmorece

Nunha fuxida cara adiante da Unión, que non parece pensar demasiado nas consecuencias futuras dos seus últimos acordos, tamén se senta un precedente. Por primeira vez na historia da UE, o dereito internacional de asilo, construído con grandes dificultade tras a Segunda Guerra Mundial, esmorece. A organización rexional, decidiu non cumprir o Convenio de Xenebra e o Estatuto das Persoas Refuxiadas, dos que forma parte, mais tampouco a súa propia carta de Dereitos Fundamentais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.