O 'oasis' de Kara Tepe: onde as refuxiadas son hóspedes

Captura de imaxe da vídeorreportaxe de Kara Tepe © María Rúa / Miguelanxo Lar

A escasos dous quilómetros e medio de Mitilene, en Lesbos, atópase un dos máis afamados campamentos de refuxiadas de Grecia. De titularidade municipal, as mesmas persoas refuxiadas advírtennos que Kara Tepe é diferente. Un oasis dentro da precariedade e desorganización que caracteriza aos demais campamentos.

As refuxiadas advirten que Kara Tepe é diferente: un 'oasis' dentro da precariedade e desorganización dos demais campamentos

Tras solicitar o permiso de visita no Concello, Kimberley, xefa de equipo da OING holandesa Because we Carry, cítanos con entusiasmo ás 8.30 da mañá para asistir á preparación e entrega de almorzos. “Tedes que acompañarnos. Un grupo de refuxiadas afgás preparan case 1.000 racións de almorzo todos os días. Poñemos música, cantamos, rimos e divertímonos moito. Despois facemos entrega da comida porta a porta para que as demais refuxiadas non teñan que facer fila”.

"Un grupo de afgás preparan case 1.000 racións de almorzo cada día; poñemos música, cantamos, rimos e divertímonos moito"

En efecto, cando chegamos xa está soando música tradicional afgá. Pan fresco, cogombros, manteiga, marmelada, plátanos e té conforman o almorzo. Tras facer paquetes individuais, soben os alimentos na furgoneta da OING e comeza o reparto personalizado.

“Non nos gusta chamarlle campamento. Kara Tepe é un Centro de Aloxamento e as nosas hóspedes son as refuxiadas” afirma Stavros Mirogiannis, director do campamento. “Aquí as OINGs e a municipalidade facemos todo o posible para que as residentes teñan as mellores condicións de vida. Todo funciona porque non nos custa botar fóra ás organizacións que non queren seguir o noso modelo. Non hai competición entre elas. Cada unha adícase a tarefas específicas e respéctanse os seus ámbitos de actuación”.

O espazo distribúese en diferentes zonas. A área habitacional confórmase por decenas de barracas unifamiliares prefabricadas. Só as persoas que chegan soas comparten espazo con descoñecidos. Desta maneira, dende a dirección pretenden preservar a intimidade das familias e fomentar espazos de benestar e seguridade persoal. Nun dos extremos localízase a área de recreo para as crianzas, e a escasos dez metros unha horta. No lado oposto sitúanse as dependencias das diferentes OINGs e o auditorio, onde se realizan actividades para adultos e festas os sábados pola noite.
Con todo, o centro neurálxico e punto de encontro é a praza. Nel atópase o posto de té e o almacén de roupa. Aquí as refuxiadas acoden diariamente para beber e socializar entre elas.

"É moi importante que sintan que non están mendigando, senón que a comida é un dereito que teñen como seres humanos”

O xantar e a cea tamén se entregan seguindo o modelo “un a un”. Neste caso é unha organización española a que se encarga da tarefa axudada por voluntarias. “Decidimos repartir de xeito personalizado a comida, xa que é a maneira de tratar a xente con dignidade. A nivel psicolóxico é moi importante que sintan que non están mendigando senón que é un dereito que teñen como seres humanos”, asinte Kimberly.

 

Campamento para persoas vulnerables

Kara Tepe é un campamento de persoas vulnerables. Isto é, un centro de acollida para persoas que teñen dificultades específicas como enfermidades crónicas, mais tamén para aquelas que sofren acoso directo ou persecución e cuxa integridade física corre perigo. Ao mesmo tempo, tamén se tende a situar en Kara Tepe ás mulleres que chegan soas e as familias. Neste último caso para garantir o dereito de reunificación familiar.

Kara Tepe é un campamento de persoas vulnerables, un centro de acollida para persoas que teñen dificultades específicas

Unha vez as refuxiadas chegan á illa de Lesbos, as autoridades realizan unha clasificación da casuística de cada desprazada. No caso de estar dentro dos supostos para ser considerados casos vulnerables, van directamente para Kara Tepe. Pola contra, todas as demais persoas, especialmente varóns sen familia e menores, son detidas e levadas para o Centro de Detención para Migrantes de Moria. Alí están privadas de liberdade durante 20 días tras os cales se lles permite solicitar asilo e quedar libres ou, ao contrario, iniciar os trámites para realizar unha deportación forzosa a Turquía.

Quen non vai a Kara Tepe acaba no Centro de Detención para Migrantes de Moria, onde están privados de liberdade 20 días

Os dous campos principais que existen na illa destacan polo seu carácter antagónico. Se Kara Tepe está considerado un dos mellores campos de refuxiadas de Europa, Moria preséntanse como un dos puntos negros máis alarmantes e preocupantes de Grecia. Primeiramente porque é un centro de detención. Segundo, porque está xestionado polo exército e o acceso está moi restrinxido, incluso para OINGs. Ademais, existen denuncias diarias da vulneración dos dereitos humanos e dos dereitos das solicitantes de asilo. A escaseza de comida, o superpoboación, a ausencia de auga potable para o consumo e a ausencia de duchas e latrinas son problemas cotiás.

Kara Tepe é considerado un dos mellores campos de refuxiadas de Europa; Moria preséntanse como un dos puntos negros máis preocupantes de Grecia

 

Cara un novo modelo de xestión dos campamentos

“Os campamentos, pola súa propia natureza, nunca poderán ser espazos ideais para os seres humanos, senón unha medida transitoria que responde a unha necesidade puntual” afirma Mirogiannis, director do campamento de Kara Tepe. Non obstante, continúa, “un campamento pode preservar a dignidade dos seus hóspedes proporcionándolles coidados e garantíndolles os seus dereitos. Esta foi a idea coa que comezamos a traballar aquí”.

Kara Tepe estaba superpoboado e as condicións eran duras; o modelo cooperativo entre ONGs e a integración das refuxidas na toma de decisións mudou a situación

Hai só un ano, cando até máis de 8.000 persoas exiliadas chegaban ás costas de Lesbos, Kara Tepe estaba superpoboado e as condicións de vida eran durísimas. Unha vez se propuxo este novo modelo cooperativo entre diferentes OINGs e se integraron as propias persoas refuxiadas na toma de decisións e responsabilidades no desenvolvemento do campamento, a situación mudou até chegar ao que podemos atopar a día de hoxe.

Nestes momentos, son moitos os directores de campamentos que están interesados neste modelo, e pretenden copialo para implantalo noutros puntos do territorio grego e tentar que moitas outras persoas se beneficien desta iniciativa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.