A Flotilla de Mulleres Rumbo a Gaza, abordada polo exército israelí

Presentación da campaña galega “Rompamos o bloqueo. Mulleres Rumbo a Gaza” Dominio Público BDS Galiza

O barco Zaytouna-Oliva, que conforma a Flotilla de Mulleres Rumbo a Gaza e no que viaxan trece activistas de distintos países (entre elas a fotógrafa española Sandra Barrilaro), foi interceptado polo exército israelí ao redor das catro da tarde a unhas 50 millas da costa de Gaza, en augas internacionais. Poucos minutos antes das catro, o buque informou que estaba a ser rodeado e pouco despois perdeuse toda comunicación con el. De momento non se teñen demasiadas informacións sobre a acción militar ou sobre a situación na que se atopan a tripulación e as participantes na iniciativa

Segundo infora Al Jazeera, que conta con dous xornalistas na embarcación, o Zaytouna será levado ao porto israelí de Ashdod, ao norte da franxa de Gaza, onde as mulleres serán interrogadas e deportadas. Nas últimas horas milleiros de persoas foron concentrándose nas praias de Gaza con bandeiras palestinas para recibir o barco, que buscaba rachar o bloqueo ao que Israel somete dende hai anos a este territorio. O buque partiu o pasado 17 de setembro de Barcelona (onde quedou outro dos barcos que compuñan a flotilla, o Amal-Hope) e o 27 de setembro do porto italiano de Messina. 

O luns foi presentada en Compostela a campaña “Rompamos o bloqueo. Mulleres Rumbo a Gaza”, impulsada por BDS-Galiza en colaboración coa Coordinadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres, e que conta ademais co apoio de organizacións como Mar de Lumes, Pallasos en Rebeldía, Asociación Galega contra o Maltrato a Menores, Conas Ceives, Lésbicas Creando e MNG. O obxectivo era manifestar a súa solidariedade e pedir protección ao estado español e a UE para a flotilla.

Ana Miranda, que falou en calidade de extripulante e persoa secuestrada e deportada por Israel, alertou de que a flotilla podía ser interceptada en calquera momento. Mentres, a secretaria das mulleres do SLG, María Ferreiro, sinalou a "triple opresión" que sofren as mulleres palestinas: a xerada pola ocupación e invasión do seu territorio polo goberno israelí; a causada polo patriarcado “que todas sufrimos e nesa zona non é menos” e a provocada pola mirada occidental, coa que  “relegamos a estas mulleres a un papel doméstico e totalmente pasivo".

 

Concentracións en Galicia

Ás 19 horas deste mércores levaranse a cabo concentracións de apoio á Flotilla nas sete cidades galegas. "Mulleres bravas navegan neste momento Rumbo a Gaza para romper o bloqueo do criminal estado Israelí que acaba de ameazar públicamente con abordar o barco nos próximos días. Por elas e polas mulleres e o pobo Palestino estamos en alerta e respondemos!", saliéntase na convocatoria da Marcha Mundial das Mulleres. Os actos foran xa convocados este martes, en previsión de que o barco fose abordado ao longo deste día.

  • Compostela, Praza do Pan
  • Ourense, Subdelegación do goberno
  • Vigo, Marco
  • Pontevedra, Praza da Pergrina
  • Lugo, Praza do Concello
  • Ferrol, Praza do Concello
  • A Coruña, Praza de Ourense
Algunhas das activistas que viaxan no barco © Freedom Flotilla Coalition
O buque foi interceptado a unhas 50 millas da costa de Gaza © Freedom Flotilla Coalition
Logo da acción © Freedom Flotilla Coalition
O barco partiu de Messina o pasado día 27 © Freedom Flotilla Coalition

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.