0 Gardados para despois

“Se Marrocos incorpora Dajla á Conferencia de Rexións Periféricas, violará o dereito internacional”

Redacción | @prazapublica

A Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas de Europa (CRPM) celebra a vindeira semana (do 2 ao 4 de novembro) unha nova xuntanza. Nela Marrocos, integrante da Comisión Intermediterránea desta conferencia, tentará incorporar ao organismo a localidade saharauí de Dajla, como xa fixo hai dous anos co Aaiún, Sakia e El Hamra, coma se fosen territorios baixo a súa soberanía.

Xabier Ron, membro da dirección de Esquerda Unida e ex deputado de AGE, denunciou este xoves "a vulneración constante dos dereitos do pobo saharauí por parte do Reino de Marrocos". Ron cualificou a posible incorporación de Dajla como se fose parte do territorio de Marrocos como “unha manobra destinada a xustificar a ocupación dos territorios que pertencen, de forma soberana, ao pobo saharauí, tal e como se recoñece na resolución da ONU”.  “Se Dajla incorpórase á Conferencia de Rexións Periféricas, estariamos ante unha nova violación do dereito internacional”, engadiu.

A Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) é unha organización establecida en 1973, da que forma parte Galicia, xunto con outras 160 rexións de 28 países distintos. Entre os seus obxectivos están "a defensa dos necesidades e intereses das rexións integrantes" traballando por "unha política marítima integrada cuxo obxectivo é contribuír ao crecemento económico en Europa".

Xabier Ron explicou que esta denuncia será trasladada ao grupo parlamentario de En Marea “que debe instar á Xunta a actuar conforme aos acordos da Declaración Institucional aprobada por unanimidade na pasada lexislatura na que se recoñece a necesidade de acadar unha solución xusta e definitiva, en defensa do lexítimo dereito do pobo saharauí á súa autodeterminación e, xa que logo, á soberanía sobre os territorios hoxe ocupados polo Reino de Marrocos”. Esquerda Unida critica "o comportamento de  Marrocos, que segue a vulnerar o dereito internacional, unha vez máis, grazas ao silencio cómplice do estado español, potencia administradora, que permite así a ocupación do Sáhara Occidental e a apropiación ilegal e usurpación por parte do Reino de Marrocos dos recursos naturais pertencentes ao pobo saharauí".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.