O humor como arma ideolóxica en Siria

Discurso de Bashar al-Assad na televisión siria © Al-Jazeera

A politóloga Lisa Wedeen, da Universidade de Chicago, e o director sirio de TV Allais Hajou ofrecen este xoves pola tarde un seminario no Consello da Cultura sobre Ideoloxía e humor en tempos escuros. Notas desde Siria. Weeden defende que "a comedia e a risa que esta provoca serven, abofé, para levar a cabo un importante labor ideolóxico, unhas veces reforzando as convencións políticas e outras presentándolles grandes desafíos" e analiza as ferramentas audiovisuais, principalmente humorísticas ou ficcionais en calquera caso, empregadas tanto polo goberno de Bashar al-Assad coma polos grupos e activistas da oposición.

"A comedia e a risa que esta provoca serven, abofé, para levar a cabo un importante labor ideolóxico, unhas veces reforzando as convencións políticas e outras presentándolles grandes desafíos"

No seu relatorio, que o Consello da Cultura Galega ofrece para a súa descarga, en inglés e en galego, Lisa Weeden analiza o desenvolvemento nos últimos meses dos enfrontamentos entre os partidarios do réxime vixente e os grupos opositores, as orixes sociais e xeográficas de cada un deles e a evolución recente dos acontecementos e tendencias que se apuntan. Weeden afirma que nas dúas cidades máis importantes de Siria, Alepo e Damasco, non houbo unha cantidade significativa de cidadáns que se mobilizasen. E explica que "talvez se trate de que Alepo e Damasco están tan vixiadas polas forzas de seguridade que ata agora o medo impediu que se desenvolvese un movemento de resistencia a grande escala. Outra posible resposta é que o réxime, malia en Occidente se afirmar o contrario, conserva a súa lexitimidade, polo menos nas circunscricións das dúas cidades que lle son vitais".

Así mesmo, até o de agora as mobilizacións estiveron protagonizadas polos habitantes das zonas rurais e polas clases baixas, "mentres que as familias burguesas tradicionalmente acomodadas e as filas, cada vez máis numerosas, de novos ricos residentes nos barrios céntricos de xente requintada e con diñeiro semella que tiñan maior interese en agardar a que pasasen as loitas".

"As recentes protestas universitarias vistas en Alepo e o activismo da xuventude en barrios damasquinos de renda mixta apuntan ás importantes dimensións xeracionais da contenda e talvez á crecente disposición da xuventude de clase media a se botar ás rúas"

Porén, a investigadora experta en Oriente Medio detecta algúns cambios de tendencia: "os ataques coordinados lanzados polos comerciantes de ambas as cidades como reacción á masacre de Hula, á que se lle deu unha ampla cobertura nos medios, marcan unha escalada do conflito en zonas que antes se mantiveran inactivas e nas que desta vez membros da clase media participan nunha loita política sobre a cal en público calaran". Tamén afirma que "as recentes protestas universitarias vistas en Alepo e o activismo da xuventude en barrios damasquinos de renda mixta apuntan ás importantes dimensións xeracionais da contenda e talvez á crecente disposición da xuventude de clase media a se botar ás rúas".

 

A televisión como ferramenta política

A profesora analiza o "culto á personalidade" que arrodeou o presidente sirio Hafez Al Asad (1970-2000)

A profesora analiza o "culto á personalidade" que arrodeou o presidente sirio Hafez Al Asad (1970-2000), coas prácticas retóricas e as imaxes que serviron para apartar os grandes problemas políticos do centrodo debate público. Salienta que "a súa figura foi omnipresente: nos xornais, na televisión e no transcurso de espectáculos orquestrados enxalzábase o dirixente cos epítetos de pai, nobre cabaleiro e mesmo farmacéutico primeiro do país". Porén, Weeden defende que "a maioría dos sirios, incluídos os que crearan a retórica oficial, non crían o que esta afirmaba" pois o culto sirio a Hafez Al Asad actuaba "non xerando unha crenza ou un compromiso emocional —que se dan por presupostos nos conceptos de lexitimidade e hexemonía—, senón definindo tanto a forma como o fondo da obediencia civil", de xeito que "os cidadáns actuaban coma se reverenciasen o seu dirixente" e "ao inundar de simbolismo instrutivo a vida cotiá, o réxime exercía unha forma de poder sutil, mais efectiva".

En contraposición, nos últimos anos apareceron "numerosas creacións dos usuarios da Rede que se burlan do presidente (algo que antes non resultaba posible), tiras cómicas que establecen analoxías entre el e outros ditadores xa desaparecidos, a posta en dúbida do relato oficial dos acontecementos por parte de cadeas de televisión por satélite como Al Yazira e Al Arabiya, e os chamamentos á fin do réxime emitidos en todo tipo de medios sociais". Así mesmo, a investigadora cre que tamén xogaron un papel fundamental "as producións e a publicidade emitidos pola televisión siria", que contribuíron a "cultivar desexos por posuír determinados artigos de consumo" e a "albergar novas ambicións de ascender na escala social".

Así mesmo, a investigadora cre que tamén xogaron un papel fundamental "as producións e a publicidade emitidos pola televisión siria", que contribuíron a "cultivar desexos por posuír determinados artigos de consumo" e a "albergar novas ambicións de ascender na escala social"

 

O papel dos medios nos últimos meses

Weeden explica que nos últimos meses "o réxime non só deu en esmagar a resistencia senón que ademais se armou do seu propio aparato de produción cultural, posto ao servizo da preservación do seu goberno". Así, os programas radiofónicos "dedicados ao estilo e á importancia de aplicar ben o rímmel" cedéronlles o paso "a intricados programas de entrevistas e a interpelacións nas rúas nos que inicialmente se negaba a existencia das protestas e ao mesmo tempo se situaba o foco do malestar nas maquinacións orquestradas por gobernos estranxeiros". Así mesmo, recrutouse a actores sirios famosos que fixeron innumerables aparicións televisivas "nas que as grandes discrepancias que xurdían entre eles tendían a quedar escurecidas por unha marcada preocupación pola estabilidade do réxime e por demandas de lealdade pública".

Weeden explica que nos últimos meses "o réxime non só deu en esmagar a resistencia senón que ademais se armou do seu propio aparato de produción cultural, posto ao servizo da preservación do seu goberno"

Na banda da oposición, a investigadora salienta a serie televisiva Dayaa Daayaa, que "recorre á lixeireza das bufonadas clásicas para abordar os temas da corrupción cotiá, a volubilidade do réxime, a pobreza e as incongruencias da retórica política en tempos escuros". Esta produción siria, que parodia o réxime, os cidadáns e os mecanismos de control social en que ambos están enredados, é o exercicio de burla do autoritarismo das circunstancias que maior éxito acadou.

Lisa Weeden © Ohio State University
Discurso de Bashar al-Assad na televisión siria © Al-Jazeera

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.