Paraguai: golpe con disfrace de xuízo político

O presidente paraguaio destituído, nun mitin CC-BY-NC-SA Fernando Lugo Méndez

O mércores 20 de xuño comezouse a falar en voz alta de someter a xuízo político a Fernando Lugo (61), electo presidente de Paraguai en 2008 con 40,82% dos votos. Na mañá do xoves 21 a Cámara de Deputados decidiu facelo, por 76 votos contra 1. Antes do mediodía, a Cámara de Senadores comezaba a sesión extraordinaria na que se aprobou o prego de cargos. Para as 7 da tarde do día seguinte o vicepresidente liberal, Federico Franco (49), xa xurara como novo presidente deste país de menos de sete millóns de habitantes, situado no corazón de Sudamérica.

Cando rematou a función e as canles de televisión voltaron á súa programación habitual de telenovelas brasileiras e concursos de cus e tetas, os terratenentes (da soia e da gandaría), os dirixentes dos partidos tradicionais e da igrexa católica puideron durmir máis tranquilos que nos 3 anos, 10 meses e 7 días que durou o goberno da Alianza Patriótica para o Cambio (APC).

O xuízo político express ao que foi sometido o ex-bispo católico foi unha parodia, pero legal: cumpriu o mecanismo contemplado na Constitución Nacional paraguaia, que non fala de prazos

O xuízo político express ao que foi sometido o ex-bispo católico foi unha parodia, pero legal: cumpriu o mecanismo contemplado na Constitución Nacional paraguaia, que non fala de prazos. Foi tamén unha aberrante demostración do poder que teñen as forzas da dereita cando se unen para actuar como un tractor. Lugo foi acusado de cinco cargos: o uso dun cuartel militar para un acto político de mozos socialistas; a instigación á invasión dunha propiedade privada en Ñacunday, ao leste do país; a crecente inseguridade; a firma do Protocolo de Ushuaia II e a súa responsabilidade na matanza, o 15 de xuño, de 17 persoas (once campesiños ocupantes e seis policías) en Curuguaty, ao noroeste do país, nun desaloxo disposto por orde xudicial e solicitado por Óscar Tuma, deputado que unha semana máis tarde cumpriría o rol de fiscal acusador no xuízo político. O campo Morombí, onde ocorreu a matanza, pertence a Blas N. Riquelme, político colorado, que se apropiou del indebidamente, segundo o Informe Final da Comisión Verdade e Xustiza,que investigou os delitos cometidos pola ditadura de Alfredo Stroessner.

Foi tamén unha aberrante demostración do poder que teñen as forzas da dereita cando se unen para actuar como un tractor

Para preparar a súa defensa de todos estes cargos, a Lugo déronlle menos de un día, e para defenderse axendáronlle dúas horas. Tratábase apenas dun superficial intento por coidar as formas, porque a trama estaba urdida e a sorte lanzada. Estaba a violarse tamén o artigo constitucional que garante a calquera cidadán a posibilidade dun xuízo xusto. Lugo, que o xoves dixo que non ía renunciar e aceptou someterse ao xuízo, despediuse o venres dicindo que non era el quen recibía un golpe, senón a historia paraguaia: “A súa democracia é a que foi ferida profundamente”.

 

Quen é Fernando Lugo?

Lugo puido ser presidente grazas a unha alianza de pequenos partidos de esquerda, vinte organizacións sociais e o Partido Liberal Radical Auténtico (PLRA), do cal xurdiu o seu sucesor. Unha mestura heteroxénea, onde o factor común era a intención de derrocar ao Partido Colorado, que gobernou ao país durante 61 anos, 35 dos cales -entre 1954 e 1989- foron baixo a ditadura de Stroessner.

Lugo puido ser presidente grazas a unha alianza de pequenos partidos de esquerda, vinte organizacións sociais e o Partido Liberal Radical

Chegou ao poder coñecido por ser “o bispo dos pobres”. Franco, a quen até estas horas os demais de presidentes de América Latina se negan a recoñecer, sempre conspirou na súa contra e nunca ocultou os seus desexos de asumir a primeira maxistratura. Neste mesmo ano someteuse a unha modalidade de enquisa, decidida polo seu partido, para definir o candidato a presidente para as eleccións do ano 2013 e saiu último entre o tres candidatos presentados, a pesar de que para mellorar a súa imaxe fíxose até un estiramento facial e afeitou o bigote de toda a vida. Polo menos a curto prazo, os votos non lle ían permitir consumar as súas ambicións.

Franco pode ser presidente hoxe porque o partido Colorado e a igrexa católica déixano. Xuntos, os liberais e os colorados, teñen intereses que defender, principalmente os da oligarquía que concentra en propiedade grandes extensións de terra: o 80 % dos campos fértiles está en mans do 2% da poboación. Moitas desas terras foron malhabidas durante a ditadura.

Xuntos, os liberais e os colorados, teñen intereses que defender, principalmente os da oligarquía que concentra en propiedade grandes extensións de terra

Lugo tamén deixou que Franco chegase ao cargo. Non puido consolidar unha forza lexislativa. Non soubo capitalizar o entusiasmo que xerou na xente que o votou. A pesar de que puxo en marcha plans sociais importantes, que beneficiaron fundamentalmente os máis pobres, e de que no 2011 o país rexistrou un crecemento económico do 14,5 %, grazas á exportación de carne e soia e ao boom da construción, demostrou unha irritante falta de personalidade e escondeuse cando houbo problemas graves. Viaxou 75 veces ao exterior durante o seu goberno e perdeu reputación cando comezaron a aparecer mulleres demandando o recoñecemento da paternidade dos seus fillos, concibidos durante o tempo en que era bispo. Fillos a quen lles negou o dereito á identidade, o sustento e o agarimo. Ao último, de dez anos, recoñeceuno este mesmo mes. Os seus fillos, o cancro linfático que lle detectaron en pleno exercicio da presidencia e do cal se curou son xa unha anécdota.

 

Que hai detrás deste golpe?

Que hai detrás deste golpe? O propio Lugo responsabilizou da súa caída a Horacio Cartes, un dos homes máis ricos do Paraguai, precandidato a presidente polo partido Colorado e cun nome asociado ao narcotráfico. Cartes tamén é propietario de grandes extensións de terra, e comparte coa elite que é dona do país o temor de que, a 14 meses da data en que Lugo debía entregar o poder ao seu sucesor electo por vontade popular, as grandes masas campesiñas sentisen con máis forza que a prometida reforma agraria non se ía concretar.

A ocupación de terras en Ñacunday –unha zona de cultivos de soia fertilizados con agrotóxicos– e logo a ocupación do campo Morombí, en Curuguaty, onde ocorreu a matanza que desencadeou a farsa do xuízo político, acenderon nos poderosos o temor de que os campesiños sen terra intensificasen as ocupacións no tempo que lle restaba a Lugo e lograsen desposuílos de polo menos unha parte das súas propiedades. Quen foi o responsable desa matanza? Probablemente nunca se saberá. Hoxe tócalle investigala a unhas autoridades que asumiron os seus cargos precisamente grazas a que ela se produciu

Quen foi o responsable desa matanza? Probablemente nunca se saberá. Hoxe tócalle investigala a unhas autoridades que asumiron os seus cargos precisamente grazas a que ela se produciu

Lugo xa dixo adeus. Os países do Mercado Común do Sur (MERCOSUR) e da Unión de Nacións Sudamericanas (UNASUR) néganse a recoñecer Federico Franco como presidente do Paraguai. A Organización de Estados Americanos considera que o ex-presidente non tivo o dereito á lexítima defensa e que foron violados principios democráticos. Brasil e Arxentina, os dous países con maior influencia sobre Paraguai, ademais de Uruguai, retiraron aos seus embaixadores “pola ruptura da orde democrática”. Aínda con todo isto, é difícil pensar en que a situación se modifique.

No seu discurso de asunción da presidencia, Franco comprometeuse a iniciar de forma inmediata un plan de desenvolvemento rural sustentable que permita unha reforma agraria integral e dixo que vai continuar con “todo o que se fixo (...) e que foi ben feito”. O problema aquí é quen define o que é ben feito. E para quen.

[Crónica enviada por unha xornalista paraguaia que prefere manter o anonimato]

Fernando Lugo CC-BY-NC-SA Praza Pública
Protestas cidadás contra a destitución de Lugo © @pvillegas_tlSUR

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.