0 Gardados para despois

"A acción exterior é unha política pública irrenunciable para todo goberno"

Redacción | @prazapublica

O 28 e 29 de xuño do pasado ano celebrouse en Pontevedra o I Congreso de Estudos Internacionais de Galicia, que buscaba analizar o actual estado da acción exterior e da internacionalización na política, na cultura, na sociedade ou na economía galegas. O inicio do Congreso fíxose coincidir co 80 aniversario da aprobación en referendo do Estatuto de Autonomía de 1936, como recordatorio do carácter universalista e aberto ao mundo da Xeración Nós e do galeguismo dos anos 20 e 30 do século pasado.

O encontro estaba impulsado polo IGADI e a Universidade de Vigo. O presidente do IGADI, Xulio Ríos, pedía "loitar contra a idea de que a acción exterior é unha excentricidade ou un malgasto" e apelaba a que "o autogoberno e a universalidade son as dúas caras dunha mesma moeda".

"Reviste certa urxencia superar a falta de comprensión institucional e cívica desta cuestión instando aos diversos actores a asumir un maior compromiso cunha acción exterior centrada nos intereses da nosa Terra"

Nas conclusións do Congreso salientouse que no actual contexto de mundialización, "a acción exterior é unha política pública irrenunciable para todo goberno, calquera que sexa o seu nivel, superando as limitacións clásicas. Para levala a cabo debe dotarse dunha estratexia específica, integral e consensuada e aplicala con perseveranza". E que "en Galicia, a autonomía e o vixente marco xurídico de relacións co Estado brinda posibilidades aínda non de todo exploradas para desenvolver unha acción exterior leal que teña en conta as nosas especificidades", subliñándose as diferenzas crecentes coas políticas desenvolvidas neste senso por Cataluña e Euskadi. Asi mesmo, sinalouse que "reviste certa urxencia superar a falta de comprensión institucional e cívica desta cuestión instando aos diversos actores a asumir un maior compromiso cunha acción exterior centrada nos intereses da nosa Terra". 

"Cómpre reivindicar a acción exterior como un espazo de encontro entre as principais forzas políticas cun programa de mínimos que facilite a súa continuidade á marxe das alternancias", díxose. E propúxose "construír unha marca Galicia que responda ás nosas ambicións", sinalando ámbitos coma a diáspora, "a nosa dimensión europea pero tamén atlántica", e "as posibilidades da nosa lingua e cultura, das nosas universidades, das nosas empresas e sectores produtivos".

O Congreso contou con 15 achegas de expertos e expertas, que analizaron a acción exterior galega dende o punto de vista institucional, económico, social e cultural, e que agora se publican nun número especial da revista Tempo Exterior. Comezando pola conferencia inaugural (Galicia, “célula de universalidade”. Reflexións sobre cultura e acción exterior) que correu a cargo de Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega. E engadindo dúas intervencións que expuxeron as políticas de acción exterior levadas a cabo por Cataluña e Euskadi.

O Congreso contou con 15 achegas de expertos e expertas, que analizaron a acción exterior galega dende o punto de vista institucional, económico, social e cultura

Estes foron os 15 relatorios: Galicia e a súa proxección internacional (Jesús Gamallo Aller), Galicia precisa da política exterior (Xoán Antón Pérez Lema), Galicia, unha autonomía no mundo. Galicia, unha nación cultural (María Pilar Pin Vega), A economía galega ante os desafíos da globalización ((Fernando González Laxe), Internacionalizar unha economía, internacionalizar a empresa (Abel Veiga Copo), A economía galega en perspectiva internacional: avances, feblezas e retos de futuro (Manuel González López), As ONG para o Desenvolvemento nunha paradiplomacia en Rede (Emilio M. Martínez Rivas), Ativos duma paradiplomacia em rede (Teresa Moure), Galicia no ollo divino (Xavier Alcalá), Ambicións e posibilidades globais da nosa industria cultural. Reflexión sobre a internacionalización do libro galego (Xosé Ballesteros), O cinema como operador da internacionalización (Margarita Ledo), A produción audiovisual de Galicia e a internacionalización (Antón Reixa) e Galicia e a Cooperación Transfronteiriza no horizonte 2014-2020 (Rosa Ricoy).

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.