0 Gardados para despois

“A nosa prioridade é unha política exterior que faga da cooperación o piar fundamental”

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Logo da nova lexislación imposta en 2014 polo Goberno central á acción exterior do resto de administracións, a Xunta aprobou a finais de 2015 un decreto co que regulou esa área competencial e determinou a elaboración da primeira Estratexia Galega de Acción Exterior (Egaex), documento que pretende superar anteriores reflexións globais ou estratexias parciais. O Goberno galego someteu a finais de 2016 a exposición pública o borrador desa estratexia, de 180 páxinas, que espera aprobar ao longo de 2017. Praza Pública e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) entrevistan sobre a proxección internacional que queren para Galicia ao director xeral de Relacións Exteriores da Xunta e a responsables na materia dos grupos da oposición. Luca Chao é portavoz en materia exterior do grupo parlamentario de En Marea

Que aspectos positivos e cales negativos atopa no borrador da Egaex?

O máis negativo é que máis que un plan de acción exterior habería que falar dun plan de internacionalización da economía. A economía aparece ducias de veces, en cambio cuestións básicas como os dereitos e os compromisos coa cooperación ao desenvolvemento ou os refuxiados teñen un espazo claramente menor. En todo o documento, en máis de 180 páxinas, só se fai unha mención aos refuxiados.

E aspectos positivos?

Que por primeira vez a Xunta decida facer unha estratexia para guiar a acción exterior paréceme que non pode criticarse. Igual por unha vez deciden asumir certo perfil propio de cara a que papel debe ocupar Galicia no exterior.

"A urxencia maior que temos no ámbito das migracións é atender a eses miles de mozas e mozos que tiveron que marchar a buscar traballo, pero na Egaex non hai ningunha mención a este colectivo"

As migracións é o seu ámbito de especialización académica. Que lle parece o papel reservado á diáspora na Egaex?

Está claramente ancorado no pasado. Segue falando da diáspora e facendo referencia á enorme perda poboacional que tivo Galicia na primeira metade do século XX, e está ben, pero creo que non se corresponde coa realidade que temos hoxe. Dedícase constantemente a atender a unhas comunidades cunha relación con Galicia francamente escasa e esquece que a realidade migratoria que temos hoxe é radicalmente distinta. A urxencia maior que temos hoxe no ámbito das migracións é atender a eses miles de mozas e mozos que tiveron que marchar a buscar traballo. En cambio, na Egaex non hai ningunha mención a este colectivo. Fala das casas rexionais. Non sei se acaso os señores do goberno non saben que ás casas rexionais xa non vai ninguén máis que uns poucos xubilados que quedan en Bos Aires. Fora de Bos Aires creo que en ningunha parte. Cando profesionalmente me dediquei ao tema das migracións tiven ocasión de visitar estes centros galegos, que formaban parte da miña investigación, e son clubes sociais aos que podes ir a botar a partida pero que teñen cada vez menos socios e son incapaces de atraer a xente moza, co cal é imposible manter ningún vínculo cos fillos e netos da emigración, que son os que hoxe temos na emigración.

A Egaex nada di sobre a participación política da diáspora. Como o valora?

É totalmente inexistente. Cando enfocamos a política exterior hai dúas vías: unha é falar de economía e outra de dereitos. O Goberno da Xunta decidiu falar de economía e non falar de dereitos. Tanto insistiu o Goberno en que non puideran votar os mortos que a realidade é que non poden nin votar os vivos. Pero eles tranquilos, porque só hai que desagregar os datos de participación política no exterior e ver como nos países aos que recentemente emigrou a mocidade galega as preferencias políticas son claramente contrarias ao PP. Algo debe ter que ver con isto.

"Parece que a Egaex volve a mirada cara a lusofonía, e niso acerta"

Cales deberían ser para En Marea as prioridades xeográficas e sectoriais?

Canto ás xeográficas, e iso habería que recoñecer que a Egaex acerta, parece que volve a mirada cara o mundo da lusofonía. E niso concordamos. Hai que centrarse neses países alén de reforzar as relacións que temos con América latina, que teñen que ser os nosos socios naturais por todo o que compartimos precisamente grazas aos vínculos migratorios que se estableceron. Sectorialmente, a nosa prioridade sería unha política exterior que faga da cooperación ao desenvolvemento o piar fundamental. Así como o compromiso cos dereitos humanos alén das fronteiras.

A Egaex aposta por mellorar a relación con diversos países de lingua portuguesa, pero o borrador non fai referencia, máis que nun anexo, á Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP) como tal, malia que o propio presidente Feijóo prometeu que traballaría para a incorporación de Galicia á organización. Por outra banda, a CPLP agrupa estados soberanos e as súas áreas de actuación van máis alá da lingüística. A que debería aspirar Galicia nese ámbito?

Tómome esas declaracións [de Feijóo] como un exabrupto que se lle ocorreu nese momento sen medir as consecuencias das súas palabras. Logo alguén o asesoraría e lle diría que non coa escusa habitual de que as cuestións da política exterior son competencia do Estado. Se de verdade a Xunta quere comprometerse coa comunidade lusófona, dunha banda debería reforzar as súas relacións culturais, económicas, máis alá do Consello da Cultura Galega, e por outra banda instar ao Goberno do Estado para que facilite eses trámites e que Galicia ocupe ese papel.

"Choca que xusto a Xunta saque agora esta Egaex cando o marco lexislativo estatal vai na liña contraria, de reducir a marxe de actuación das comunidades"

A lei estatal de acción exterior suporá un freo ás aspiracións de Galicia nese ou noutros ámbitos?

Choca que xusto a Xunta saque agora esta Egaex cando o marco lexislativo estatal vai na liña contraria, de ir reducindo a marxe de actuación que tiñamos as comunidades autónomas no exterior. Nalgún momento deberán explicarnos cara onde queren ir.

Persoas e políticas aínda se están a asentar na súa formación. Pode iso limitar o papel de En Marea como interlocutor na elaboración da Egaex?

En ningún caso. Non podemos negar que En Marea está nun momento de constitución orgánica, pero iso é unha banda do ente En Marea. O grupo parlamentario está plenamente constituído e traballando desde o minuto un como un único axente. As prioridades políticas de En Marea están claras e teremos unha voz contundente neste debate se a Xunta ten a ben incorporarnos a el.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.