0 Gardados para despois

“A acción exterior de Galicia merece unha lei, non pode quedar no ámbito dun decreto”

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Logo da nova lexislación imposta en 2014 polo Goberno central á acción exterior do resto de administracións, a Xunta aprobou a finais de 2015 un decreto co que regulou esa área competencial e determinou a elaboración da primeira Estratexia Galega de Acción Exterior (Egaex), documento que pretende superar anteriores reflexións globais ou estratexias parciais. O Goberno galego someteu a finais de 2016 a exposición pública o borrador desa estratexia, de 180 páxinas, que espera aprobar ao longo de 2017. Praza Pública e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) entrevistan sobre a proxección internacional que queren para Galicia ao director xeral de Relacións Exteriores da Xunta e a responsables na materia dos grupos da oposición. Juan Manuel Díaz Villoslada é portavoz en materia exterior do grupo parlamentario do PSdeG

"Persoalmente me parece fundamental que a Egaex teña unha axenda específica en materia de investigación e transferencia"

Que aspectos positivos e cales negativos atopa no borrador da Egaex?

Positivo, a propia existencia da Egaex. Pero chama a atención o volume do documento, unha sucesión ás veces interminable de parágrafos cunha visión administrativista, sen que se reflicta unha estratexia en si mesma. É excesivamente extenso para ser un documento estratéxico e executivo. Positiva é a importancia da coordinación cos mecanismos de acción exterior do Estado, que o Estado sexa consciente dos problemas que ten Galicia para trasladalos ao exterior. Tamén é moi importante o que supoñen os camiños de Santiago como unha marca, o recoñecemento da lingua, a internacionalización económica ou que se fale profundamente da problemática demográfica. Entre os puntos febles ou negativos, afonda pouco na problemática actual sobre que modelo de Europa queremos. A relación con Portugal focalízase nos temas transfronteirizos e da eurorrexión, que é lóxico, pero iso ten pasado a ser un ámbito case interno. Hai que analizar os impactos do Brexit. Un tema que persoalmente me parece fundamental é que a Egaex debe ter unha axenda específica en materia de investigación e transferencia. O financiamento da investigación xestiónase en termos globais e europeos. O papel da Fundación Galicia-Europa apoiando aos nosos investigadores debería ser máis activo. E fálase da cooperación ao desenvolvemento, pero hai que ir a máis no compromiso humanitario. Non podemos admitir a situación actual en materia de refuxiados. Esperamos que a Egaex se mellore nunha futura rolda de consultas cos sectores e os grupos políticos. Pero nós consideramos que a acción exterior de Galicia merece unha lei, non pode quedar no ámbito dun decreto porque se queremos consensuar unha estratexia de todos precisamos un instrumento que sexa unha lei do Parlamento.

Fala da coordinación coa diplomacia estatal como algo positivo. A lei estatal de acción exterior non supón un freo ás aspiracións de Galicia nese ou noutros ámbitos?

É certo que a lei estatal igual non dan suficiente saída ás necesidades de acción exterior das comunidades autónomas, e nese sentido lembro que nós no programa electoral levábamos a necesidade de instar ao Goberno a unha mellora da lexislación estatal nesa materia, que faga que esa acción exterior sexa máis compartida. En determinados ámbitos xeográficos nós temos máis presenza, sexa por razóns económicas o por ser países de acollida da nosa emigración.

A Egaex aposta por mellorar a relación con diversos países de lingua portuguesa, pero o borrador non fai referencia, máis que nun anexo, á Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP) como tal, malia que o propio presidente Feijóo prometeu que traballaría para a incorporación de Galicia á organización. Por outra banda, a CPLP agrupa estados soberanos e as súas áreas de actuación van máis alá da lingüística. A que debería aspirar Galicia nese ámbito?

Nós aí tamén pedimos unha maior integración nesta comunidade. O documento, aparte de Portugal, fai algunha referencia ás novas relacións con Angola, Cabo Verde ou Mozambique. É dos temas nos que eu creo que haberá que afondar nesta mellora do documento. Un tema que tampouco trata moito a Egaex é o dos países nos que hai centros da emigración. Hai un patrimonio importante no que habería que traballar con decisión e planificación. E logo a estratexia precisa memoria económica e cronograma. Supoñemos que está en fase de elaboración.

"A estratexia precisa memoria económica e cronograma de debemos tratar de mellorar a estrutura e o curriculo do departamento e o persoal dedicado á acción exterior"

A súa especialización profesional foi en parte a xestión de recursos humanos. Como valora a dotación de persoal e o rango administrativo actual da Dirección Xeral de Relacións Exteriores?

Os recursos sempre son escasos. Se se puidera mellorar a posición orgánica e as capacidades de recursos humanos en termos sobre todo de internacionalización tanto da Dirección Xeral como da Fundación Galicia-Europa, sería moito máis salientable. Hai que ser capaces de ter tanto en Galicia como en Europa un organigrama máis estruturado e potente. Os profesionais que están fan o mellor traballo que poden, pero é un ámbito no que temos que tratar de mellorar a posición en termos de estrutura e curricular do persoal. E hai que empezar a posicionarse para os fondos europeos para despois de 2020. Galicia non está a xestionar todo o ben que o tiña que facer os fondos europeos en taxas de reembolso se comparamos con outras comunidades autónomas. A situación se pode complicar moito.

A inestabilidade interna na súa formación pode limitar o papel do PSdeG como interlocutor na elaboración da Egaex?

En termos parlamentarios non. Na primeira comparecencia no Parlamento do director xeral presentámoslle as nosas liñas básicas. Participaremos na Egaex cando a estratexia estea documentada e contrastada co mundo académico, cos sectores e expertos. O que si insistimos é en que debemos ir a un proxecto ou proposición de lei que eleve o rango da acción exterior. Esa inestabilidade do PSOE, á hora de traballar na Egaex dentro do Parlamento non vai haber ningún tipo de atranco. O grupo está traballando de forma compactada.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.