Solidariedade Galega co Pobo Saharaui denuncia a represión marroquí en O Aaiún

Manifestación das rúas do Aaiún © SOGAPS

O pasado xoves, un grupo de persoas desempregadas iniciaron unha protesta no Aaiún contra a empresa de fosfatos Fosbrucaa, denunciando que a compañía lles nega un posto de traballo por ser saharauís, ocupando un autobús e anunciando a súa intención de permanecer alí para esixir o recoñecemento dos seus dereitos sociais. O paro afecta a unha gran parte da poboación nos territorios da ex colonia española invadida por Marrocos, postos de traballo que se reservan para os colonos marroquís, denuncia a Fronte Polisaria. Á protesta uníronse varios centos de persoas, manifestándose con bandeiras saharauís nos barrios de Mataala e Smara contra a situación económica, a explotación dos recursos naturais e a ocupación do país. As autoridades de Marrocos responderon cun gran despregue de policías e antidisturbios, que cargaron con dureza contra os e as manifestantes, ferindo cando menos a 27 persoas, e deixando 11 en estado grave. Un número indeterminado de persoas foron, ademais, detidas. 

Á protesta uníronse varios centos de persoas, manifestándose con bandeiras saharauís contra a situación económica, a explotación dos recursos naturais e a ocupación do país

Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) vén de facer público un comunicado denunciando "a represión" das forzas militares e policiais de ocupación e a "pasividade" das forzas da ONU e de países como España, "responsable da administración legal desta derradeira colonia de África". SOGAPS sinala que a "violencia contra a cidadanía saharauí" recorda "aos feitos históricos da Alemaña Nazi". “Diante da indigna complicidade de países que se proclaman democráticos, como a UE en xeral, ou organismos como a ONU, que se din defensores dos dereitos humanos, facemos un chamamento a que interveñan contra esta barbarie e deixen de ser cómplices destas brutais agresións contra unha cidadanía pacífica que debería ser exemplo de admiración por aturar tantos anos de sufrimento e loita pacífica polo dereito a ser libres no seu país”, di SOGAPS, que engade que “España debe deixar de ser cómplice da ditadura de Marrocos e intervir, como potencia administradora da derradeira colonia de África”. Á denuncia de SOGAPS uníronse outras entidades e forzas políticas, como Esquerda Unida.

SOGAPS denuncia a "pasividade" das forzas da ONU e de países como España, "responsable da administración legal desta derradeira colonia de África"

As protestas coinciden ademais co xuízo que estes días se celebra en Rabat contra os integrantes do grupo de Gdeim Izik, que anteriormente foron condenados a penas de 20 anos a cadea perpetua por un tribunal militar, sentenza que tivo que ser anulada; agora o xuízo repítese ante un tribunal civil. Gdeim Izik, denominado como "o campamento da liberdade", compúñase de 2000 jaimas levantadas nos arredores do Aaiún, unha pacífica protesta saharauí que foi arrasada polo exército marroquí e a policía en novembro de 2010.

 

Manifestación das rúas do Aaiún © SOGAPS
Concentración en solidariedade co pobo saharauí, o pasado ano en Compostela © SOGAPS

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.