As eleccións francesas máis abertas: Catro candidatos con opcións de pasar á segunda volta

Debate entre os cinco principais candidatos e candidata © TF1

Catro candidatos e candidata para dous lugares na segunda volta. A unha semana da primeira volta dos comicios presidenciais franceses (23 de abril), a vantaxe nas enquisas de Macron e Le Pen sobre Fillon e Mélenchon reduciuse ao mínimo e todas as posibilidades están abertas. Emmanuel Macron, candidato de En Marche, móvese entre o 22% e 23.5%, cando hai un mes roldaba o 26%; Marine Le Pen, líder da Fronte Nacional, agora entre o 22% e o 23% tamén descendeu dende o 27% nas últimas semanas. Pola contra, Jean-Luc Mélenchon, candidato de Francia Insubmisa, ascendeu no último mes ata o 19-20% (dende o 11-12% de marzo). E mesmo o conservador François Fillon recupera folgos e tamén rolda o 20%, a pesar de que nalgún momento da campaña pareceu descartado, acosado polo seu escándalo de corrupción familiar.

Quen si desapareceu por completo do cadro foi o candidato do Partido Socialista, Benoît Hamon, superado pola esquerda por Mélenchon, e a quen parte dos líderes da formación (de Valls a Hollande) lle foron sucesivamente retirando o seu apoio, pedindo o voto para Macron. Hamon, que roldaba o 15% trala súa vitoria nas primarias socialistas, hoxe viu reducidos os seus datos á metade.

Na campaña están gañando protagonismo outros debates, por exemplo sobre a UE e a globalización, que se unen ao tradicional eixo esquerda-dereita

Sexa cal sexa o resultado final, os comicios están a marcar xa importantes diferenzas na política francesa. Non só polo ascenso de formacións distintas ás que tradicionalmente viñeron dominando as eleccións (UMP/Les Républicains e Partido Socialista), senón polo propio desprazamento do eixo esquerda-dereita, gañando protagonismo outros debates, por exemplo sobre a UE e a globalización. Estes cleavages dilúen as fronteiras entre os catro candidatos e candidata e fan aínda máis incerto o resultado da primeira volta e, sobre todo, da segunda volta, que se celebrará o 7 de maio.

As sondaxes para esta segunda volta amosan, de momento, resultados máis claros. Segundo todos os estudos publicados, Macron imporíase con certa claridade tanto a Le Pen (60-40%), Fillon (65-35%) e Mélenchon (58-42%). Mélenchon superaría a Le Pen (60-40%) e a Fillon (58-42%). E Fillon gañaríalle a Le Pen cun resultado máis axustado (55-45%).

 

A Fronte Nacional, rompendo os seus límites

Un discurso máis moderado, unha campaña de perfil baixo e o acceso a un voto de protesta contra as políticas neoliberais, a UE, o desemprego e a precariedade, están ampliando os apoios de Le Pen

Un dos grandes titulares desta campaña é o ascenso da Fronte Nacional, a posibilidade de que por primeira vez unha candidata de ultradereita se impoña na primeira volta e a ameaza de que Marine Le Pen puidese mesmo gañar a segunda volta e converterse en presidenta de Francia. En realidade, a Fronte Nacional non está a experimentar un crecemento tan espectacular: no 2012 Le Pen obtivo un 17.90% dos votos na primeira volta, apenas cinco puntos menos do que as enquisas lle outorgan agora, e xa en 2002 o seu pai Jean-Marie pasara á segunda volta cun 16.86% dos sufraxios. Porén, nesa segunda volta a FN ficou no 17.79% dos votos, facéndose efectivo o chamamento xeral a evitar a chegada da extrema dereita ao poder.

As sondaxes outórganlle desta vez o 40% e mesmo o 45% dos votos a Le Pen na segunda volta, en función de con quen se enfronte, rachando ese teito de cristal que ata agora facía imposible o acceso da Fronte Nacional á Presidencia. Un discurso máis moderado, unha campaña de perfil baixo e o acceso a un voto de protesta contra as políticas neoliberais, a UE, o desemprego e a precariedade, están ampliando os apoios de Le Pen. A finais de marzo unha sondaxe de Ifop amosaba que Marine Le Pen dominaba amplamente o voto obreiro, cun 43% dos apoios, moi por diante de Macron e Mélenchon.

Nas enquisas, Le Pen domina con claridade entre o electorado non universitario (31% dos votos, fronte o 18% de Fillon e Mélenchon e o 17% de Macron) e entre os e as votantes rurais (27%, fronte ao 21% de Fillon, o 19% de Mélenchon e o 18% de Macron). Nunha hipotética segunda volta contra Emmanuel Macron, Le Pen recibiría o 20% dos apoios de Mélenchon e o 40% dos sufraxios de Fillon. Nun enfrontamento con Fillon, Le Pen obtería entre os votantes de Mélenchon máis apoios que o candidato de Les Républicains.

 

O ascenso de Mélenchon

O candidato da Francia Insubmisa está a protagonizar unha auténtica remontada nas últimas semanas

O candidato da Francia Insubmisa está a protagonizar unha auténtica remontada nas últimas semanas, cun discurso máis transversal e republicano que esquerdista nas formas e unha proposta moi crítica co neoliberalismo e a UE, apostando polo inicio dun "proceso constituínte". Tras obter un grande éxito no primeiro debate televisivo da campaña, os seus mítins atraen a decenas de milleiros de persoas e comeza a recibir ataques furiosos por parte da prensa impresa de dereitas (Le Figaro comparouno con Hugo Chávez, Robespierre e Lenin) e de centro (Le Monde alerta este domingo do seu "populismo"). Mélenchon é, segundo as sondaxes, o candidato preferido polos e polas votantes de menos de 35 anos (27% dos apoios, fronte ao 24% de Le Pen, 21% de Macron e o 9% de Fillon).

 

Macron e Fillon: a continuidade do sistema

Fronte ás opcións rupturistas de Mélenchon e Le Pen (próximas no económico e moi afastadas no demais), Macron e Fillon representan o continuismo das actuais políticas económicas neoliberais e de respecto aos tratados europeos, apostando o líder de En Marche por un certo progresismo social e defendendo o candidato de Les Républicains un retroceso nos dereitos e liberdades civís e un achegamento aos valores e grupos máis conservadores.

Macron, que abandonou o PS o pasado ano, parecía hai apenas unhas semanas o claro favorito para converterse en presidente, recibindo publicamente o apoio do centrista François Bayrou (posible futuro primeiro ministro) e do socialista Manuel Valls e, de forma implícita, do propio François Hollande. Porén, está a amosar unha debilidade nos últimos días, xerando cada vez mais incógnitas por mor do seu discurso "baleiro de contido" -segundo os seus críticos- e as súas relacións políticas coa elite empresarial do país. Fillon, que está a gañar enteiros nos últimos días, domina claramente nas sondaxes entre os e as votantes de máis de 65 anos (36% fronte ao 25% de Macron, 15% de Le Pen e 12% de Mélenchon).

 

Evolución das enquisas para a primeira volta das presidenciais francesas CC-BY-SA Mélencron
Debate entre os cinco principais candidatos e candidata © TF1

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.