0 Gardados para despois

Bebendo auga con sal por Palestina ante o Parlamento

Redacción | @prazapublica

O pasado 17 de abril 1.500 presos e presas palestinas recluídas nos cárceres israelís iniciaron unha folga de fame total, sen inxerir vitaminas, nin glucosa, tan só auga e sal. Unha situación que se converte en perigosa a partir da terceira semana, que vén de comezar. De feito hai algúns presos e presas que xa sofren un grave deterioro da súa saúde, incluíndo a Maslama Thabet, Muhammad Abed-Rabu e Amjad Al-Namoura, segundo explican as organizacións internacionais de solidariedade coa protesta. A acción reclama condicións dignas nos cárceres, nomeadamente atención médica axeitada, a posibilidade de recibir visitas, de acceder a libros e xornais, e de poderse comunicar coas súas familias.

Na acción ante o Parlamento, ademais, os e as concentradas beberon auga con sal, sumándose á campaña internacional  #SaltWaterChallenge

Na tarde deste martes unha concentración ante o Parlamento galego, convocada por BDS-Galiza, amosou a súa solidariedade cos e coas folguistas. A concentración, na que participaron varioos deputados e deputadas, rematou co rexistro, na Oficina de Asuntos Exteriores da Xunta, dun texto que insta o Goberno galego a intervir a favor das presas. Na acción ante o Parlamento, ademais, os e as concentradas beberon auga con sal, sumándose á campaña internacional  #SaltWaterChallenge. Entre as represalias adoptadas polas autoridades penitenciarias está a confiscación do sal, necesario para reter os líquidos e utilizado tamén como antiséptico para protexeren o instestino e o bandullo baleiros.

 

Represalias por parte de Israel

Os e as prisioneiras están illadas e incomunicadas, impedindo durante varios días as autoridades israelís o acceso dos seus avogados e avogadas. Ademais, as administracións penitenciarias continúan a tomar represalias, confiscando as súas pertenzas, reducindo o seu tempo de descanso e impedíndolles ver a televisión. Así mesmo, Avigdor Lieberman, ministro de defensa israelí, propuxo publicamente tratar os e as folguistas como Margareth Thatcher tratou no seu día os militantes do IRA na folga de fame na que finalmente morreu Bobby Sands.

Elvira Souto (BDS-Galiza) fai un chamamento á sociedade galega a "solidarizarse" coa súa protesta.

Elvira Souto (BDS-Galiza) explica, en conversa con Praza, a difícil situación na que se atopan os presos e presas e fai un chamamento á sociedade galega a "solidarizarse" coa súa protesta. Na actualidade máis de 6.500 palestinos e palestinas están recluídas nos cárceres israelís, incluíndo 300 menores de idade, 12 representantes parlamentarios e 28 xornalistas. Ademais, segundo a Asociación de Presos Palestinos, dende 1967 máis de 200 persoas prisioneiras morreron nos cárceres israelís.  

A CIG, como membro da Iniciativa Sindical Europea pola Xustiza en Palestina, composta por 31 sindicatos que representan a máis de tres millóns de traballadores e traballadoras, adheriuse nos últimos días á declaración elaborada por esta plataforma en solidariedade coas prisioneiras e prisioneiros palestinos en cárceres israelís. Tamén o BNG trasladoulles o seu apoio e solidaridade aos presos e presas palestinas. “A folga é a resposta ás condicións inhumanas e indignas que sofren e ao trato inhumano e degradante, ás torturas, a falla de asistencia médica básica, sen visitas de familiares, de acceso ao estudo, á escasa ou nulas comunicacións cos seus avogados, ás punicións colectivas e internamento en cadeas de illamento e as chantaxes sistemáticos a menores e persoas con doenzas”, destacou Ana Miranda.

 

Sexta declaración institucional do Parlamento por Palestina

O pasado ano, a cámara galega reclamou o cumprimento das resolucións das Nacións Unidas, o respecto dos dereitos humanos de palestinas e palestinos e o recoñecemento do dereito ao retorno das persoas e comunidades ás terras e casas de que foron expulsadas

Está previsto que este mércores o Parlamento galego aprobe unha declaración institucional sobre o pobo palestino, co apoio de todos os grupos, como vén facendo nos últimos anos co gallo do aniversario do comezo do éxodo do pobo palestino, o 15 de maio. Así o fixo no no 20072013, 2014 (en dúas ocasións) e 2016. Na máis recente, aprobada o pasado ano, a cámara galega reclamou o cumprimento das resolucións das Nacións Unidas, o respecto absoluto dos dereitos humanos de palestinas e palestinos, o respecto absoluto dos dereitos colectivos do pobo palestino e o recoñecemento do dereito ao retorno das persoas e comunidades ás terras e casas de que foron expulsadas. Ademais, a cámara galega aprobou oito declaracións institucionais en memoria das vítimas do Holocausto dende o ano 2007.

Nalgunha ocasión a aprobación destas declaracións orixinou algunha polémica. Por exemplo cando en 2014 o embaixador israelí en España lle escribiu unha carta a Pilar Rojo, presidenta da cámara, manifestándolle a súa "sorpresa" pola declaración e afirman que deste xeito "o Parlamento de Galicia" uníase "aos peores e máis extremistas inimigos de Israel". Tamén en 2013, outra declaración institucional -neste caso referida ao Holocausto nazi- xerou debate, ao esixir AGE que nela se incluíse unha condena do exterminio do pobo kurdo, do pobo armenio e do pobo palestino.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.