0 Gardados para despois

Os zapatistas e o CNI deseñan a sua irrupción na campaña electoral mexicana de 2018

Dani Palleiro


O Congreso Nacional Indígena (CNI) é unha rede de pobos orixinarios mexicanos organizados na loita pola consecución da súa autonomía. A rede, que xurdiu coma extensión ao ámbito nacional mexicano dos principios políticos e prácticas organizativas do zapatismo chiapaneco, comezou a camiñar tralo rexeitamento dos tres grandes partidos (PRI, PAN e o PRD de López Obrador) aos Acordos de San Andrés sobre Dereitos e Cultura Indíxena. Acadados no ano 1996 como resultado das mesas de negociación entre o Ejército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN) e os representantes do goberno federal, os acordos nos que – tras unha serie de concesións do zapatismo – o goberno comprometíase a modificar a Constitución mexicana para outorgar dereitos aos pobos indíxenas, así coma atender algunhas das súas demandas históricas sobre educación, satisfacción de necesidades básicas e xustiza, foron frustrados polos múltiples boicots dos partidos políticos con representación no Congreso da Unión.

Tralo rexeitamento dos Acordos de San Andrés, que tamén recoñecían –en conformidade co Convenio 169 da OIT– o dereito dos pobos indíxenas ao seu territorio e á autodeterminación, a estratexia zapatista consistiu no repregamento e construción dunha autonomía de facto que lle fora negada polo Goberno e o Congreso da Unión. Para tal fin o EZLN e as súaas bases de apoio deseñaron e despregaron unha institucionalidade paraestatal (Municipios Autónomos Rebeldes Zapatistas, Juntas de Buen Gobierno e Caracoles) á vez que inspiraron, apoiaron e acompañaron os demais pobos orixinarios mexicanos na consecución desta autonomía por medio da creación do CNI. Os Acordos de San Andrés non se converteron en papel mollado, deles emanan boa parte dos principios que dan sustento á institucionalidade autónoma zapatista, e son base e fonte para o impulso político do CNI e o seu principio reitor: ¡Nunca más un México sin nosotros!

Nestes vinte anos o panorama político, e mesmo humano, degradouse enormemente en México. Coa Guerra ao Narco emprendida no sexenio de Felipe Calderón – como recurso desesperado para lexitimar unha presidencia iniciada coa fraude electoral de 2006 – o exército tomou as rúas, e os cárteles responderon rompendo a regra non escrita de respecto e non agresión á poboación civil. O resultado, ademais da extensión da violencia máis extrema á vida cotiá dos mexicanos e a proliferación de foxas comúns por todo o territorio nacional, foi a penetración dos cárteles na vida política e institucións do Estado mexicano.

No actual contexto de descomposición nacional, en outubro de 2016 o CNI celebrou o seu V Congreso, coincidindo coa celebración do vixésimo aniversario

No actual contexto de descomposición nacional, en outubro de 2016 o CNI celebrou o seu V Congreso, coincidindo coa celebración do vixésimo aniversario. Nel tomouse unha decisión que transformaría os propósitos, prácticas e obxectivos da organización e abriría un novo horizonte no que, sen renunciar á construción da autonomía dos pobos, pasaría á ofensiva: Conformar un Concejo Indígena de Gobierno (CIG), composto por representantes de todos os pobos organizados baixo o paraugas do CNI, e cuxa voceira sería presentada coma candidata independente á presidencia da República. O propósito desta estratexia non é conformarse nun contrincante na area electoral, os propios zapatistas manifestan que votar a voceira-candidata é o de menos, aínda que non é descartable que parte da estratexia consista en infiltrar unha voz indíxena feminina e rebelde no Congreso da Unión. O obxectivo fundamental é penetrar no debate político nacional a través da fenda que o momento electoral crea nos medios de comunicación, co fin de plantexar unha forma outra de facer país, superando a podremia dun sistema de partidos extraordinariamente clientelar e unha corrupción estrutural desorbitada. O chamado é a activistas, asociacións de familiares de desaparecidos, colectivos de funcionarios acosados polos embates do estado neoliberal, organizacións campesiñas e urbanas, e un longo etcétera, a sumarse ao CNI na construción dun suxeito político que dende abaixo e á esquerda constrúa un novo México.

O obxectivo fundamental é penetrar no debate político nacional a través da fenda que o momento electoral crea nos medios de comunicación, co fin de plantexar unha forma outra de facer país

Esta iniciativa – que asenta os pés na experiencia de “La Otra Campaña” zapatista que no ano 2005 emprendeu unha xira nacional con propósitos similares, pero que tivo que ser suspendida en 2007 pola intensificación do acoso que os gobernos estatal e federal de Juan Sabines e Felipe Calderón estaban exercendo sobre as comunidades indíxenas – plasmouse no manifesto “Que retiemble en sus centros la tierra” onde EZLN e CNI puntualizan “Nuestra lucha no es por el poder, no lo buscamos; sino que llamaremos a los pueblos originarios y a la sociedad civil a organizarnos para detener esta destrucción, fortalecernos en nuestras resistencias y rebeldías, es decir en la defensa de la vida de cada persona, cada familia, colectivo, comunidad o barrio (...) Es el tiempo de la dignidad rebelde, de construir una nueva nación por y para todas y todos, de fortalecer el poder de abajo y a la izquierda anticapitalista, de que paguen los culpables por el dolor de los pueblos de este México multicolor”.

Deste modo, a fin de semana do 27 ao 28 de maio emprazáronse no CIDECI-UNITIERRA de San Cristobal de las Casas, Chiapas, 693 delegados de 58 pobos orixinarios mexicanos, 230 delegados zapatistas e 492 convidados de diversos colectivos adherentes de La Sexta nacional e internacional (membros de organizacións asinantes de La Sexta Declaración de la Selva Lacandona) para celebrar a Asemblea Constitutiva do Concejo Indígena de Gobierno para México. As xornadas dividíronse en tres mesas de traballo nas que participaron os delegados, e un plenario aberto no que se presentaron e secundaron os acordos xerais das mesas. Na primeira das mesas, co título “Propósitos e Estratexias” decidiuse, entre outros puntos, establecer os Acordos de San Andrés coma base para unha nova constitución mexicana. Na mesa sobre o “Funcionamento e Organización” suliñáronse o recoñecemento do papel das mulleres, a necesidade de que o CIG traballe tamén no ámbito local e o imperativo do funcionamento deste con dinámicas horizontais, así como o respecto á autonomía de cada pobo. Por último, na terceira mesa, que xirou en torno á cuestión da “Vinculación do CNI con outros sectores da Sociedade Civil” sinaláronse coma fundamentais as relacións a establecer cos migrantes nos EE.UU., os compañeiros en loita doutros países, os colectivos defensores dos Dereitos Humanos, así coma científicos e artistas.

Convén aclarar que estes acordos non son o resultado dunha xornada de debate, senón o froito dun proceso de traballo desenvolvido durante meses en base ao principio organizativo do CNI de “ser red cuando estamos separados y ser asamblea cuando estamos juntos”. A democracia zapatista, adoptada polo CNI, é de base asemblearia e ten unha dinámica de ida e volta. Os delegados das distintas comunidades que participaron nas mesas foron tan só correas de transmisión das decisións e traballo despregado polas asembleas comunitarias dos seus pobos. Por este mesmo principio o consensuado polos delegados no plenario non é unha aprobación definitiva, e todos os puntos acordados deben volver ás asembleas locais para ser refrendados. Por último, nomeáronse os 71 integrantes do CIG e a María de Jesús Patricio Martínez (Marichuy) como á sua voceira.

Incidiuse no feito de que os corsés legais obrigaban a presentar a unha candidata á presidencia, pero que Marichuy tan só actuaría como transmisora da voz colectiva dos pobos orixinarios de México, nunca no seu propio nome

Anticapitalista, médica tradicional e herbolaria nahua de Tuxpan, no sur de Jalisco, Marichuy foi xa voz das mulleres indíxenas cando interveu no ano 2001 no Congreso da Unión para sinalar que “el proceso de reconstitución integral de los pueblos indígenas del país es una tarea que incumbe tanto al hombre como a la mujer, en una misma lucha por lograr nuestra plena liberación”. Na rolda de prensa trala asemblea incidiuse no feito de que os corsés legais obrigaban a presentar a unha candidata á presidencia, pero que Marichuy tan só actuaría como transmisora da voz colectiva dos pobos orixinarios de México, nunca no seu propio nome.

O Profe Filo, concejal mixteca do CIG, pechou en clave decolonial sinalando a necesidade dun cambio de ciclo, xa non só político senón civilizatorio, para o que reivindicou o papel protagonista do indixenismo: “El día de hoy es el más grande de nuestra historia. Antes de la conquista española no había CIG. 20 años nos llevó conocernos, mirarnos, organizarnos, a los pueblos indígenas. Durante cinco siglos estuvimos en resistencia y llegamos a esto, el alzamiento indígena más importante de la historia de México. Y no es violento”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.