Dous anos da morte de Aylan: "Todo foi a peor para os refuxiados"

Mural de Aylan Kurdi, nunha cidade alemá CC-BY-SA Frank C. Müller

"O 2 de setembro de 2015 erguinme moi cedo. Non podía durmir e non sabía por que. Mirei o meu teléfono. Tiña moitas chamadas perdidas da miña familia e sabía que algo ía mal. Contáronme que a miña cuñada Rehan e os meus dous sobriños, Ghalib e Aylan Kurdi, afogaran. Lembro axeonllarme e berrar tan forte como puiden: "Por que agora? Por que eles? Por que eu non? Deus, xa abonda. Xa basta de sufrimento".

Estafa Kurdi aínda ten que gardar silencio para conter as bágoas que lle produce lembrar o día no que a fotografía do corpo miúdo sen vida do seu sobriño pequeno, Aylan, nunha praia turca deu a volta ao mundo e virou nun símbolo da traxedia das persoas que arriscan a súa vida para alcanzar chan europeo na procura de refuxio.

"Fixo falta unha soa foto, a foto dese pequeno neno na praia, para empurrarnos a ser humanos"

"Estaba en todos os medios do mundo. Demasiada xente inocente morrera na guerra e de fame, pero gardabamos silencio. Fixo falta unha soa foto, a foto dese pequeno neno na praia, para empurrarnos a ser humanos", opina esta perruqueira siria no vídeo da súa conferencia TEDx en Canadá, país ao que emigrou hai 25 anos.

Desde alí, di, tentou sacar por todos os medios o seu irmán Abdulah, a súa cuñada e os seus sobriños da guerra na cidade siria de Kobane, tal e como se coñeceu pouco despois da morte do pequeno. "Fixen o que faríades calquera de vós coas vosas familias. Envieilles cartos", apunta. "Decidín tratar de traelos como refuxiados. Tenteino. Varias organizacións, moitas chamadas de teléfono... Pero non me escoitaron. A nosa fronteira estaba pechada e o noso sistema estaba creado para fallar. O meu irmán e a súa familia decidiron ir a Europa", lamenta a tía de Aylan.

O final é dabondo coñecido. Todos morreron no seu intento de cruzar a estreita franxa que separa Turquía da illa grega de Lesbos, agás Abdulah, que agora vive no Kurdistán iraquí. "Lembro a chamada do meu irmán. Perdera a súa familia enteira. Chorando, dicíame: 'A foto do meu fillo é unha chamada ao mundo. Basta de sufrimento e mortes. Imos unir as nosas voces", relata a muller.

"Meu irmán dicíame: 'A foto do meu fillo é unha chamada ao mundo. Basta de sufrimento e mortes"

O chamamento non tivo o efecto que esperaban: desde aquela, máis de 500 menores morreron afogados no Mediterráneo no seu intento de chegar ás costas europeas, segundo a Organización Internacional para as Migracións (OIM).

Xunto ao pai do neno, Estafa Kurdi puxo en marcha a finais do ano pasado  unha fundación na honra a Aylan e Ghalib para prestar axuda aos menores que viven nos campos de refuxiados. "Díxenme a min mesma: se non puiden salvar a miña familia, vou salvar outras", sentenza.

Desde a morte de Aylan, máis de 500 menores afogaron no Mediterráneo no seu intento de chegar ás costas europeas

20.300 menores atrapados en Grecia

Unha camiseta vermella, un pequeno pantalón vaqueiro, as ondas que impactan contra un neno de tres anos que xace boca abaixo sobre a area. Cúmprense dous anos daquela imaxe que provocou moreas de declaracións grandilocuentes. "Desde a morte de Aylan, todo foi a peor para os refuxiados. Foi moi prexudicial porque, lonxe de aumentar a sensibilidade de Europa, decidiuse subir os valos, pechar as fronteiras e que non haxa vías legais de acceso a chan europeo", afirma David del Campo, director de cooperación internacional de Save The Children.

"Todo foi a peor para os refuxiados; lonxe de aumentar a sensibilidade de Europa, decidiuse subir os valos, pechar as fronteiras"

"Ineficacia, irresponsabilidade e inhumanidade. Ese é o balance dous anos despois. Non hai unha mellor xestión migratoria. Os traficantes están no seu mellor momento, aplauden as decisións da UE", prosegue durante unha conversa mantida con eldiario.es.

Refuxiado sirio nun Squat de Atenas

Neno refuxiado sirio nun squat de Atenas / CC-BY SA María Rúa

A morte do pequeno Aylan foi un punto de inflexión temporal que derivou nun plan de repartición de refuxiados que os países europeos, entre eles España, non aplicaron. A Unión Europea pasou, en poucos meses, dun discurso de acollida de refuxiados, forzado por traxedias como as do neno kurdo, ao acordo con Turquía en marzo de 2016 que freou as chegadas a Grecia.

España só recibiu 1.888 refuxiados, menos do 11% do comprometio: "Era unha gran metira; sabían que non se ía cumprir"

A día de hoxe, arredor de 20.300 menores refuxiados permanecen atrapados en Grecia á espera de que se cumpran os compromisos de recolocación, segundo Save The Children. "Cada vez hai menos organizacións e cada vez é máis difícil facer o noso traballo", asegura Del Campo, quen lembra que a falta de 26 días para que se cumpra a data límite só chegaron a España 1.888 persoas, un 10,8% do comprometido. "Era unha gran mentira. Sabían desde o inicio que non se ía a cumprir", recalca.

Sara Collantes, especialista de políticas de infancia de Unicef comité español, fai fincapé en como o bloqueo das chegadas a través do Exeo acentuou a vía italiana, a través do Mediterráneo central, e aumentou o número de mortes. Nove de cada dez nenos que emprenden esta ruta viaxan sós. "Aylan viaxaba en familia, que son tamén colectivos moi vulnerables, pero o 92% dos nenos que chegan a Italia son menores non acompañados", precisa Collantes.

"O 92% dos nenos que chegan a Italia son menores non acompañados"

As rutas, explica a responsable de Unicef, son agora "máis custosas" e perigosas para estes menores. "Están sometidos a unha explotación enorme. Desde a foto de Aylan, os nenos migrantes e refuxiados non ocupan os titulares, a pesar de que a situación é dramática en países de tránsito, como Libia, e na propia Europa", comenta Collantes.

 

Aumentan as restricións aos rescates

Este verán, as ONG que salvan vidas no Mediterráneo viron que Italia e Libia incrementaron " as restricións" aos seus labores de rescate. O país europeo impuxo un polémico código de conduta a estas organizacións, que aseguran que xa actúan de acordo ao dereito marítimo internacional. Libia aumentou o acoso ás embarcacións e estendeu a súa zona de procura e rescate (SAR). Esta decisión provocou que algunha ONG, como Médicos Sen Fronteiras e Save The Children, decidisen suspender temporalmente as súas operacións de salvamento.

"Aos que salvamos, afástannos. Non nos queren aí, somos testemuñas incómodas"

Coa medida, Libia aumentou o seu control a 70 millas desde a liña da costa. "É seis veces máis que antes, o que complica moito as operacións. Aos que salvamos, afástannos. Non nos queren aí, somos testemuñas incómodas. Primeiro meteron o discurso de que hai terroristas entre os refuxiados, despois falaban do efecto chamada e despois, isto do código de conduta", resume o responsable de Save The Children, que renovou hai algo máis dunha semana as súas operacións no Mediterráneo central.

No que vai de ano, 2.244 persoas migrantes e refuxiadas morreron na ruta de Libia a Italia

No que vai de ano, 2.244 persoas migrantes e refuxiadas morreron nesta ruta, segundo a OIM. "Se con todos os operativos da ONG faleceron todas estas persoas, que vai pasar con estas restricións? Pódense pór en perigo moitas vidas. A verdadeira solución pasa por máis solidariedade entre os países da UE. Que permitan desembarcar noutras zonas e asuman a protección dos menores en risco", engade a representante de Unicef.

 

"Hai un virus de insensibilidade absoluta"

Dous anos despois da morte de Aylan, a situación dos menores refuxiados é un dos desafíos "máis urxentes", segundo Collantes, quen insiste na necesidade de garantirlles o dereito á educación. Del Campo sostén a importancia da atención á saúde mental para superar o trauma de presenciar tanta violencia ou de xogarse a vida no mar á súa curta idade.

"Veñen de estar asediados por bombardeos durante meses e atrápanos e reteñen como delincuentes"

"Veñen de estar asediados por bombardeos durante meses e atrápanos e reteñen como delincuentes. Cando alcanzan Europa, que debería ser o seu espazo de seguridade, téñenos en pésimas condicións e néganlles o status de refuxiados a pesar de que está comprobado que foxen da guerra. É unha atrocidade, un crime. A súa recuperación vai ser moi complicada", comenta.

"Desde Aylan non cambiou a morneza e a lentitude na resposta. Os avances son moi lentos, o que choca coa urxencia do problema. Non vale este ritmo, hai que facer un esforzo maior", esgrime a responsable de Unicef. "Hai un virus de insensibilidade absoluta que neutralizou os gobernos. Dá igual que morran 2.000 ou 12.000. Tanto lles ten o que lle digamos, toman decisións erróneas. España e Europa non son máis seguras por deixar morrer a xente afogada. Si o son se garanten un alto cumprimento dos dereitos no seu territorio", sentenza Do Campo.

"Hai un virus de insensibilidade absoluta que neutralizou os gobernos. Dá igual que morran 2.000 ou 12.000; tanto lles ten"

 

Os outros Aylan

Entre todos os menores que faleceron tentando alcanzar as costas europeas este 2017 atópase o que moitos denominaron o Aylan español. O corpo sen vida de Samuel foi localizado o pasado xaneiro nunha praia de Barbate (Cádiz) despois de que tentase cruzar o Estreito en patera xunto á súa nai, Véronique, tamén falecida. A muller, procedente de República Democrática do Congo, tomou esta decisión despois de que  a UE lle denegase un visado para tratarse un tumor.

Veronique, la madre de Samuel, muertos mientras trataban de llegar a las costas andaluzas.

Veronique, nai de Samuel, mortos mentres trataban de chegar ás costas andaluzas

Non se trata dunha traxedia exclusiva de Europa. Imaxes semellantes á do neno Aylan sucédense tamén no sueste asiático. Mohamed Shohayet, un bebé de 16 meses, viaxaba coa súa familia cara a Bangladesh tratando de escapar da persecución aos rohingya no Estado de Rakáin (Myanmar), segundo informou en xaneiro CNN. Un ano antes, e poucos meses despois da imaxe de Kurdi, tamén se fixo viral a foto de Marcos Miguel Pano, un bebé mexicano asasinado a tiros xunto aos seus pais en Oaxaca.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.