0 Gardados para despois

A vitoria socialista nas municipais consolida o Goberno da esquerda en Portugal

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O Goberno da esquerda en Portugal sae consolidado do seu primeiro reto electoral. O acordo entre Partido Socialista, Partido Comunista e Bloco de Esquerda desbancou en 2015 o conservador Pedro Passos Coelho do poder e situou como primeiro ministro ao socialista António Costa, que tras os primeiro ano de mandato xa se puxo á fronte dos inquéritos de intención de voto, tendencia que se consolida en detrimento fundamentalmente do dereitista PSD, partido 'irmán' do PP español, aínda que tamén lixeiramente do PCP e do BE. Este 1 de outubro o pacto de esquerda alcumado polos seus detractores como geringonça tiña unha proba que resultou especialmente exitosa para quen o lidera, o PS.

As autárquicas 2017 saldáronse para os de Costa cunha ampla vitoria e, ao tempo, co afundimento do ex-primeiro ministro Passos como líder da dereita. No cómputo nacional os socialistas lograron o 38% dos votos nos comicios ás Cámaras Municipais -equivalentes aos concellos galegos-, máis de 20 puntos por riba do PSD. Impuxéronse tamén con claridade con arredor do 36% dos votos nos outros dous órganos de goberno local que se elixían, as asembleas municipais e mais as asembleas de freguesía.

Por cidades, o emblema do poder municipal socialista seguirá a ser Lisboa. Fernando Medina, que substituíu a António Costa na alcaldía cando o primeiro ministro ascendeu ao liderado estatal, logrou a elección como presidente da Cámara -o cabeza de lista da candidatura máis votada logra a alcaldía- e tamén conta con maioría do PS nas asembleas lisboetas. No Porto, no entanto, quen consolida o seu liderado non é o PS, senón o independente Rui Moreira, quen afronta o seu segundo mandato con maioría absoluta na Cámara Municipal e un apoio cidadán do 44%, cinco puntos máis que en 2013, co Partido Socialista como segunda forza política.

Lisboa mantense como emblema do poder local do PS, mentres que no Porto o independente Rui Moreira reforza o seu poder cunha maioría absoluta

O alargamento do poder municipal do PS restoullo fundamentalmente á dereita, pero no país veciño tamén se está a poñer o foco na perda de alcaldías relevantes por parte dos comunistas da CDU con casos rechamantes como Almada, onde gobernaban dende as primeiras eleccións, tal e como destaca o Jornal de Notícias. Coimbra, Viana do Castelo, Guimarães ou Vila Real son outras das principais cidades con gobernos do PS, mentres que o PSD conserva prazas como Braga ou Aveiro. 

Con este panorama electoral a prensa portuguesa coincide maioritariamente este luns en sinalar o impulso para o Goberno de Costa que supuxeron estas eleccións, aínda que con dúbidas, nalgúns casos, polos efectos que poida ter a caída do PCP -o Bloco avanzou lixeiramente-. As análises destacan, igualmente, que a xestión de episodios como o dramático incendio de Pedrógão Grande non pasaron factura política ao PS e, no entanto, si o fixeron ao PSD, cuxa crise aberta tras saíren do Executivo é agora aínda máis profunda.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.