"Nun marco democrático coma o venezolano hai que respectar o resultado electoral, gañe quen gañe"

Mesa de votación, hai dúas semanas nos comicios rexionais venezolanos Dominio Público Praza Pública

O pasado domingo Venezuela celebrou eleccións rexionais, nas que o Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV) e os seus aliados obtiveron unha clara vitoria, facéndose do goberno de 18 dos 23 estados. Os grupos da oposición, aglutinados en torno á Mesa da Unidade Democrática (MUD), finalmente accederon a participar case na súa totalidade nos comicios, despois de ter renunciado a facelo nas eleccións do Proceso Constituínte de Venezuela, o pasado 30 de xullo.

Dous equipos de observadores internacionais estiveron presentes nas eleccións: o Consejo de Expertos Electorales en Latinoamérica (CEELA) e, ademais, un grupo de medio cento de "acompañantes" procedentes de varios países europeos e americanos. Nese grupo participaron, entre outros, o eurodeputado Javier Couso e Eva Solla, vicepresidenta segunda do Parlamento de Galicia por En Marea e Coordinadora Nacional de Esquerda Unida. Tanto o CEELA coma este equipo de observadores internacionais publicaron informes que avalan a limpeza e legalidade do proceso electoral e a validez dos seus resultados que, pola contra, foron criticados polos Estados Unidos e por varios grupos da oposición.

O informe dos acompañantes interacionais salienta que "o proceso electoral destas rexionais cumpriu todos os requisitos e garantías de limpeza e transparencia esixibles a uns comicios" e explica que os incidentes rexistrados "no seu conxunto non foron máis importantes que os que adoitan ocorrer durante unha xornada electoral nos países democráticos máis avanzados do mundo" e que "non afectaron de ningunha maneira aos resultados finais destas eleccións". Conclúe expresando "a súa preocupación ante a irresponsabilidade que supón desautorizar" os resultados, "actitude que pode incitar á violencia á que están a chamar os partidos opositores". Falamos con Eva Solla sobre o desenvolvemento do proceso electoral do que foi testemuña e sobre o momento político que vive Venezuela.

"O sistema é moi seguro, moi fiable, é practicamente imposible que se produza unha fraude"

Que valoración fas do proceso electoral. Foi limpo? Os resultados teñen validez?

O sistema é moi seguro, moi fiable, é practicamente imposible que se produza unha fraude, porque hai catro comprobacións de identidade de cada persoa que vai votar. Hai outras garantías de seguridade, como que por exemplo as persoas con discapacidade ou persoas maiores poden ser acompañadas só por unha persoa, que á súa vez só pode acompañar un votante e ten que rexistrarse como acompañante. É moi difícil, polo tanto, que se dean os casos de carrexo que se dan en Galicia e que temos denunciado moitas veces.

O ambiente no que se levou a cabo a votación foi moi positivo, un ambiente de tranquilidade e de paz, con presenza nas mesas de membros tanto de partidos de esquerda coma de dereita. E nos colexios que puiden visitar repetiuse esa situación de normalidade. A valoración do traballo e do propio proceso foi, polo tanto, moi positiva, e o máis importante é ese ambiente de paz, despois de meses de violencia por parte da dereita.

"É moi difícil que se dean os casos de carrexo que se dan en Galicia e que temos denunciado moitas veces"

Parte da oposición fala, pola contra, de fraude...

Esas críticas xa estaban previstas dende antes do proceso electoral. O Goberno de Venezuela denunciou -e no grupo de acompañantes internacionais tivemos tamén coñecemento- de que existía antes da propia realización dos comicios un proxecto de informe da UE para descoñecer os resultados das eleccións. Era previsible que ante un resultado que non lle convencía, a dereita manifestase o seu rexeitamento. Hai que dicir tamén que non toda a dereita mantén esta posición, senón que a maioría dos partidos si participaron nas eleccións. A realidade é que non hai ningún recurso presentado ante o poder electoral; se alguén ten algún indicio de fraude, podería recorrer ante este poder electoral ou ante a xustiza ordinaria, e iso non seu deu, as persoas e grupos que realizan as denuncias non achegan ningún dato concreto. Ademais tanto nós, as observadoras e observadores internacionais, coma o CEELA emitimos informes positivos sobre o proceso electoral.

"É o proceso electoral número 23 dende que a esquerda chegou ao poder; deles a dereita gañou dous, e neses dous casos a dereita non descoñeceu os resultados"

É o proceso electoral número 23 dende que a esquerda chegou ao poder; deles a dereita gañou dous, e neses dous casos a dereita non descoñeceu os resultados. Eu, de feito, estivera xa de observadora nun proceso semellante, no ano 2015, nunhas eleccións lexislativas que gañara a dereita, e a validez e transparencia do proceso foi moi semellante. Nun marco democrático coma o venezolano, os resultados das eleccións hai que respectalos, gañe quen gañe.

Cres que a derrota da oposición nas eleccións rexionais confirma que estes grupos mantiveron unha estratexia errada nos últimos meses, negándose por exemplo a participar nas eleccións do proceso constituínte e, ademais, xustificando e mesmo alentando a violencia vivida nas rúas? 

Eu creo que máis que unha estratexia, o que pasou nos últimos meses foi unha serie de actos que se poden cualificar de terroristas. Moitas persoas foron asasinadas e durante catro meses someteuse á poboación a unha situación de violencia extrema. Chegábanse a queimar persoas vivas polo mero feito de ser negras ou de parecer chavistas. Esta violencia non só foi sufrida polas persoas de esquerdas, senón que tamén nos barrios máis acomodados xente que habitualmente votaba á dereita tamén tiña que soportar os cortes de estradas ou as barricadas ás portas das súas casas. E estaba claro que estas persoas non ían aturar esta situación. Creo que si foi un erro que non se presentasen ás eleccións á asemblea constituínte, porque se non estaban de acordo co proceso tiñan a posibilidade de cambialo. Pero preferiron a vía violenta e foron derrotados nas urnas.

"O maior problema que ten agora Venezuela é o estrangulamento económico ao que está sometida tanto por parte das grandes corporacións como por parte dos Estados Unidos"

Como cres que vai evolucionar nos vindeiros meses a situación política do país?

Creo que o traballo nas administracións vai seguir en paz e pola vía democrática. Pero o maior problema que ten agora Venezuela é o estrangulamento económico ao que está sometida tanto por parte das grandes corporacións como por parte dos Estados Unidos. Este estrangulamento económico, que non deixa de ser un Golpe de Estado brando, ten efectos moi duros sobre a poboación e faise, como vimos noutros momentos -por exemplo en Chile-, para producir un desgaste sobre o Goberno. Aqueles grupos e países que non están de acordo co Goberno, practican a a inxerencia a través do embargo. Agora é Estados Unidos, pero témese que tamén a UE queira facer o mesmo, o que é irresponsable e moi pouco humano, tendo en conta a situación que está a vivir o pobo venezolano. O máis importante agora mesmo é que mellore esa situación económica e controlar a inflación producida por esa presión exterior.

 

Mesa de votación, hai dúas semanas nos comicios rexionais venezolanos Dominio Público Praza Pública
Eva Solla formou parte do equipo de "acompañantes internacionais" que fiscalizaron o proceso electoral Dominio Público Praza Pública
Anuncio dos resultados a cargo do poder electroral Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.