Brasil endurece as condicións para entrar no país en reciprocidade ás impostas por España aos brasileiros

Rio de Janeiro Dominio Público Praza Pública

Os españois que viaxen a Brasil terán que cumprir a partir do 2 de abril unha serie de condicións para obter permiso de ingreso ao país suramericano, informaron as autoridades de Brasília, seguindo así o principio de reciprocidade despois de varios anos de disputas diplomáticas, xa que nos últimos anos as autoridades españolas foi moi restritivas co control de entrada dos cidadáns brasileiros en España.

Entre as medidas que se imporán ao turista español inclúese a obriga de presentar un pasaporte válido por un mínimo de seis meses a partir da chegada ao país e dun billete aéreo de ida e volta con data confirmada. Ademais será necesario comprobar ante os servizos brasileiros de inmigración, mediante a presentación de cartóns de crédito, que se teñen medios económicos suficientes para financiar gastos mínimos de ao redor de 80 euros por día de permanencia en Brasil. Os españois tamén terán que presentar un documento que comprobe reservas de hotel xa pagas ou, no caso de que se vaian hospedar nunha residencia privada, deberán exhibir unha carta de invitación que informe ademais o prazo da súa estancia e unha comprobación de residencia do seu anfitrión.

Estas normas son as mesmas que nos últimos anos vén impoñendo España aos cidadáns e cidadás brasileiras. A emigración de españois a Brasil aumentou considerablemente no último ano, e aínda que este tipo de medidas fan referencia a entradas por motivos turísticos, os requisitos para traballar e vivir en Brasil poderían ser igualmente endurecidos da mesma forma que España o fai cos cidadáns extracomunitarios.

Rio de Janeiro Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.