0 Gardados para despois

Bosnia, as cicatrices perennes dunha guerra

María SabarísMaría Sabarís | @msabaris


Bosnia-Hercegovina (BiH) foi o territorio máis castigado polas guerras que nos anos 90 oprimiron á poboación civil das ex-repúblicas iugoslavas. A súa historia segue marcada, 26 anos despois, polo papel xogado pola comunidade internacional, as divisións territoriais e os intentos por sobrevivir á pobreza e a corrupción que corroen o país. O peche do Tribunal Penal Internacional para a Ex Iugoslavia (TPII) o pasado mes de decembro supuxo un punto e seguido necesario para entender a situación social que vive o país. A experiencia vivida no terreo por Mariña Barreiro Mariño (Noia, 1985), Miguel Rodríguez Andreu (Vigo, 1981) e Jairo Dorado Cadilla (Vigo, 1980) guiaranos nesta 'viaxe' para entender como e canto cicatrizaron as feridas da guerra mentres a condena de Ratko Mladic en decembro de 2017 suma un novo capítulo de confrontación nas relacións entre as dúas principais entidades do país, a República Srpska e a Federación de Bosnia-Hercegovina. 

O 11 de xullo de 1995 un Ratko Mladic fachendoso e sorrinte entraba nas rúas valeiras de Srebrenica. O seu sorriso victorioso diante das cámaras da televisión serbia prometía grandes tempos para o pobo serbio de Bosnia. Srebrenica sería, segundo el, o grande regalo para os seus compatriotas, un agasallo completado coa misión final de vengar a historia do seu pobo. Para iso 'tramou' liberar o territorio dos musulmáns, eses que el aínda consideraba herdeiros dos turcos que dominaros durante séculos a zona, converténdoa en parte do imperio Otomano alá polo século XV. Despois de meses de asedio, os habitantes bosníacos (musulmáns de Bosnia) deixaron a súa 'cárcere' na búsqueda da protección das Nacións Unidas en Potocari, 6 kilómetros ao noroeste de Srebrenica. Unha protección que nunca chegou e que abriu unha profunda fenda á hora do reparto das responsabilidades no sucedido. A de Srebrenica foi a matanza máis númerosa de civís occorrida en Europa despois do xenocidio nazi e serviu para acrecentar aínda máis a separación entre serbios e bosníacos no que actualmente se coñece como Bosnia-Hercegovina.

A experiencia vivida no terreo polos galegos Mariña Barreiro, Miguel Rodríguez e Jairo Dorado guiarannos nesta viaxe para entender como e canto cicatrizaron as feridas da guerra mentres a condena de Mladic suma un novo capítulo de confrontación entre as dúas principais entidades do país

O pasado 22 de novembro, 22 anos despois, Mladic, o ex-xefe do exército serbio de Bosnia foi condenado a pasar o que lle resta de vida na cadea acusado polo TPII de, entre outros crimes de guerra e contra a humanidade, do xenocidio de preto de 8.000 varóns musulmáns nos arredores de Srebrenica entre o 12 e o 17 de xullo de 1995. Mladic é responsable ademais doutras matanzas consideradas como xenocio occorridas noutros puntos negros da xeografía de Bosnia, así como do sitio dos barrios de maioría bosníaca de Saraievo, que acabou coa vida de máis de 10.000 persoas. Con todo, esta sentenza, non é suficiente para parte das súas vítimas xa que só foi condenado por 10 dos 11 cargos na súa contra e ese último é, según Jairo Dorado "o punto problemático para a sociedade civil: o concepto global de xenocidio". Jairo é tradutor de serbio-bosnio-croata e traballou nos últimos anos con vítimas de todas as etnias e tamén con parte dos 'verdugos' arrepentidos, formando parte da Comisión Internacional sobre Persoas Desaparecidas.

"Srebrenica é considerada polo TPII como un caso claro de xenocidio, si, pero a sentenza a Mladic establece que a guerra non foi unha guerra de xenocidio, é dicir, as súas actuacións no resto do territorio, sexa Bosnia, sexa Croacia, non tiñan por obxectivo a exterminación dun grupo étnico determinado...", explica Jairo. "Iso doe -continúa- especialmente no relato político global porque xa non podes fundamentalo na idea de que 'somos vítimas dun xenocidio e temos dereitos' ou 'a existencia da entidade serbia de Bosnia, a Republica Srpska, esta baseada nun acto de xenocidio', que é unha constante política en Bosnia". Para Jairo este veredicto terá de seguro un valor histórico moi importante para que as próximas xeracións entendan e falen abertamente do que aconteceu xa que a sentenza relata de xeito moi minucioso, explica, todos os acontecementos militares de Mladic en Croacia e Bosnia, así como as vítimas directas dos seus actos. "O importante neste caso non é a condena en si, senón a explicación de como se chegou aos acontecementos polos que é xulgado", remata.

Muller de etnia bosníaca nas rúas de Saraievo / Greta6

"Para as vítimas, que o son de todas as etnias e tamén de ningunha, a xustiza chega tarde"

Neste senso, Mariña Barreiro, politóloga residente en Saraievo e membro da directiva da ONG de dereitos humanos 'Sarajevo Open Centre' engade, ademais, que a condena de Mladic ou a morte 'en directo' do militar bosniocroata Slobodan Praljak o pasado 29 de novembro (condenado a 20 anos de cadea por crímenes de guerra contra musulmáns de bosnia) "deixan aínda máis grecha neste país". Fai, ademáis, fincapé no descontento da sociedade co papel da comunidade internacional en todo este proceso desde o inicio da guerra. "Para as vítimas, que o son de todas as etnias e tamén de ningunha, a xustiza chega tarde", remarcando que "para as elites dos partidos étnicos estas decisións xudiciais son un motivo máis para gañar votos, facendo destes criminais heroes”.

Poucas horas despois da sentenza de Mladic, o ata de agora presidente da República Srpska -e acabado de elexir como o representante serbiobosnio da presidencia tripartita de Bosnia-Hercegovina-, Milorad Dodik, definiu a Mladic como un heroe nun claro movemento político cando anos atrás, estando na oposición e Mladic escapado da xustiza e en paradeiro descoñecido, sinalou a necesidade de detelo e extraditalo. Seguindo a idea de Mariña Jairo advirte que "hai unha clara explotación do conflito, especialmente na creación dun marco vitimista ao xustificar os actos como unha defensa preventiva do que podía acontecer". É dicir, heroes que defenderon á sociedade dos potenciais perigos, e niso basean a súa defensa fronte aos mortos. Con todo, Jairo, que reside en Berlín pero viaxa asiduamente a Bosnia, está convencido de que aínda que este relato ten un apoio minoritario, a actuación da comunidade internacional na zona foi (e é) o mellor combustible posible para alimentar esas ideas.

O papel fallido do TPII

A posición da comunidade internacional deixa bastantes claroscuros no cómputo xeral da guerra. A posible inacción dos cascos azuis holandeses na matanza de Srebrenica- recoñecida polo goberno holandés no ano 2002- e o feito de que máis da metade dos 161 condenados sexan serbios (90) fronte a só 14 croatas, catro bosníacos, cinco kosovares e dous macedonios non axuda a ver ao TPII como un órgano lexítimo para lograr a reconciliación entre as diferentes etnias. O líder do exército de Bosnia-Hercegovina Naser Orić, por exemplo, acusado en ocasións por organismos independentes de asesinatos múltiples e outras atrocidades contra a poboación civil serbia de Bosnia foi xulgado polo TPII pero condenado a só dous anos de cárcere ao non interpretar o tribunal esas matanzas como actos de guerra.

A inacción dos cascos azuis holandeses e o feito de que máis da metade dos condenados sexan serbios non axuda a ver o TPII como un órgano lexítimo para lograr a reconciliación

Miguel Rodríguez é politólogo e editor da revista de estudos balcánicos Balkania, vive en Belgrado e está especializado no estudo dos movementos sociais no espazo ex-iugoslavo. O seu coñecemento da sociedade civil permítelle sinalar que o papel do TPII deixa aínda máis dúbidas que certezas cando se fala da súa misión á hora de conseguir unha reconciliación entre as diferentes entidades étnicas. "O TPII tivo grandes éxitos, foi quen de 'sacar' do panorama político a gran parte da elite política responsable da guerra, pero non a toda", aclara Miguel.

O feito de que o tribunal non fose quen de condenar a todos os implicados porque ou ben morreron (como foi o caso de Franjo Tuđman -presidente de Croacia- e Slobodan Milošević -presidente de Serbia-), porque foron absoltos (como é o caso de Ramush Jaradinai -xefe de campo albanés do exército de Liberación de Kosovo- ou o xa mencionado Naser Orić), ou porque foros liberados sen unha sentenza condenatoria (como é o caso de Vojislav Seselj -fundador e presidente do Partido Radical Serbio) explica que "existan grises" no papel que xogou o TPII e que impiden satisfacer a todos os lados do conflito por igual. "Cando se analiza a opinión pública sobre a interpretación que fan os serbios do TPII -comenta Miguel- o que se conclue é que o 60 ou 70 por cento da poboación está en desacordo con moitos dos motivos que esgrime o tribunal nas condenas. Na maioria dos casos –recalca Miguel- esgrímese para xustificalo que, ou ben se procesaron na súa maioría a políticos ou militares serbios, ou ben consideran que o TPII é un axente da comunidade internacional creado co único fin de condenar aos serbios e, polo tanto, segundo eles, trátase dunha confabulación para humillar a súa étnia".

División territorial de Bosnia-Hercegovina / María Sabarís

"Todos os grupos senten que son vítimas da transición post-iugoslava e do conflito posterior, a calidade de vida da poboación baixou radicalmente e fixoo nun periodo moi curto de tempo"

Con independencia de cales foron as sentenzas para os políticos e militares, insiste Miguel, o problema é que non existiu unha reflexión obxectiva sobre a responsabilidade do propio grupo nacional. É dicir, explica, non se fixo un exercicio de autocrítica. "Todos os grupos senten que son vítimas da transición post-iugoslava e do conflito posterior, a calidade de vida da poboación baixou radicalmente e fixoo nun periodo moi curto de tempo", aclara Miguel. Ademais, na cultura balcánica recoñecer ás vítimas do outro bando implicaría debilidade e, en lugar de entenderse como un exercicio de xustiza ou empatía cara o outro grupo, cultural e politicamente vese como unha oportunidade que concedes á outra parte para atacarte. E iso, concede Miguel, foi un fracaso do TPII, que non foi quen de exercer un papel reconciliador, "fallou desde o punto de vista da capacidade para seducir ás partes e converterse nun órgano con credibilidade e lexitimidade" á hora de promover a convivencia pacífica.

As razón polas que o TPII nunha chegou a ser visto coma un órgano claramente reconciliador responde a moitos motivos, pero segundo Miguel Rodríguez existen varias razóns principais que levan a xerar máis desconfianza que confianza na cidadanía. Por unha banda, o TPII xurdiu coma como un órgano sen poder executivo, é dicir, un órgano internacional que está financiado pola comunidade internacional pero que non ten capacidade para deter a xente. A detención depende dos propios estados e iso fixo que o TPII "xogara coa condicionalidade”. É dicir, a colaboración na entrega de criminais de guerra estaba favorecida en moitos casos coa concesión de beneficios en forma de integración europea, axuda internacional ou, en xeral, temas de 'embelecemento' da reputación do país. Punto este importante -explica- xa que "os países balcánicos, sobre todo Serbia, dependen moito do seu soft power (poder brando) e non lles convén aparecer constantemente nos medios sendo criticados por non colaborar coa xustiza internacional".

Que se tardase tanto en ditar sentenza mentres eran procesados os responsables converteu os líderes políticos en figuras que despois de máis de dez anos de proceso acaban sendo banalizados

Por outra banda, o feito de que o tribunal se crease no ano 1993, dous anos antes de que acabase a guerra en Bosnia, fixo que percorrese simultaneamente todos os episodios políticos que se deron na rexión. "O proceso de transición prodúcese ao mesmo tempo que se estaba a procesar aos condenados, de tal maneira que se estigmatizaron ás clases políticas". Continúa Miguel aclarando que unha vez rematada a guerra os políticos seguen intervindo en política pero o feito de estar ameazados con ser procesados pola xustiza internacional fai que tamén subxectivicen á poboación en contra do TPII. Por último, que se tardase tanto en ditar sentenza mentres eran procesados os responsables, converteu os líderes políticos en figuras mediáticas que despois de máis de dez anos de proceso acaban sendo banalizados e frivolizados na televisión, colocando nun segundo plano ás vítimas.

Ademais, a pesar de que xa estaba en funcionamento, o TPII, e polo tanto a comunidade internacional, non foi quen de impedir no ano 1995 a Operación Tormenta que supuxo a expulsión de máis de 200.000 serbios de Croacia nin o xenocidio de Srebrenica. Influíu, amais, moito na política Serbia durante os bombardeos da OTAN en 1999. Neste senso, o propio tribunal foi visto en moitas ocasións por parte da poboación, especialmente serbia, coma unha especie de "axente executor da comunidade internacional". De tal modo que calquera sentenza que impón o TPII non ten moita credibilidade ou vese máis como parte dunha "estratexia urdida desde Washingston ou desde Bruxelas", conclúe Miguel. Porén, o TPII nunca foi visto como instrumento de reconciliación nin, segundo Miguel, ten esa capacidade “porque existen sombras no seu percorrido”.

A difícil reconciliación

Paso fronteirizo entre o distrito autónomo de Brcko e Croacia / BalcansCat

"Para moitos serbios resulta inxusto que no momento en que se asina o Tratado de Maastricht en 1992, Europa vive unha eclosión económica e social e Iugoslavia se fragmenta, os serbios sexan coñecidos como nación agresora e xenocida, cando en termos de número de vítimas e de gravidade o xenocidio Ustaše foi moi superior ao que ocorreu durante os anos 90 en Bosnia", afirma Miguel. Sostén que os serbios nunca comprenderon esta posisión e iso “complica” o exercicio de autocrítica. Non entenden porque a eles se lles presiona insistentemente para recoñecer a masacre de arredor de 8.000 musulmáns en Srebrenica cando, durante o período iugoslavo e postiugoslavo, ninguén o fixo convenientemente dos máis de 200.000 serbios asesinados na Segunda Guerra Mundial polos croatas nazis do partido Ustaša . "Iso é complicado que xere empatía", remata Miguel.

Un monumento de 'agradecemento' á comunidade internacional pola axuda na guerra é unha lata de conserva similar ás enviadas a Saraievo durante o asedio da cidade; caducaba só uns anos despois da guerra do Vietnam

Que os cidadáns das diferentes etnias non teñen moita confianza no papel que a comunidade internacional xogou, e está a xogar, no territorio vense facendo patente pola súa incapacidade de ser un axente activo na reconciliación como sinalaba Miguel. "Nun dos parques máis transitados en Saraievo pódese ver un monumento de 'agradecemento' á comunidade internacional pola súa axuda durante a guerra. Consiste nunha lata de conserva similar ás que enviaban a Saraievo durante o asedio da cidade nos noventa, lata que caducaba só uns anos despois da guerra do Vietnam". Unha anécdota que relata Mariña e que é a mostra máis palpable desta desafección que aínda existe, dalgún xeito tamén nas novas xeracións.

A amálgama de culturas e identidades que é BiH queda ben reflexada na división territorial do país despois dos Acordos de Dayton. A Federación de Bosnia-Hercegovina, de maioría bosníaca, representa o 50% do territorio (dividida en 10 cantóns, uns de maioria bosníaca e outros croata) e a República Srpska, de maioría serbia, o 49% correspondendo o 1% ao distrito autónomo de Brcko, unha pequena cidade na fronteira con Croacia creada para que existese un equilibro territorial. A pesar de que BiH é considerada en moitas ocasións como un estado fallido debido a esa división irreconciliable, Brcko é, a diferenza de moitas outras cidades en BiH, un claro exemplo de convivenza multiétnica. "En tanto non se fagan unha serie de reformas na constitución e mentres a comunidade internacional non adopte medidas menos condescendentes nas axudas e nas actuacións políticas a situación do territorio parece difícil que cambie", asegura Jairo, salientando que o país precisa de tempo. "É necesaria unha sociedade civil que creza e que entenda o que pasou no conflicto mara madurar".

"A maioría sufriron como civís, e en moi poucos casos podían entender o que lles estaba pasando, nin crer aos 'líderes' que os facían temer ao veciño"

Mariña sinala que a maioría de grandes ONGs e organizacións internacionais coas que se ten atopado levan gastando moitos recursos na chamada reconciliación. Con todo, e baseándose na súa experiencia persoal e profesional, asegura tallante que "esa reconciliación entre os pobos non existe estrictamente nin é necesaria". Mariña viviu nunha vila de maioría croata, Livno, logo nunha aldea serbia, Drvar, e agora na capital do país, Saraievo, de maioría bosníaca. "Os pobos -afirma- non decidiron ir á guerra". "A maioría -prosegue- sufriron como civís, e en moi poucos casos podían entender o que lles estaba pasando, nin crer aos 'líderes' que os facían temer ao veciño". Para Mariña, as xeracións que viviron a guerra, na súa maioría, non teñen ningún problema a nivel individual e as opinións sobre as outras etnias son xeralmente positivas.

Protestas diante do Parlamento Bosnio / CC BY-SA Bebolucija

Seguindo esta idea e grazas ao contacto que durante anos vén tendo coas vítimas do conflito, Jairo asegura que no difícil caso da convivencia en Srebrenica el non lembra nunca ter falado cunha vítima de Srebrenica que lle falase directamente mal dos serbios. "É certo que acusan directamente aos Chetniks (guerrilla paramilitar serbia) pero nunca escoitei enfatizar esa culpa nun grupo étnico, senon nunha ideoloxía específica". En Srebrenica, a diferenza de Mostar onde croatas e bosnios viven separados con escolas, universidades, servizos e administración duplicadas, vítimas e ‘verdugos’ comparten un mismo espazo en relativa normalidade.

"En Srebrenica dentro do odio hai matices e do silencio total, a falar abertamente sobre o que pasou, hai niveis"

Hai dous anos -comenta Jairo- foi a primeira voda mixta despois da guerra, os nenos comparten escola e clase e a administración local é única. Só hai un equipo de fútbol e é mixto, o FK Guber, polo tanto os rapaces, sexan da etnia que sexan, teñen que xogar nese equipo. "Obviamente non vas ser amigo da xente que participou da túa desgraza pero, no fondo, -sostén Jairo- entendes que o fixo por sobrevivir porque ti quizáis estabas na mesma situación". Ao que engade, "dentro dese odio hai matices e do silencio total, a falar abertamente sobre o que pasou, hai niveis". Ao final a conclusión que saca Jairo é que "as persoas que máis sufriron son as máis propensas á reconciliación porque cando perdiches todo, xa non tes medo e sen medo -remata Jairo- non hai motor para o odio".

Un futuro incerto

Moitos dos esforzos que se fixeron nos últimos anos para abrir un proceso á convivencia pacífica entre as étnias converteuse en moitos casos en máis segregación, como sucede coa educación das novas xeracións. O sistema educativo -en moitas vilas- segrega aos rapaces e rapazas e, dependendo da súa orixe étnica, estudarán diferentes historias, 'diferentes' linguas (hoxe recoñecidas como tres linguas diferentes, o bosnio, o serbio e o croata, antes da guerra unha soa, o serbo-croata) e diferentes relixións recoñece Mariña. "Nos casos mais extremos -salienta- estarán separados mesmo no patio". Así sucede nas chamadas 'dúas escolas baixo un mesmo teito' (escolas compartidas por dúas etnias pero que son, de feito, dúas escolas diferentes) que impide aos estudantes incluso coñecerse. "Así é moito máis fácil manipulalos, máis fácil meterlle 'o medo no corpo' e contarlles que os “outros” son os culpables de todos os males do “seu pobo”, explica Mariña.

"Dunha inxustiza puramente laboral pasouse a un movemento social no que o ‘elemento’ cidadán deixou fóra aos conflitos de natureza étnica co berro de ‘temos fame nos tres idiomas’"

O problema, asegura Miguel, é que é moi difícil superar o elemento étnico, que se adhira acriticamente á nación e ao líder nacionalista no poder (a presidencia de Bosnia-Hercegovina rota cada oito meses entre os tres representantes electos de cada comunidade étnica do país: serbiosbosbios, bosníacos e bosniocroatas). "Non se creou unha cultura de intervención da sociedade civil sobre as institucións", para Miguel o elemento étnico está tan presente que aínda non deu paso á construción dun sentimento de cidadanía forte e, iso, asegura que levará tempo porque é un proceso de construción social lento. A pesar diso, cada vez hai máis voces disonantes que levan aos diferentes grupos a loitar por obxectivos comúns como son a corrupción, o nepotismo, a incompetencia gubernamental, o bloqueo institucional e, porén, a pobreza e a falta dun estado de benestar para todos por igual.

Na primavera de 2013 milleiros de persoas pertencentes aos tres grupos étnicos mobilizáronse contra a clase política na chamada  'Babyrevolution': debido ao sistemático bloqueo do parlamento durante meses para sacar adiante a lei que regulaba a expedición dos números de identificación necesarios para os DNI e a seguridade social os nenos nados no país quedaban nun limbo. O caso tomou un cariz máis serio cando unha nena de tres meses enferma non puido viaxar ao estranxeiro -ao non ter a identificaión necesaria- para recibir tratamento a tempo e finalmente faleceu sendo a primeira vítima da parálisis política do país. Seguindo esta primeira mobilización, en febreiro de 2014 a maior parte do país, sobre todo da Federación de BiH, deixou dun lado o elemento étnico para saír ás rúas en protesta pola privatización de varias empresas nacionais. Estas foros as primeiras experiencias políticas importantes da poboación na que non importou a orixe étnica, senón os intereses comúns. Dunha inxustiza puramente laboral -recalca Miguel-, pasouse a un movemento social no que o ‘elemento’ cidadán deixou fóra aos conflitos de natureza étnica co berro de ‘temos fame nos tres idiomas’.

"Bosnia e Hercegovina é un país verde coma Galiza, e igualmente falto de oportunidades; as novas xeracions bosnio-hercegovinas xúntanse coa xuventude galega en Alemaña e é tráxico porque non hai futuro na propia terra"

Ao final a pobreza e as inxustizas sociais son valores comúns a todas as sociedades. "Bosnia e Hercegovina é un país verde coma Galiza, e igualmente falto de oportunidades", recalca Mariña. "As novas xeracions bosnio-hercegovinas xúntanse coa xuventude galega nalgún bar no centro de Berlín ou nos parques en Zurich- describe-. “E é tráxico porque non hai futuro na propia terra"-insiste. "Ambos somos pobos na periferia de Europa, vivimos xeracións e xeracións desarraigadas e morriñentas, bebendo ‘rakija’ de contrabando, que o non é outra cousa que caña de toda a vida". Así remata Mariña, resignada, un retrato dun territorio doente aínda polas feridas da guerra que loita por construír unha sociedade emancipada e empoderada capaz de botar abaixo os abusos de poder e a corrupción para deixar finalmente atrás as miserias dunha guerra infinita.


*Jairo Dorado Cadilla traduciu para o galego as obras Como se non existise (Slavenka Drakulić. Edicións Xerais, 2005), A ponte sobre o Drina (Ivo Andrić. Rinoceronte, 2007), Götz e Mayer (David Albahari. Rinoceronte, 2010), Unha tumba para Boris Davídovich (Danilo Kiš. Rinoceronte, 2010), A boca chea de terra (Branimir Šćepanović. B. Rinoceronte, 2010) e Cando levanten as brétemas (Josip Mlakić. Hugin e Munin, 2015)

*Miguel Rodríguez Andreu é ademáis tradutor do serbo-croata (Las aguas tranquilas del Una, Ed. La Fuente Grande 2017), membro do portal de análise geurasia.eu e autor das obras Maratón balcánico (Random House, 2018), Homofobia nos Balcáns (UOC, 2015) e Anatomía serbia (Emb. España, 2012).

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.