Siria: Entre a debilidade dos rebeldes e a ameaza dos islamitas

© Correo Diplomático

O chamado Exército Libre de Siria non tivo éxito no seu intento por enrolar a maioría dos máis de 20.000 militares que desertaron do exército de Bachar Al Assad, que se amosa máis preocupado polos grupos armados islamitas, provintes do movemento sunita radical do Líbano e mais de Libia. Unha crónica de Correo Diplomático.

Os ollos de todo o mundo diríxense durante as últimas semanas cara a Siria, onde o presidente Bachar Al Assad aférrase ao poder custe o que custe. A situación no país árabe non deixa de degradarse. Varias cancillerías occidentais elaboraron durante as últimas semanas informes relatando o estado de cousas dos rebeldes e, sobre todo, do Exército Libre de Siria (ELS). Na maioría destes documentos constátase como, salvo en moi raras excepcións, até a data o ELS non puido facer fronte ás forzas sirias oficialistas.

ELS apenas conta con 3.000 combatentes

Segundo o informe dunha embaixada europea en Damasco ao cal Correo Diplomático tivo acceso, e que foi corroborado ulteriormente polas conclusións dun centro de investigación francés, o ELS apenas si contaría con 3.000 combatentes. E os seus membros unicamente dispoñen de fusís de caza, kalachnikov e morteiros de fabricación chinesa que proveñen de Iraq e o Líbano. "Esta forza de choque efectiva antóllase insuficiente para levar a cabo o que é o único obxectivo do ELS, tal e como destacou no seu momento o coronel Riyad Al Assad, que non é outro que liberar os sirios do réxime de Bashar Al Assad", sentencia un diplomático xordano destinado desde hai máis de dous anos en Siria.

A formación dun grupo de oposición no seo do ejécito foi anunciado o 29 de xullo de 2011 nun vídeo publicado por un grupo de desertores uniformados das forzas armadas sirias, que facían un chamamento a outros membros do exército para que desertasen e se unisen a eles. Este mesmo documento precisa, ademais, como o ELS non tivo éxito no seu intento por enrolar á maioría dos máis de 20.000 militares que desertaron do exército de Bachar Al Assad. O ELS atópase particularmente presente nos campamentos de refuxiados establecidos en territorio turco.

 

Salafistas contra Al Assad

Analistas e expertos coinciden en sinalar que o verdadeiro perigo para a pervivencia do réxime de Damasco provén dos grupos armados islamitas. En localidades como Hama, Deraa e Idlib, por citar algúns exemplos, son grupos salafistas militarizados quen se enfrontan abertamente ás hostes do exército sirio. "Estes salafistas, particularmente violentos e determinados - asegura un experto galo na zona- proveñen maioritariamente do movemento sunita radical que se activa no Líbano".

"Os grupos salafistas constitúen hoxe a principal ameaza militar ao Goberno de Damasco"

"Son varios centos de elementos armados pertencentes ás organizacións Jund Al Cham, Osbat Al Ansar e Fath Al Islam, co apoio dunha decena de combatentes libios vinculados coas brigadas do xefe militar de Trípoli e ex lugartenente de Osama Ben Laden, Abdelhakim Belhaj, quen constitúen hoxe a principal ameaza militar ao Goberno de Damasco", aserta unha fonte de intelixencia occidental consultada por Correo Diplomático. "Por iso é polo que o réxime de Bachar Al Assad se obstine en atacar algúns barrios de Homs, auténticos santuarios destes grupos salafistas", conclúe esta mesma fonte.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.