Tecnocracia de signo conservador contra a crise romanesa

Mihai Razvan Ungureanu, novo xefe do Goberno Dominio Público Correo Diplomático

Romanía que, xunto con Bulgaria, é o país máis pobre e con menos renda per cápita da Unión Europea, escolleu a vía da tecnocracia de signo conservador para superar a grave crise económica que padece. Como en Italia e Grecia, o Parlamento romanés apoiou nunha votación de confianza -con 237 votos a favor e dúas abstencións- a formación dun novo Goberno de políticos novos tecnócratas e conservadores dirixido polo ex xefe do servizo secreto exterior, Mihai Razvan Ungureanu, que é tamén un home de confianza do presidente Traian Basescu. Ungureanu, que ten 43 anos, é historiador de formación e políglota, substituíu o ministro conservador Emil Boc, que tivo que dimitir ao non poder facer fronte ás masivas protestas populares contra a política de austeridade impulsada polo dereita gobernante.

Recoñeceu que "a era da prosperidade non comezará mañá"

O ex xefe dos espías asegurou que "a preocupación deste Goberno será o aumento prudente dos salarios dos funcionarios e as pensións, se a economía o permite". Ungureanu quixo desta forma tranquilizar os ánimos dos empregados da función pública, que viron os seus soldos recortados nun 25%, de moitos pensionistas que están na miseria e do conxunto da cidadanía que se enfronta a unha subida do IVE do 19 ao 24%. O novo primeiro ministro comprometeuse a respectar os acordos de axuda financeira -20.000 millóns de euros en 2009- asinados entre Bucarest e Bruxelas e o FMI a cambio dunha profunda reforma económica baseada na contención do gasto público. Recoñeceu que "a era da prosperidade non comezará mañá".

O socialdemócrata Victor Ponta considerou que "as eleccións anticipadas e a dimisión do presidente Basescu son a solución a esta crise económica"

Pola súa banda, a oposición socialdemócrata e liberal pediu a convocatoria de eleccións xerais anticipadas, en lugar de agardar até o próximo mes de novembro, e acusou o xefe do Estado, cuxo mandato finaliza en 2014, de levar a cabo unha política "autoritaria" e "anticonstitucional". O socialdemócrata Victor Ponta considerou que "as eleccións anticipadas e a dimisión do presidente Basescu son a solución a esta crise económica". O liberal Crin Antonescu, que até agora fixo causa común contra Basescu cos socialdemócratas no seo da a coalición Unión Social Liberal (USL), lembrou que Ungureanu é "xefe de servizos secretos" e cualificou o novo Executivo de "Goberno de títeres" ás ordes do xefe do Estado.

 

"Profesionais competentes"

Os medios romaneses afíns ao xefe do Estado describiron o Goberno como un equipo novo formado por "novas figuras" e "profesionais competentes". Oito ministros, todos do dereitista Partido Democrático Liberal (PDL) de Emil Boc, son novos no Goberno de Ungureanu. Pero ministros tan importantes como o de Xustiza, Catalin Predoiu, e Leonard Orban, titular de Asuntos Europeos, permanecen nos seus cargos. A maioría son novos conservadores cunha traxectoria profesional tecnocrática.

O descontento popular segue presente en prazas e rúas de Bucarest e outras cidade

O analista político Silviu Sergei encomiou o novo xefe de Goberno, porque é un dirixente "traballador, discreto, serio e culto e un home europeo e de confianza do presidente". A prensa crítica de Bucarest cualificou de "operación de imaxe" a formación do novo Goberno. Así as cousas, a pesar da onda de frío polar que se abateu sobre Romanía, o descontento popular segue presente en prazas e rúas de Bucarest e outras cidades e algúns comentaristas políticos poñen en dúbida que un gabinete de tecnócratas dereitistas poida dirixir o país até as próximas lexislativas.

Mihai Razvan Ungureanu, novo xefe do Goberno Dominio Público Correo Diplomático

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.