O IGADI alerta da "minimización" da acción exterior de Galicia

Dominio Público Praza Pública

O IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) vén de publicar o We in the world 2012, o informe anual sobre a acción exterior galega, no que realiza unha crítica á evolución da acción exterior realizada polo goberno de Alberte Núñez Feijoo, que considera que camiña cara á "minimización". A análise realizada por Xulio Ríos salienta que a acción do goberno galego nesta lexislatura "non empezou mal", coa creación do Consello de Acción Exterior (CAEX), que podía interpretarse "como unha aposta pola apertura, o consenso e o reforzamento duns liñamentos básicos". Porén, o IGADI conclúe que o CAEX "vai camiño de esmorecer". 

Para Xulio Ríos, "a impresión que resta é a dunha aposta polo repregamento, non soamente por razóns económicas, derivadas fundamentalmente dos imperativos da crise, senón pola adopción dunha concepción diferente, mais conveniente para o caso, non consensuada, que reconduce e reduce a acción exterior (desde as discutidas oficinas de representación ás liñas de acción) a tarefas de promoción económica e preservación de fondos comunitarios".

Ríos conclúe que a diplomacia económica que se pretende promover como reivindicación estrela tampouco obedece a un modelo claro, se ben condúcese dende o cuestionado IGAPE, a quen se responsabiliza, nunha dimensión notoria, da axenda exterior do propio presidente, "mais ben escasa ata o momento".

O informe tamén se fai eco da proposta do novo ministro de Asuntos Exteriores, García Margallo, centrada na redución dos servixos exteriores das comunidades autónomas. Para o IGADI, é hora de economizar e optimizar recursos, pero a reflexión de García Margallo podería completarse suxerindo unha racionalización e repensamento da acción exterior global do Estado, indo mais aló dunha mera cuestión material para encarar outras dimensións dignificadoras do facer das comunidades autónomas neste campo. O informe conclúque "o mais sensato é alentar un pacto que poña orde e consenso nesta materia".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.