O Foro Social Mundial chega a Túnez entre os ecos das revolucións árabes

imaxe do FSM celebrado en Porto Alegre o pasado ano Dominio Público FSM

O Foro Social Mundial botará a andar este martes coa participación prevista de entre 30 e 50 mil persoas de 127 países diferentes. Están xa rexistradas unhas 4.500 organizacións. Francia e Túnez encabezan a lista de participantes, pois cada un estará representado por uns 300 grupos. Brasil, Bélxica, Italia e Marrocos tamén terán unha importante presenza cunhas 50 organizacións cada un. De Estados Unidos chegará a maior delegación que se viu nun FSM, con 66 organizacións.

O Foro Social Mundial comezou a celebrarse de forma anual en 2001 en Porto Alegre. A edición deste ano terá unha particular importancia, comezando polo escenario escollido: Túnez, precisamente o lugar onde hai dous anos deu comezo a primeira das revolucións populares que coñecemos como primaveras árabes. O FSM chega ademais apenas sete semanas despois do asasinato do dirixente opositor de esquerda Chokri Belaid, un acto criminal que fixo estoupar a cólera popular.

Entre os principais temas a tratar neste encontro destacan os dereitos das mulleres, a mocidade e a cultura. Un dos principais focos que concentrarán a atención desta edición do FSM será a Primavera Árabe, pero outras cuestións, como a crise económica global e a ecolóxica, tamén están na axenda. O FSM deste ano tamén será significativo porque se discutirá en detalle o seu futuro. Moita xente expón a necesidade de que o FSM evolucione. Iso implica a integración de distintos movementos e iniciativas no proceso de avance.

Os organizadores destacan que ademais dos debates e análises, as participantes tamén formularán propostas globais de alternativas ao "neoliberalismo e á dominación do mundo polo capital e por toda forma de imperialismo”

En total, 11 eixos temáticos orientan a execución dos centos de actividades. Entre eles atópanse: Por un mundo sen hexemonías nin dominacións imperialistas, Pola construción de novos universalismos, Por unha sociedade humana fundada sobre os principios e os valores da dignidade, da diversidade, a xustiza e a igualdade entre todos os seres humanos, Pola construción de alternativas ao capitalismo e á mundialización neoliberal, Pola xustiza cognitiva: Polo dereito inalienable dos pobos ao patrimonio cultural da humanidade, Pola construción de procesos democráticos de integración e de unión entre os pobos, entre outros. Os organizadores destacan que ademais dos debates e análises, as participantes tamén formularán propostas globais de alternativas ao "neoliberalismo e á dominación do mundo polo capital e por toda forma de imperialismo”.

Nas xuntanzas preparatorias do FSM determinouse que o lema fose o da Dignidade (Karama), e declarouse que será unha cita que “reunirá miles de mulleres e homes que, polas súas accións, realizacións e loitas, contribúen na construción doutro mundo, un mundo de xustiza social, de democracia local e global, de respecto ao medio ambiente, de dignidade e de igualdade de dereitos para todos os homes e mulleres. Outro mundo posible e necesario”

De forma simultánea ao FSM, realizarase a terceira edición do Foro Mundial de Medios Libres, que comezou o día 24 e proseguirá despois en forma paralela ao primeiro. Varios centos de representantes de medios participarán en talleres e debates, así como na cobertura mesma do foro. Crearase unha área de medios libres con ese fin, mentres que as radios comunitarias sen fins de lucro foron elixidas como o formato preferido. Outro foro dentro do foro será o campamento da mocidade, que congregará persoas de entre 18 e 30 anos

Logo do FSM 2013 Dominio Público FSM
imaxe do FSM celebrado en Porto Alegre o pasado ano Dominio Público FSM

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.