0 Gardados para despois

“Escoito moitas veces que o día que as mulleres cheguen ao poder, acaban os homes”

Marga Tojo


María Rosario López Juárez fala mam, un dos 25 idiomas que cohabitan, en desigual situación, dentro de Guatemala. En lingua mam pequeno dise nunch, rabia tx’u’j, queixo é kyes, e q’anlob’aj significa "mamón". Recolle o cabelo coa diadema tradicional da súa estirpe maia, rematada en borlas shoap, e se dirixe con paciente didactismo ao pequeno auditorio dunha xornada organizada por Panxea-Comercio Xusto e Sodepaz na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela.

María Rosario López Juárez é unha activista do Cepedem, o Centro Experimental para o desenvolvemento da pequena e mediana empresa do municipio de Cajolá, no departamento de Quetzaltenango, un dos diversos brazos do Movemento Tzuk Kim-pop de resistencia e evolución do antiplano occidental guatemalteco, de maioría indíxena. Como os demais pobos de orixe maia, os mames mantiveron cultura e espiritualidade ao longo dos séculos, nun perseverante proceso de resistencias.

Hai que lembrar que entre 1978 e 1983 Guatemala viviu o quinquenio negro do conflito armado que azoutou o país desde 1962

Hai que lembrar que entre 1978 e 1983 Guatemala viviu o quinquenio negro do conflito armado que azoutou o país desde 1962. E que nese período produciuse o xenocidio contra a comunidade maia. Unhas 250.000 vítimas, entre asasinados e desaparecidos, co beneplácito da dereita latinoamericana, a incitación de transnacionais como a United Fruit Company, e o absoluto desinterese da comunidade internacional. A Comisión da Verdade, auspiciada polas Nacións Unidas tres anos despois de acabada a guerra, documentou 669 matanzas no informe Memorias do Silencio.

O documento atribuía o 93% das matanzas ao Exército guatemalteco, o 3% á guerra e o resto (45) a grupos non identificados. Hoxe, coa dignificación dos indíxenas aínda por facer, os mam reforzan a súa identidade como pobo agrícola, xerador dun gran camiño civilizatorio mesoamericano que, por exemplo, axudou a converter o cacao, o millo e o hule en produto de consumo mundial.

 

Un tomate, unha bomba

María Rosario López Juárez denuncia que as políticas do comercio fanse para as oligarquías, “xamais para o campesiño, a maioría da nosa poboación”, por iso ao rematar a guerra civil, en 1996, adoptaron a vella estratexia da fortaleza comunitaria como vía de acción. “Para recuperar a soberanía alimentaria defendemos o consumo da semente crioula, e nos organizamos coa intención de evitar o intermediario –ao que chaman coyote-, que trata de explotar sempre ao produtor”.

Nun país que ten como base da alimentación o millo, a ameaza que representan os organismos tranxénicos sobre as sementes crioulas supón unha realidade preocupante. O portal www.gmcontaminationregister.org de Greenpeace garda rexistro de máis de 200 casos de contaminación transxénica que evidencian a difícil coexistencia coa agricultura tradicional, o que a experta resume con concisión: “A semente non orgánica só é boa para enriquecer a industria”.
No seu compromiso de sostibilidade ambiental e alimentaria, os cidadáns do departamento de Quetzaltenango elaboran abono orgánico “con cinza, que ademais elimina parásitos”, e combaten as pragas a base de preparados de tabaco ou allo. “A nai terra ten a mesma constitución que os seres humanos.

Cada aplicación de química convertería un tomate nunha pequena bomba contra ela e contra nós; produciríamos bombas, non alimentos”, reflexiona. “Ademais, diversificamos a produción e nos puxemos de acordo entre os diferentes pobos para facer mercados en distintos días cada un, non queremos afectarnos a nós mesmos. E se hai quen non quere diversificar, como os papicultores –produtores de patacas- dun pobo lindeiro, negociamos con eles para producir e vender dun xeito escalonado uns e outros”.

 

Un 60% aínda asina con pegada dactilar

Pero se, como indíxena, está sometida a unha histórica marxinación, explotación e saqueo territorial, como muller, debe enfrontarse a diario á violencia do machismo, instalado a nivel humano e institucional. No 2010 rexistráronse máis de 680 feminicidios. Malia terse aprobado unha lei condenatoria, calcúlase que o 98% dos crimes quedan sen castigo, segundo datos da Comisión Internacional Contra a Impunidade en Guatemala.

Durante os anos que durou o conflito interno sufriron, ademais, formas específicas de violencia de xénero. No caso das mulleres maias, á violencia armada sumóuselle a de xénero e a discriminación étnica. Nunha nova emitida hai unhas semanas pola Cloc, Vía Campesina de Centroamérica, Rosalina Tuyuc, da Coordinadora Nacional de Viudas de Guatemala, denuncia que o Programa Nacional de Resarcimiento ignora ás vítimas de violación –crese que unhas 80.000 mulleres-, a maioría das cales “garda silencio” e sente aínda “vergoña e humillación, pois moitas foron violadas diante das súas familias”.

O día 8 de marzo, a Cloc alertaba de que as grandes multinacionais e o Estado “perseguen e intimidan ás mulleres guatemaltecas defensoras dos dereitos humanos e da terra”. As activistas que “loitan en contra das empresas mineiras ou defenden os seus territorios” son acosadas, algo que tamén acontece “nos centros de traballo”. É algo no que concorda María Rosario López Juárez: “Escoito moitas veces que o día que as mulleres cheguen ao poder, acaban os homes”.

Porén, a nivel lexislativo evolucionouse timidamente e, grazas á visibilización da loita das activistas e ao apoio de parte dos seus compañeiros, dentro da organización comunitaria comezan a ter voz. O artigo 96 do Código Municipal establece a creación de oficinas municipais da dona, que atenden as súas demandas a nivel grupal. E, por exemplo, xa cambiaron a pegada dactilar por unha sinatura de puño e letra entre un 30 e un 40% das mulleres das áreas rurais, “obrigadas ao analfabetismo que as marxina da vida pública para que os homes se vaian superpoñendo no poder”.

Non obstante, ao entender da líder campesiña “queda moito por facer se queremos mudar a asignación de roles que nos di que somos só amas de casa”. E pon un exemplo íntimo clarificador: “Vivo cos meus pais. E son nai e pai ao tempo. Educo ao meu fillo, de catorce anos, para que comparta comigo as tarefas domésticas. E cando o meu pai e o meu irmán protestan e din: ‘Esas son cousas de mulleres’, eu respóndolle: ‘Fillo, non lle fagas caso ao avoíño e ao tío, faimo a min, porque temos os dous as mesmas mans e debemos compartir, e ti aprender; e o día de mañá, se vas á universidade –eu defendo que os universitarios deben unir forzas e apego cos agricultores-, terás que valerte por ti mesmo. E se fas a túa vida ao lado dunha muller, terás que compartir con ela’. Do que lles transmitamos aos nosos fillos dependerá o futuro”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.