"A oposición desbotou a vía electoral para tentar cambiar o goberno"

Farruco Sesto © http://albaciudad.org/

A vida de Farruco Sesto (Vigo, 1943) traza unha liña recta entre Galicia e Venezuela, unha ligazón que dende a década dos sesenta achega os dous países. Cómpre lembrar a este respecto os seus poemarios, publicados a partir da década dos sesenta (e, neles, por exemplo a Pandeirada do Che), a súa relación con Celso Emilio Ferreiro, e a súa actividade política e cultural de oposición ao franquismo dende o outro lado do océano Atlántico. Neto do pedagogo Juan Novás Guillán, e fillo do intelectual galeguista Xosé Sesto, emigrou coa familia a Venezuela con 18 anos, onde estudou arquitectura. 

Xa décadas máis tarde participou intensamente e dende o primeiro do proceso político bolivariano, sendo ministro de Cultura dende o primeiro goberno de Hugo Chávez e ocupando posteriormente o Ministerio de Vivenda e outras carteiras. Mantén permanentemente actualizado o seu blog persoal, Con Farruco. Este venres pechará, presentado por Xosé Luís Méndez Ferrín, a XXI Semana Galega de Filosofía, dedicada neste 2014 á Revolución

"Facer unha revolución é facer un cambio irreversible nas relacións humanas. O máis importante é o crecemento da conciencia do pobo, o pobo é protagonista da revolución. Non se fai unha revolución para o pobo, senón que o pobo é quen a fai"

O outro día escribía eu erroneamente que nesta Semana da Filosofía o único que protagonizara realmente unha revolución, alén de achegas teóricas, fora Otelo Saraiva de Carvalho, pero vostede leva quince anos vivindo en primeira persoa unha revolución. Cales son ao seu xuízo os principais logros do proceso político iniciado por Chávez e continuado agora por Maduro?

Vou partir dunha definición de revolución. Facer unha revolución é facer un cambio irreversible nas relacións humanas. É un feito cultural, aínda que transcende ao económico, ao político, a todos os aspectos da política. O máis importante é o crecemento da conciencia do pobo, o pobo é protagonista da revolución. Non se fai unha revolución para o pobo, senón que o pobo é quen a fai. O máis importante é esa recuperación da dignidade nun pobo de moita diversidade cultural, hai que lembrar que Venezuela ten outras trinta linguas ademais do castelán. Iso, fronte á Venezuela que protagonizaba a política anteriormente, a Venezuela das elites que vivía das rendas petroleiras. Venezuela é un país que está nunha transformación profunda, que ademais se conectou con outros países de Sudamérica e o Caribe, o que fixo que toda a rexión vivise un cambio notable. Tratamos de construír unha rexión de paz, que contrasta coa cultura belicosa de Europa. Tamén derrotamos practicamente a pobreza crítica, segundo as cifras da ONU, que constatan o avance radical que estamos vivindo.

"Hai un reto, que é económico pero tamén é cultural, e que consiste en transformar a economía rendista nunha economía produtiva, e non é doado"

Que falta por facer? Cales son os grandes problemas aos que ten que facer fronte Venezuela?

Dentro do deseño da economía mundial, a Venezuela tocoulle o papel de país exportador de materias primas, de petróleo e de minerais. Iso coincidiu coa consolidación dunha burguesía parasitaria e non produtora, que vivía das rendas do petróleo e non creou industria. Hai un reto, que é económico pero tamén é cultural, e que consiste en transformar a economía rendista nunha economía produtiva, e non é doado. Estamos sufrindo unha guerra económica e unha guerra mediática, unida á acción de grupos de ultradereita que queren provocar o caos para forzar unha intervención externa. É realmente impresionante como menten a maior parte dos medios de comunicación e dan unha imaxe completamente irreal de Venezuela.

Dá a impresión de que a oposición cada vez radicaliza máis as súas posicións, e os sectores máis extremistas de López ou Machado vanse impoñendo aos máis moderados de Capriles...

Coa enfermidade do presidente Chávez estes sectores tiñan postas as súas esperanzas en que a morte de Chávez lles ía permitir acadar o poder. Chávez gaña en 2012 con millón e medio de votos de diferenza, morre, e nas eleccións de abril de 2013, a pesar de case non facer campaña, Maduro volve gañar. Iso si, cunha diferenza moi pequena. A oposición refregou as mans, pensando que o chavismo estaba rematando. A oposición deulles ás eleccións municipais de decembro un carácter plebiscitario, pero a revolución volveu gañar, e ampliando a diferenza de novo até o millón de votos e levando dous de cada tres municipios. Démoslles unha malleira. A oposición desbotou entón a vía electoral para tentar cambiar o goberno e os sectores de extrema dereita saíron á rúa. O resto da dereita, aínda que é máis moderada,  foi seguindo a mesma estratexia. Venezuela é agora un país no que protestan os ricos, e a maioría do pobo contense para non crear o caos.

"A oposición desbotou a vía electoral para tentar cambiar o goberno e os sectores de extrema dereita saíron á rúa"

Mesmo a súa nora foi agredida na rúa...

Si, foi agredida por esta xente cando levaba os seus dous fillos pequenos. Felizmente o ataque non tivo consecuencias, pero noutros casos si que houbo mortos ou feridos.

Hai medo a que poida haber algún tipo de golpe militar, ou de intervención militar exterior?

Non creo que vaia haber un golpe. A ameaza exterior si está aí, se algúns países deciden que Venezuela é un estado falido, produto deste intento de xerar o caos nas rúas. Porén, unha deputada de extrema dereita levou á OEA unha proposta de intervención exterior; Panamá fixo a proposta, que só foi apoiada por Estados Unidos e Canadá, fronte a 29 países, de signo político moi distinto, que votaron en contra.

"Hai un liderado colectivo e non hai fendas neste equipo. As críticas veñen destas persoas ou grupos situados máis á esquerda. Sempre hai unha impaciencia para achegarse canto antes ao horizonte de construción dunha sociedade distinta"

A revolución sobreviviu a Chávez. Pero a súa morte deixou ao descuberto friccións internas dentro do PSUV, sobre todo entre Maduro e Diosdado Cabello, ou cos sectores chavistas de base?

Non, non. O que hai é un liderado colectivo e non hai fendas neste equipo. As críticas veñen destas persoas ou grupos situados máis á esquerda. Sempre hai unha impaciencia para achegarse canto antes ao horizonte de construción dunha sociedade distinta. Pero dentro do Goberno e entre os distintos partidos que forman o Polo Patriótico hai unha coherencia absoluta. E tamén hai unidade nas forzas armadas.

"A mesma Galicia que é conservadora aquí, é conservadora alá, temerosa de perder esas propiedades"

Como é a relación da revolución bolivariana coa comunidade galega en Venezuela? Son todos os galegos tan críticos co goberno?

A realidade é que unha parte importante dos galegos que foron alá son moi conservadores, montaron negocios, fixeron cartos... A mesma Galicia que é conservadora aquí, é conservadora alá, temerosa de perder esas propiedades. Hai que lembrar que Celso Emilio Ferreiro, cando volveu de Venezuela escribiu Viaxe ao País dos Ananos, e os ananos eran esa xente temerosa, conservadora, franquista. E agora seguen igual, xa non son franquistas porque non está de moda apoiar ditaduras, pero manteñen ese espírito conservador. Agora, eu coñezo moitísimos galegos en Venezuela, intelectuais, profesionais ou comerciantes, que non son así, e que apoian o proceso bolivariano.

Segue habendo ananos, polo tanto, tanto en Venezuela, como en Galicia?

Si, sobre todo nos sectores de segunda e terceira xeración de emigrantes italianos, canarios, galegos..., que forman esa clase media que non acepta a revolución. Ás veces dá a impresión que non só é unha posición de clase, senón tamén un desprezo ao pobo, ao pobo que os acolleu, sentíndose por riba dos demais, mesmo cun certo racismo. Pero non se pode xeneralizar.

"Eu escribín moito en galego porque a emigración é sempre un arrincarte dun sitio, e eu sentía unha certa obriga con Galicia, unha necesidade de seguir facendo algo por ela, e fíxeno a través da poesía"

Hoxe preséntao Méndez Ferrín, a quen coñece dende hai décadas. Como é a súa relación?

Ferrín é un dos grandes, unha referencia, como cidadán, como intelectual e como narrador e poeta. Como poeta é extraordinario. Eu admíroo moito e téñolle un gran cariño. Non é que nos escribamos todos os días, pero sempre estamos un pendente do outro. Foi unha persoa loitadora, consecuente e fixo súa esa frase de Martí de 'cos pobres da Terra quero eu a miña sorte botar', que ao final é o que lle dá sentido á política.

Xa para rematar, vexo que segue vostede escribindo e publicando, pero xa non en galego, verdade?

Non, non nos últimos anos. Eu escribín moito en galego porque a emigración é sempre un arrincarte dun sitio, e eu sentía unha certa obriga con Galicia, unha necesidade de seguir facendo algo por ela, e fíxeno a través da poesía. Podo falar en galego, pero non son tan áxil como en castelán, que é a lingua na que falo habitualmente dende hai máis de 50 anos. Pero o galego está aí e non descarto volver escribir en galego.

Farruco Sesto © http://albaciudad.org/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.