Eleccións en Francia: a dúbida do terceiro home

Mélenchon, no peche da campaña en París © Front de Gauche

«O gran perturbador». Así cualificou  semanario Le nouvel Observateur ao líder da Front de Gauche, Jean-Luc Mélenchon, que se está a converter na gran estrela da fase final das Presidenciais francesas. A unhas horas da apertura dos colexios e coa maioría das sondaxes outorgándolle a vitoria ao socialista, Françoise Hollande, a gran loita establécese polo terceiro posto. Tanto o esquerdista Mélenchon coma a ultradereitista Marine Le Pen sitúanse nunha situación de empate técnico nas sondaxes cunha lixeira vantaxe a favor da líder ultradereitista.

Mélenchon enorgullécese de ser un pied noir (pé negro), un francés nado en 1951 no Tánxer ocupado. Fillo dun empregado de correos galo e unha mestra española, una máis do exilio provocado pola Guerra Civil, fai unha semana no multitudinario mitin que deu en Toulouse saudou «á gloriosa bandeira da República Española» que portaba un dos asistentes. Xusto cando Sarkozy poñía a España como exemplo do que fará a socialdemocracia de Hollande se chega ao poder, a esquerda revolucionaria de Jean-Luc Mélenchon, lembrábase dela, ou de parte do seu pasado.

Criado en Marrocos Mélenchon é un vello animal político que até agora sempre estivo en segunda fila. Chegou Francia en 1962 onde se licenciou en Filosofía. Alí ingresou nas filas do Partido Socialista e en 1986 converteuse no senador máis novo da historia da República. Foi ministro de Formación Profesional no último Goberno socialista encabezado por Lionel Jospin e, tras deixar o PS, acadou un posto no Parlamento Europeo. Desde hai un par de anos toda a esquerda alternativa, incluído o vello Partido Comunista Francés, xuntouse arredor da nova coalición, unha ampla fronte de esquerdas que foi quen de recuperar o vello discurso revolucionario e anticapitalista nestes tempos escuros marcados pola crise económica.

"O PS converteuse nunha máquina electoral sen contido ideolóxico, sen contido de clase", di Mélenchon

A Revolución de 1789, a Comuna de París de 1871, a Fronte Popular de 1936 e o maio do 68 son parte do repertorio tradicional da esquerda. Porén, Jean-Luc Mélenchon «foi quen de reinventar un discurso e un imaxinario real de esquerdas nun contexto onde este tipo de recursos parecía que xa non existían», sinalou esta semana Patrice Gueniffey , director de estudos en el EHESS e especialista na Revolución Francesa. «O PS, converteuse nunha máquina electoral sen contido ideolóxico, sen contido de clase», di. Por iso, quizabes, a negativa de Hollande a criticar a Mélenchon sabedor de que, se ben lle pode restar votos na primeira volta, moitos dos seus votantes acudirán na segunda, o 6 de maio, a depositar a súa papeleta contra de Sarkozy coa esperanza de que a esquerda volva ao Eliseo.

Un mitin de Mélenchón é un verdadeiro acontecemento, unha especie de máquina do tempo onde a oratoria de mestre do líder esquerdista consegue prender ás masas ―en Marsella xuntou a 100.000 persoas―, até conseguir que reproduzan lemas e cánticos que facía ben tempo que non se escoitaban. Porén, non son poucos os que critican a dialéctica do líder esquerdista. Que Le Nouvel Observateur adicara a pasada semana un dossier especial á súa figura, case integramente para atacar os seus postulados e o seu programa de goberno «irrealizable», denota o perigo que representa para a esquerda oficial, máis que a curiosidade que poida supoñer o seu discurso.

Netamente anticapitalista, Mélenchon reclama una «volta do poder ao pobo», promete «acabar coa ditadura dos mercados e das empresas», un goberno social no que, por exemplo, o salario mínimo elevaríase a 1.700 euros ―agora está en torno aos 1.100―, e, por suposto rematar coa supremacía nuclear na produción enerxética de Francia.

Un bo resultado da fronte de esquerdas na primeira volta sería un gran toque de atención a Hollande para formar Goberno

O filósofo Michel Onfray foi un dos puntais nos ataques a Mélenchon cun artigo en Le Nouvel Observateur ―un medio progresista pero profundamente enfrontado ao candidato esquerdista até os límites do persoal―, onde razonaba «por que non ía votar» polo líder do FdeG. Entre outras cousas, reprocháballe o uso de personaxes de infame lembranza como Robespierre ―dirixente da época do Terror revolucionario―, e cuestionaba a súas posturas en política internacional, como non condenar «a ditadura cubana» ou poñerse do lado de China «no conflito do Tíbet». Máis aló dos ataques, o certo é que o electorado do Fronte de Gauche é unha amalgama de mozos, xente de mediana idade con certo nivel cultural e, sobre todo, maiores nostálxicos dos tempos das revolucións e as loitas ideolóxicas.

É practicamente imposible que a Front de Gauche acade á segunda rolda presidencial. Porén, un bo resultado na primeira sería un gran toque de atención a Hollande á hora de formar un Goberno de esquerdas sólido e no que moitos dos postulados de Mélenchon terían que ser tidos en conta. Nesta hipótese é onde se move o candidato esquerdista que constantemente fai un chamamento ao «voto útil», que, na súa opinión é a Front de Gauche para facer fronte a Marine Le Pen, a quen disputa esa terceira praza. «Derrotar a Sarkozy non só suporá avanzar nas conquistas sociais», dixo, «senón que rachará a maioría que reina no Vello Continente, o eixo Merkozy, é dicir, o gran inimigo que é a austeridade».  

Marine Le Pen, pola súa banda, xoga por libre. Instalada á perfección no seu papel de «antisistema» ―non moi diferente á esquerda de Mélenchon no eido económico, máis proteccionismo tinxido de certo cheiro social―, continúa insistindo no seu lema de “Francia primeiro» para recuperar a soberanía perdida en favor dunha UE que, no seu parecer, «supón un verdadeiro perigo para os franceses». Le Pen ataca por igual a Hollande e a Sarkozy ―«pezas do sistema», di―, e fuxe de Mélenchon coma os vampiros da cruz.

Mélenchon, no peche da campaña en París © Front de Gauche
Hollande é o gran favorito para gañar as eleccións Dominio Público Praza Pública
Sarkozy aparece por detrás nas enquisas, a dez puntos de Hollande nunha segunda volta Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.