"A violencia e o medo son a normalidade en Palestina. E iso non debería ser normal"

Moncho Iglesias Dominio Público Praza Pública

"Mohammad é alegre e simpático/ Di que lle gusta rir/ E que ri, cando menos, media hora ao día (...) O resto do día chora/ Case todos os seus amigos morreron/ ou están en prisión". O profesor vigués Moncho Iglesias describiu con versos coma este (Oda ás nais perennes con fillos caducos entre os brazos, Edicións Positivas, 2008) a normalidade de Palestina, un día a día de morte e de violencia, pero tamén de vida, de ilusións e de desexo de liberdade. A ofensiva do exército israelí en Gaza, redobrada a pasada noite, provocou xa máis de 200 mortos, e mantén a súa intensidade, despois de que Israel ordenase a cen mil palestinos abandonar as súas casas. Porén, Iglesias lembra que "o conflito sempre está aí. Estes días saltou aos medios por estes tres rapaces xudeus que mataron. O día a día de Palestina, o que os seus habitantes teñen que soportar a diario, non sae nos medios: que entren en casas de xente continuamente, que os leven detidos, as folgas de fame dos presos, a propia situación cotiá dos detidos".

"O día a día de Palestina, o que os seus habitantes teñen que soportar a diario, non sae nos medios: que entren en casas de xente continuamente, que os leven detidos, as folgas de fame dos presos"

Falamos con el en Vigo. Moncho Iglesias é na actualidade profesor na Universidade de An-Najah, en Nablus, como antes o foi durante varios anos en Belén. Porén, hai varios meses que non pode entrar en Palestina. Como relatou con detalle nesta entrevista, despois de que expirase o seu permiso de residencia, e de que despois de viaxar a Xordania solicitase un visado provisional de turista, as autoridades israelís impedíronlle a entrada no país, unha mostra para Iglesias de que "Palestina non existe". "Non hai visados de traballo para traballar nos territorios ocupados. Palestina non o pode conceder, e depende unicamente de Israel, que non mo dá", sinala. Porén, declárase optimista: "Gardo a esperanza como eses millóns de Palestinos que tiveron que deixar as súas casas hai décadas, pero que aínda conservan as chaves desas casas".

Dende a distancia observa o que está a suceder en Gaza: "O tratamento informativo do que sucede en Gaza parece o da lotaría: cántanse unicamente números. Resulta molesto ver como só se manexan cifras", di. "Os ataques non son contra Hamas. Están morrendo nenos, e un neno non se pode identificar cunha tendencia política ou relixiosa", sinala, "moitos si serán militante de Hamas ou doutros partidos políticos. Pero iso tamén vén provocado: se matan alguén da túa familia pola súa militancia a un grupo, a reacción natural é que ti tamén te afilies a ese grupo".

"A normalidade en Palestina, por exemplo nas miñas clases, é que falte un alumno porque está detido, ou as restricións de movemento para ir dun barrio a outro..."

Porén, Iglesias salienta que este é o día a día en Palestina: "A normalidade en Palestina, por exemplo nas miñas clases, é que falte un alumno porque está detido, ou as restricións de movemento para ir dun barrio a outro... A violencia e o medo son a normalidade alí. E iso non debería ser normal". Conta que unha vez, cando estaba en Belén "chamáronme para que fose a casa duns amigos. A casa fora destrozada polos militares israelís, había balazos nas paredes, e os nenos xogaban pola casa. E eu preguntábame como podían vivir esa situación así, con esa tranquilidade. E foron eles os que tiveron que animarme a min, dicíndome que non era nada, que ao día seguinte limparían todo e seguirían adiante".

"O cambio, a solución, ten que vir dende fóra, dende dentro non se pode" -di- "Ten que haber unha intervención dende fóra, unha mediación"

Hai solución para o pobo palestino? "O cambio, a solución, ten que vir dende fóra, dende dentro non se pode" -di- "Ten que haber unha intervención dende fóra, unha mediación. Dentro hai cada vez máis odio, hai xa varias xeracións que nunca viviron en liberdade, non hai aire que respirar". Prén, denuncia que "a comunidade internacional non está facendo nada por solucionar un conflito que leva moitísimos anos".

En calquera caso, Iglesias destaca que "Palestina non é morte nada máis". Cita o poema de Rafif Ziada (“nós ensinamos vida, señor”) e destaca que "é certo, porque en Palestina hai moito máis: hai xente que le, xente que escribe, xente que canta, xente que escoita, xente que baila...". Sinala igualmente que "hai moito humor en Palestina, fanse moitos chistes, mesmo humor negro sobre a súa situación" e lembra o filme Bromas Aparte de Vanessa Rousselot. "Hai moita xente que quere vivir, e que quere ser coñecida polo que fai", conclúe.

"Hai moita xente que quere vivir, e que quere ser coñecida polo que fai"

Palestina mantén a ilusión e a vida: "Dicía un amigo meu que el tiña ilusións, pero que era consciente de que as súas ilusións tiñan un límite, de que el era apátrida, de que non podía saír de Palestina. Pero el dicía todo isto cun sorriso na boca, el seguía soñando aínda que sabía que os seus soños non se podían cumprir", explica Iglesias. Tamén mantén intacto o desexo de liberdade que tan ben describiu Mahmud Darwish: "Para a nosa patria, un teito de nubes".

Moncho Iglesias Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.