Crónicas de Gaza: O aniversario de Linda

Linda, co seu pai, no seu cumpreanos Dominio Público Diario de Palestina

O blog Diario de Palestina segue poñéndolles nomes e rostros á cifras de vítimas dos ataques do exército israelí en Gaza. Desta volta fala do cumpreanos de Linda, unha das fillas de Ahmad Yacoub, secretario da Asociación de Escritores Palestinos, que o conta a travésdun relato

“Aniversario: unha candea e unha choiva de foguetes”, ese é o título do seu relato; unha crónica sobre alguén que vive, que quere vivir e que ensina a vivir

Ahmad Yacoub é o secretario da Asociación de Escritores Palestinos. É un poeta que sabe enxugar a dor de Palestina nos seus versos e disfrazala para as súas crianzas na vida real. Dende o undécimo piso de un edificio aínda non derrubado de Gaza, segue a vivir, aprendéndolle aos seus tres fillos a imaxinar un outro día, mentres soña esperto que iso quizais exista nalgún momento, e responde aos seus amigos, afastados, que están ben, que seguen vivos. E amais de ánimos, de poemas e de crónicas constantes sobre a situación en Gaza, Ahmad vive cos seus, e chora en silencio, para non contaxiar nin ira nin medo nin nostalxia nin mensaxes que soan a despedidas. O seu último escrito é un relato fantástico, mais non pola imaxinación das palabras que usa, senón polo imaxinativo que é para seguir vivindo e dando vida nunha Gaza que é só pesadelos. “Aniversario: unha candea e unha choiva de foguetes”, ese é o título do seu relato; unha crónica sobre alguén que vive, que quere vivir e que ensina a vivir.

...

Linda, a miña filla, levaba xa un mes pensando e imaxinando o seu aniversario. Todos os días me entregaba un plan que ao día seguinte eu modificaba.
Linda quería facer unha festa grande. Quería invitar a toda a clase, os veciños e outros máis, que compartían con ela clases de música e ximnasia.

Quería que eu comprase agasallos para cada un dos participantes na festa; como un bonito recoñecemento por participaren e polos regalos que ía recibir.
Linda quería mercar 100 globos, que eu tería que inflar, de todas as cores e tamaños. Quería comprar un vestido novo de flamenco; quería ir á perruquería para que lle cortasen o pelo á francesa (garçon). E, por suposto, quería unha torta coa foto dela, enriba, feita con crema, e con sabor a caramelo. Quería varios tipos de zume. Quería música flamenca e de Shakira. Quería e quería e quería.

De súpeto, estouparon os foguetes no ceo de Gaza e a terra moveuse coma nun terremoto e os cazas F16, xunto aos Dron, ían e viñan arroxando unha choiva de foguetes

Eu, como son moi brando, díxenlle que si, que un día antes ía preparar a maioría das cousas que pedía. Mais, de súpeto, estouparon os foguetes no ceo de Gaza e a terra moveuse coma nun terremoto e os cazas F16, xunto aos Dron, ían e viñan arroxando unha choiva de foguetes. Os milicianos de Hamás lanzaron foguetes tamén e a situación acabou en catástrofe.

Padecemos falta de electricidade dende hai anos, mais a falta de luz, xunto ao clima bélico, crea unha imaxe fantasmal na cidade. E se non hai electricidade iso significa que tampouco hai auga; significa que hai que subir as escaleiras até o undécimo piso, onde vivo coa miña familia, nun barrio costeiro ao norte da cidade de Gaza. Amais, a falta de lux é falta de vida e agora, cos bombardeos, estase a acabar coa vida de moitas persoas.

Linda púxose moi triste e chorou ao perder a súa festa de aniversario e preguntoume: “¿que lle vou dicir ás miñas amigas e ós meus amigos?” Choraba tamén porque perdera os regalos. Mais eu prometinlle que, cando remate esta catástrofe bélica, farei o que ela quería. Con todo, nos meus adentros pensaba: “se sobrevivimos”.

Linda púxose moi triste e chorou ao perder a súa festa de aniversario e preguntoume: “¿que lle vou dicir ás miñas amigas e ós meus amigos?” Choraba tamén porque perdera os regalos

Moitas veces láiome por terme casado e ter fillos; pregúntome: “¿que culpa teñen estas criaturas?” E volvo dicirme: “¿seica os pobos colonizados non han de ter fillos?”

As verdadeiras vítimas son os nenos. ¿Canto medo pasan? ¿Cantos traumas sofren? ¿Cantas malas lembranzas almacenan nas súas memorias? ¿E no seu subconsciente? ¿Que tipo de personalidade van ter eses nenos, con toda esa violencia que están absorbendo? Os nenos do barrio, ¿non xogan a outras cousas que non sexa á guerra?

Eu mesmo tiven unha infancia chea de sufrimento; resultado das varias guerras que vivín. Tiven que ler moito e en varios idiomas, tiven que viaxas a varios países e por varias culturas, tiven que discutir moitísimo, tiven que pasar por diferentes experiencias. Tiven que perder moitas cousas, e todo iso para chegar á tolerancia.

Moitas veces non dou resposta ás preguntas dos meus fillos sobre as imaxes tráxicas que pasan pola tele. Dígolles que xa llo explicarei máis tarde, mais nunca o fago

Moitas veces non dou resposta ás preguntas dos meus fillos sobre as imaxes tráxicas que pasan pola tele. Dígolles que xa llo explicarei máis tarde, mais nunca o fago. Pero os acontecementos sobre o terreo póñenme en apuros con eles no barrio ou na escola; e é que eles falan de todo e coñecen toda a tráxica historia.

Adonís, o meu fillo maior, de 10 anos, dime: “¿por que teño que adaptarme á guerra? ¿por que non nacín noutro país sen guerra? ¿por que non podemos viaxar? ¿por que os israelís pechan as fronteiras? ¿e por que nos atacan e por que nós os atacamos, e por que, e por que, e por que?

Nadim, o pequeno, ten 4 anos e entende o que di Adonís. Pon a man dereita preto da cabeza e comeza a cantar o himno nacional palestino. Faino con lingua de trapo e Linda insiste en celebrar o seu día.

A cidade está pechada e as rúas baleiras. O panorama é triste e a cidade séntese humillada.

A televisión pasa imaxes das vítimas dos bombardeos por todas partes na Faixa de Gaza. A gran maioría son nenos e nenas baixo ruínas, uns carbonizados e outros feitos anacos. Non quero que os meus fillos vexan iso. Cambio de canal, porque o peor drama chegou cando dixeron os nomes das vítimas e unha delas era amiga de Linda. O seu nome estaba na lista de invitados ao aniversario.

Teño unha amiga xudía, unha señora de máis de 80 anos; unha supervivente do Holocausto. Naceu en Palestina e viviu entre Arxentina e Chile. É novelista en lingua castelá, pon no seu CV. Lugar de nacemento: Palestina. Actualmente vive en Xerusalén e coñecémonos hai anos pola rede e mantémonos en contacto de cando en vez. Ela lembra a data de nacemento de Linda e chama por teléfono para felicitala. Linda sabe dicir en castelán:

—Hola, como está, señora?

E sabe unhas cancións e comeza a cantar: “Bésame mucho”.

A señora fala dos foguetes que chegaron a Xerusalén, moi preto de onde vive, e interésase por saber se estamos todos ben e a salvo dos bombardeos israelís. E desexaba de todo corazón que todo remate e que cheguemos algún día a ter paz xusta e duradeira entre os dous pobos, e dous estados. O mesmo que eu desexo.

Finalmente, a miña esposa puido preparar unha torta, grazas a que tiñamos algúns ingredientes na casa. Linda mudou a cara ao ver o pastel e comezou a sorrir. Nos nenos existe un milagre que se chama esquecemento. Ser feliz é o primeiro que buscan e a felicidade, aínda que sexa parcial e temporal, failles esquecer todo sufrimento. E por fin chegou a hora de celebrar a festa con 5 persoas, os que somos de familia.

No momento de sacar as fotos estalou un foguete preto do edificio. E no canto de cantar “Happy Birthday to you”, comezamos a cantar a canción de Timón e Pumba, coñecida por Stand by me.

Linda cumpriu oito anos e neste período sufriu a Operación Chumbo Fundido e o drama de 2012, e todos os enfrontamentos dende 2006 até hoxe en día. Cantas veces máis vai vivilo se non se pon fin a este grave conflito que leva máis de sesenta anos?

Hai xa anos e varias guerras, aprendín dende a primeira a facer o papel de pallaso ante os meus fillos. Cando hai unha explosión e se asustan, saltan nos seus asentos con caras pálidas, con ollos sen bágoas, coas bocas abertas sen berro, coas miradas cheas de angustia; mirando cara a min, e dinme: “papá, fai algo por nós”. Eu mesmo non sei que facer, eu mesmo non son un heroe, e teño medo como calquera outro, e asústome. Pero ante a imaxe de pai fronte aos meus fillos, cambio traxedia por comedia e empezo a facer o pallaso, saíndome por primeira vez a canción de Stand by me, que comeza dicindo: “dom… dom… dom…”, servindo así de psicoterapia para que os nenos saquen a rabia de dentro. E foi así que non houbo Happy Birthday nin flamenco nin Shakira, senón dom… dom… dom… Timón e Pumba.

Linda insiste: cando remate todo o bombardeo, vai facer a festa como imaxinara. E eu digo para os meus adentros: “se sobrevivimos”

Linda cumpriu oito anos e neste período sufriu a Operación Chumbo Fundido e o drama de 2012, e todos os enfrontamentos dende 2006 até hoxe en día. Cantas veces máis vai vivilo se non se pon fin a este grave conflito que leva máis de sesenta anos?

Linda insiste: cando remate todo o bombardeo, vai facer a festa como imaxinara. E eu digo para os meus adentros: “se sobrevivimos”.

Linda, co seu pai, no seu cumpreanos Dominio Público Diario de Palestina
Torta de cumpreanos de Linda Dominio Público Diario de Palestina

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.