0 Gardados para despois

Os Balcáns, vinte anos despois

Javier López Prol


Iniciamos a publicación dunha serie de reportaxes sobre os Balcáns, acompañados dunha mostra fotográfica realizada polo autor, que percorreu Serbia, Bosnia e Kosovo, recollendo coa palabra e a imaxe a súa impresión sobre un país roto pero que mira o futuro, vinte anos despois do inicio da guerra civil. López Prol editará no futuro esta obra, xa dispoñíble en formato dixital, nunha versión impresa. As persoas que o desexen poden solicitar un exemplar en pdf.

Por que os Balcáns? Porque coido que é unha terra tan excepcional e interesante coma descoñecida. Na primeira viaxe que fixen por eses lares quedei abraiado da súa terra, da súa xente e da súa historia. E por iso sinto a débeda moral de transmitir todo o que puiden captar e aprender alí. Decateime da miña propia ignorancia sobre algo que sucedeu e que está sucedendo no corazón de Europa e do que; cando menos eu, mais coido que moita máis xente, non tiñamos nin idea.

"É unha terra da que temos moitísimo que aprender. Da súa diversidade, da súa complexidade, dos seus erros e da súa personalidade social e individual que non pode deixar de abraiarme"

É unha terra da que temos moitísimo que aprender. Da súa diversidade, da súa complexidade, dos seus erros e da súa personalidade social e individual que non pode deixar de abraiarme. Espero poder transmitir coas imaxes a lo menos unha milésima parte do que os Balcáns me transmitiron e me ensinaron a min.

 

Bosnia. Sarajevo

"Érase unha vez, nun lugar remoto de Europa, detrás de sete montañas e sete ríos, un fermoso país chamado Iugoslavia. A súa xente pertencía a seis nacións distintas, tiña tres relixións distintas, e falaba tres linguas distintas. Eran croatas, serbios, eslovenos, macedonios, montenegrinos e musulmáns, aínda que todos traballaban xuntos, ían ao colexio xuntos, casábanse uns cos outros e viviron en relativa harmonía durante corenta e cinco anos"1.

Parece un conto, mais así era Iugoslavia antes da morte de Tito en 1980, e o máximo expoñente desta diversidade era BiH e concretamente Sarajevo. Sarajevo foi perante moitos anos un exemplo. Un exemplo de diversidade, de multiculturalidade, de coesxistencia. Esa coexistencia pódese ver aínda hoxe na convivencia de mezquitas, igrexas cristianas católicas e ortodoxas e sinagogas a poucos metros de distancia.

Este espírito cosmopolita empezou a rachar en 1992 cos primeiros disparos que significaban o inicio dun asedio á cidade que duraría tres anos e medio. E de repente a senrazón converteuse no día a día. Non só se destruiu unha cidade, non só milleiros de persoas foron asasinadas, a alma de Sarajevo, a idea de convivencia, foi destruída.

 

Serbia. Belgrado

Serbia foi considerada pola maioría da prensa occidental coma o verdugo das guerras balcánicas modernas. Mais alén deste simplismo e da evidente culpa de Milosevic e o nacionalismo serbio, Serbia foi ao mesmo tempo verdugo e vítima do conflito que rematou co desmembramento de Iugoslavia.

As peores atrocidades dende a II Guerra Mundial en Europa ocorreron nos Balcáns en 1992-1995 e 1999

Nun primeiro momento coa ansia nacionalista da creación da Grande Serbia, esta tivo un papel protagonista na guerra de Bosnia e Herzegovina e Croacia apoiando máis ou menos subrepticiamente aos paramilitares serbobosnios e serbocroatas e utilizando o que todavía era o exército iugoslavo para “garantir a unidade” do Estado Federativo.

As peores atrocidades dende a II Guerra Mundial en Europa ocorreron nos Balcáns en 1992-1995 e 1999. Aínda que en tódolos bandos existiron criminais de guerra, son traxicamente célebres nomes coma os de Radovan Karadžić e Ratko Mladić polo seu papel no xenocidio de Srebrenica e no asedio de Sarajevo onde milleiros de bosníacos (bosnios musulmáns) foron indiscriminadamente asasinados.

Aínda que en tódolos bandos existiron criminais de guerra, son traxicamente célebres nomes coma os de Radovan Karadžić e Ratko Mladić polo seu papel no xenocidio de Srebrenica e no asedio de Sarajevo

Serbia viviu a guerra no seu propio territorio a partir de 1999 cando o país foi bombardeado pola OTAN como resposta aos abusos que se estaban cometendo contra a poboación albanesa en Kosovo.

Hoxe en día Serbia trata de afrontar a independencia do que fora a súa provincia autónoma, e do que eles consideran o berce da súa cultura: Kosovo.

 

1Drakulić, Slavenka (2008). No matarían ni una mosca. Criminales de guerra en el banquillo. L’hospitalet: Global Rythm

Belgrado

Os Balcáns

Serie fotográfica de Javier López Prol

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.