Daoud al-Ghoul, residente de Xerusalén expulsado de Xerusalén

Daoud al-Ghoul Dominio Público Diario de Palestina

O blog Diario de Palestina fálanos da expulsión do seu fogar do coordinador do programa xuvenil da ONG Health Work Committees

Silwan é un barrio árabe na beira Este de Xerusalén, pegado á muralla que rodea a cidade vella. Igual que nos campos de refuxiados, as casas golpéanse entre rúas pequenas e xente que, tras moitas xeracións, logrou construír centros sociais para os seus e mesmo para os visitantes. Entre esas calellas vive Daoud al-Ghoul, coordinador do programa xuvenil do Health Work Committees, unha organización non gobernamental palestina que trata de achegar a mellor saúde posible aos máis necesitados, e guía turístico.

En 1967, o estado de Israel anexionou Xerusalén e Silwan. É por iso que os residentes de Silwan pagan os seus impostos ao goberno e teñen carnés de identidade que lles dan permiso de residencia

Daoud naceu hai 31 anos onde xa se criaran os seus antepasados, en Silwan. Coñece a historia do lugar de primeira man e traballa como guía voluntario tanto para locais como para internacionais. En 2011, durante o Festiclown, acompañou a tropa de pallasos que encheron a vella Xerusalén e non deixou de establecer lazos entre Palestina e o mundo, dende o seu recuncho, até comezos deste mes de decembro, no que foi expulsado do seu fogar.

En 1967, o estado de Israel anexionou Xerusalén e Silwan, daquela, pasou a ser parte da municipalidade e, por tanto, a estar baixo control israelí. É por iso que os residentes de Silwan pagan os seus impostos ao goberno e teñen carnés de identidade que lles dan permiso de residencia. Con todo, estes carnés non os recoñecen como cidadáns de Israel e amais de non poder votar nas eleccións ao parlamento, o permiso de residencia está supeditado a diversas condicións e o Ministerio do Interior pode quitárllelo a calquera dos que o posúen.

Daoud, malia nacer en Xerusalén, onde sempre residiu, non é cidadán. O seu permiso de residencia pode ser revocado por non reunir algunha das condicións e daquela perder o dereito a estar en Xerusalén

Daoud, malia nacer en Xerusalén, onde sempre residiu, non é cidadán. O seu permiso de residencia pode ser revocado por non reunir algunha das condicións e daquela perder o dereito a estar en Xerusalén. Iso é o que lle pasou este mes. O 2 de decembro chegoulle unha notificación, emitida o 30 de novembro, na que se lle informaba que tiña que presentarse na estación de policía para recibir a orde de deportación, duradeira até o 30 de abril do próximo ano. Un día despois, o 3, recibiu a segunda sentenza: a prohibición de estar en Cisxordania entre o 3 de decembro deste ano e o 1 de xuño de 2015.

Daoud non sabe por que foi deportado. En Silwan moitas familias recibiron ordes de demolición dos seus fogares, mais o caso deste guía permanece nun arquivo secreto

Silwan está nunha das abas do val de Kidron que conducen cara ao mar Morto. Segundo a Biblia era o xardín do rei, mais nos últimos anos o verxel converteuse en cemento, algo que queren mudar tanto o goberno municipal de Xerusalén como os Ministerios de Finanzas e de Asuntos sobre Xerusalén. A súa idea é ampliar o parque nacional da Cidade de David, contigua a Silwan, e dotar de infraestruturas e lugares de ocio a zona. Para iso destruirán as casas construídas ilegalmente, non sen deixar de compensar aos seus veciños, para logo construír unha nova veciñanza da que poidan gozar residentes e turistas, facendo deste xeito que mellore a economía dos seus habitantes.

Daoud non sabe por que foi deportado. En Silwan moitas familias recibiron ordes de demolición dos seus fogares, mais o caso deste guía permanece nun arquivo secreto. Agora mesmo está no único sitio onde llo permiten, na Palestina do 48, agardando, sen renderse, unha resolución.

Jerusalén Dominio Público Diario de Palestina
Daoud al-Ghoul Dominio Público Diario de Palestina

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.