"A saída de Grecia non faría máis fráxil a zona euro en termos económicos, pero si en termos políticos"

O primeiro ministro de Grecia, Alexis Tsipras, nun dos últimos discursos dirixidos á nación CC-BY-SA eldiario.es

Grecia segue xogando ao bordo do abismo. Unha situación complexa que o país afronta tras o enroque do FMI e os socios europeos. Os gregos votarán o domingo se aceptan os plans da Troika ou apoian ao presidente Alexis Tsipras nas súas decisións. O doutor de Economía Aplicada da USC, Gonzalo Rodríguez aborda algunhas das cuestións desta partida de xadrez.

O FMI vén de xustificar que a débeda grega é insostible e a quita, inevitable, entón, por que mantén posturas inmobilistas con Grecia?

Que a débeda de Grecia era insostible estaba amplamente aceptado entre os economistas. O recente descubrimento por parte do FMI da insostibilidade da débeda (do evidente) é bastante posible que teña que ver cos intereses xeoestratéxicos dos EE.UU. que en días pasados viñeron reclamando ás partes, en particular ao Eurogrupo, maior flexibilidade para acadar un acordo. É dicir, non parece casual que despois desas declaracións o FMI reaccione no mesmo sentido.

"O recente descubrimento por parte do FMI da insostibilidade da débeda (do evidente) é bastante posible que teña que ver cos intereses xeoestratéxicos dos EE.UU"

No caso de producirse unha saída de Grecia da UE, esta provocaría tamén unha saída da OTAN e abriría as portas para a entrada de Rusia a unha zona de total control por parte da Alianza. As bases dos EE.UU. en Grecia poderían desaparecer e isto limitaría a súa capacidade de intervención no Mediterráneo e Oriente Medio e condicionaría os obxectivos de reforzar as posicións norteamericanas no pacífico (fronte a China).¿Por que podemos pensar que o FMI entra a formar parte deste xogo? Fundamentalmente porque neste organismo o país con dereito que detenta maior porcentaxe de voto é EE.UU., co 17% dos dereitos de voto, o que lle permite vetar os grandes acordos. Non obstante, o FMI non quere desairar aos seus socios europeos e de aí que busque solucións de compromiso que non os poña en evidencia.

"No caso de producirse unha saída de Grecia da UE, esta provocaría tamén unha saída da OTAN e abriría as portas para a entrada de Rusia a unha zona de total control por parte da Alianza"

Malia que tres sondaxes lle daban a vitoria ao non ata agora, o máis recente faino co si. Que votaría vostede se fose grego? 

Dicir o que votaría é fácil porque non son grego. Feita esta salvedade, se as alternativas son, por unha banda, pagar a debeda nos prazos e condicións actuais, incrementar as cargas sobre a parte da sociedade máis vulnerable, favorecer o pago da débeda fronte á recuperació da economía é renunciar á política económica e, por outra, sair do euro, pasar ao dracma e devaluar e recuperar a política económica votaría polo segundo. Se non existen cesións por parte da troika o castigo para a maioría da poboación sería durísimo en calquera das dúas alternativas, mais a saída do euro forzaría unha quita pola depreciación do dracma, permitiría incrementar os ingresos por turismo (o principal sector de Grecia) e posibilitaría maior marxe na política económica.

"Se non existen cesións por parte da troika o castigo para a maioría da poboación sería durísimo, tanto co si como co non"

Agora ben, os anos de máis prosperidade de Grecia foron os que se produciron desde que ingresou na CEE e a memoria deses anos seguramente condicionará os xuízos e expectativas de moitos gregos.

O deseño económico da UE é perverso para os países do sur?

En realidade a UE carece de deseño económico, o que dispón e de un deseño monetario que, en ausencia dunha arquitectura institucional completa e sólida, fai que o financeiro devore ao político. A defensa da moeda absorbe toda política. É notorio, como no proceso de converxencia definido en Maastricht, os indicadores macroeconómicos adoptados eran fundamentalmente financeiros ou vinculados ao comportamento da esfera financeira. En cambio non existiu preocupación polo efecto de políticas iguais para economía diferentes. E dicir, coa incorporación a UE prodúcense enormes transformacións: eliminación de barreiras arancelarias entre países membros, creación dun mercado interno de capitales, liberalización das actividades financieiras, centralización da política monetaria, apreciación (a partir de 2003) do euro fronte ao dolar, etc. Sendo as estruturas económicas de partida claramente desiguais, o impacto agregado destes cambios provoca que aqueles países que partían dunha economías menos desenvoltas acaben acumulando máis débeda pública e privada e, finalmente, absorbendo a débeda privada.

"A defensa da moeda na UE absorbe toda política"

Xógase o domingo un modelo alternativo para Europa?

Non existe garante de que unha victoria do Non e de Syriza vaia a desencadenar as forzas suficientes para transformar a UE en algún tipo de institución no que o poder político sexa un contrapeso ao económico, na que os procedementos sexan democráticos e a arquitectura institucional completa. Pero sen dúbida un dos obxectivos dos negociadores europeos, aqueles mesmos que apostaron por gobernos tecnócratas non lexitimados democráticamente en países como Italia, é borrar do mapa político calqueira cuestionamento da europa neoliberal.

"Un dos obxectivos dos negociadores europeos, aqueles mesmos que apostaron por gobernos tecnócratas non lexitimados democráticamente en países como Italia, é borrar do mapa político calqueira cuestionamento da europa neoliberal"

Non hai ningún documento que contemple a saída dun país membro, podería Grecia 
estar na UE pero non no euro?

O funcionamento do Eurogrupo, en cuxa web se indica que se trata dun grupo informal e, por tanto, non rexido por ningún tipo de normas ou regulamentos en particular, amosa ata que punto o deseño institucional europeo é inconsistente.

En teoría, non existe mecanismo de saída de ningún país do Euro, polo que sería imposible expulsar a Grecia del. En cambio si existen mecanismos de saída da UE, polo que para deixar o euro, terían que ser expulsados da Unión. Non obstante, dadas as fendas institucionais existentes, non sería tampouco descartable algún tipo de actuación arbitraria, se ben isto podería ter serias consecuencias na estabilidade e credibilidade do proxecto europeo.

A saída dun país faría (máis) fráxil aínda o conxunto da zona euro?

A saída dun país como Grecia non faría máis fráxil a zona euro en termos económicos, pero si en termos políticos. É dicir, cuestionaría a parte xa de por si máis feble da UE. Este cuestionamento produciriase cando menos en dúas direccións. Por unha banda cuestionaríase o compromiso da propia UE co euro que nace con pretensión de irreversibilidade e tomarían alento diversas posicións euroesecepticas.

Máis aínda e, en segundo lugar, a CEE nace como un instrumento de cooperación entre países para evitar conflictos como os que deron lugar á I e II Guerra Mundial, o modo en que se abandona e mesmo criminaliza a un socio, pode cuestionar a lexitimidade da que o proxecto europeo se viña dotando entre unha parte da cidadanía do continente.

"A saída dun país como Grecia non faría máis fráxil a zona euro en termos económicos, pero si en termos políticos"

Afectaríalle ao resto dos, tan recorrentemente denominados polos británicos, PIGS, a saída de Grecia da moeda común?

A denominación de PIGS reflicte unha visión xenófoba claramente intolerable que descalifica a quen a emprega. Ao marxe deste inciso, o impacto do Grexit no centro e norte de Europa é minúsculo nestes momento e de aí a inflexibilidade amosada. É dicir, aos gobernos como o alemán saelles barato asumir un rol duro que satisface ao seu eleitorado interno xa que os impactos a sufrir son escasos. Maiores impactos, tanto pola vía do sobre custo da débeda (suma da prima de risco) e redución dos ingresos por turismo (debido á maior competitividade de Grecia) se derivarían para os países do sur. Países cuxa autonomía respecto aos centrais e menor neste momento precisamente pola débeda.

"A denominación de PIGS reflicte unha visión xenófoba claramente intolerable que descalifica a quen a emprega"

Foi un erro non pagarlle ao FMI?

O goberno de Grecia tiña que administrar a relación entre dous colectivos que detentaban dereitos (asumamos que) lexítimos. Os acredores nese caso terían dereito a reclamar a débeda e os cidadáns teñen dereito a que o pago dos seus impostos repercuta nos seu beneficio. Porén, dáse por feito que os dereitos dos acredores financeiros, están por enriba de calquera outro dereito, incluídos os dereitos humanos. En ningún lugar está escrito que esto deba ser así e, como en todos os casos, nos que existen dereitos contrapostos debe haber un proceso de negociación. De pagarlle ao FMI entón o goberno tería que negar os dereitos dos seus cidadáns.

"De pagarlle ao FMI entón o goberno tería que negar os dereitos dos seus cidadáns"

O FMI debería intervir tanto nas negociacións entre os socios europeos?

O FMI debería (como mínimo) recuperar os seu obxectivo fundacional. Cando este organismo foi fundadado o seu obxectivo era garantir a estabilidade do sistema baseado do patrón ouro e vixiar o cumprimento da paridade das moedas. A súa labor era favorecer o comercio internacional evitando a competitividade espurea en base a devaluacións de moedas. Para esto daba créditos a economia solventes (non como no caso de Grecia) que tiñan problemas de liquidez. A arquitectura internacional nalquel momento primaba máis a colaboración entre países fronte a regla da competencia salvaxe que prevalece na actualidade. Co tempo o FMI pasa a converterse nun mero executor das políticas do G7. Nese senso, compre reclamar do FMI que recupere a súa filosofía fundacional (se ben non a tarefa concreta) e do conxunto dos gobernos e organismos que volvan ao principio de colaboración e non ao de competencia.

É desleal co proxecto europeo que Grecia negocie con Rusia?

Grecia é un país pequeno que está negociando coas armas ao seu alcance e, por certo, con notable intelixencia. Os movementos do EE.UU. nos últimos días promovendo cesións das partes son unha proba disto.

"Grecia é un país pequeno que está negociando coas armas ao seu alcance e, por certo, con notable intelixencia"

Esta crise é mostra de inoperancia das institucións europeas?

Non, as institucións europeas son claramente operantes, so que tenden a operar en función dos intereses incorrectos, é dicir, dunha minoría, fundamentalmente dunha elite empresarial e financeira. A mostra é que durante as negociacións do TTIP o 97% das reunións que celebraron os negociadores europeos foron con lobbies empresariais e só un 3% con representantes de organizacións sociais. Está pendente aínda a construción dunha europa da cidadanía.

"As institucións europeas son claramente operantes, so que tenden a operar en función dos intereses incorrectos"

 Se Grecia deixase o euro, como sería o proceso de volta a outra moeda?

Dado que o dracma sufriría unha forte depreciación o primeiro que tería que facer o goberno sería combater a fuga de capitais mediate a prohibición de transferencias ao extranxeiro e mesmo terían que limitar as retiradas de diñeiro en efectivo. En definitiva, tería que establecer un corralito para evitar a descapitalización da economía. Pola mesma razón o goberno non podería anticipar ou anunciar con antelación a saída do euro.

O seguinte problema sería dotarse de moeda propia. Nese sentido dado que dotarse de papel moeda require dun proceso loxístico complexo que podería levar meses (é preciso imprimir e distribuir a moeda, adaptar os caixeiros, etc) os gobernos poderían optar a curto e medio prazo por outro tipo de moedas como moeda dixital ou mesmo simplemente por acuñar os billetes antigos de euro. Neste caso os billetes sen acuñar terían que ser prohibidos. Tamén existiría un risco maior de falsificación. No caso de optar por unha moeda dixital, o mecanismo de pago sería a través de dispositivos electrónicos (smartphones, ordenadores, etc) ou, que non teña, acceso a través de oficinas públicas como as de correos. Varoufakis, por certo, é experto en moedas alternativas.

O doutor de Economía Aplicada Gonzalo Rodríguez CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.