"Un ano despois da guerra nada cambiou en Gaza"

Zona onde estaba situada a casa de Tassam antes da última guerra © Ana Garralda

Tasam chega coxeando ata o predio onde hai menos dun ano estaba a súa casa. "Gastei moitos cartos para que me operasen ben a perna, pero sigo con moitos problemas" , explica un dos tres irmáns Abu Yami que sobreviviron -xunto a un sobriño- ao bombardeo israelí que o 20 de xullo de 2014 converteu a súa vivenda de tres pisos, situada ao sur da Faixa de Gaza, nunha morea de cascallos e barras de ferralla. Baixo as súas ruínas quedaron sepultados 25 membros da súa familia, entre os que se atopaban a súa muller e as súas tres fillas, a máis pequena de tan só un ano de idade. "Eu non penso no mañá. E o hoxe? O día a día non se aguanta" , dicíalle Tassam a eldiario.es poucos meses despois da traxedia.

Hoxe, co enorme buraco aberto no chan pola explosión cuberto de area e cos seus familiares desaparecidos, o aspecto deste palestino, agora desempregado -a taxa de paro en Gaza ascende ao 44%, segundo datos da Oficina para a Coordinación de Asuntos Humanitarios da ONU (OCHA)-, apenas cambiou.

Quedaron sepultados 25 membros da súa familia, entre os que se atopaban a súa muller e as súas tres fillas, a máis pequena de tan só un ano de idade

O seu estado civil, si. Tassam volveu casar e a súa esposa actual está embarazada de cinco meses. "Perdino todo, a todos os meus. Agora tento construír outra familia" , explica mentres ensina as fotos que ten no móbil das tres nenas que perdeu aquel fatídico día cando un mísil israelí sorprendeu os seus na casa facendo o iftar (a comida vespertina coa que os musulmáns rompen o xaxún durante o mes de Ramadán).

Tasam tamén tentou reconstruír a súa perna, rota entón por varias partes. Xa non ten a escaiola que lle cubría a extremidade desde a coxa ata o nocello, pero quéixase de fortes dores nos tendóns.

"Os médicos que me operaron dinme que necesito un traumatólogo especializado, pero en Gaza non o hai. Eu non podo saír de aquí polo bloqueo (imposto por Israel desde que en 2007 Hamás se fixo co poder na Faixa de Gaza), así que só me queda esperar a que algún día veña un cirurxián experto e me opere" , explica este gazatí mentres levanta o baixo do pantalón e mostra o óso torcido do seu nocello.

"Que culpa tiña a miña filla acabada de nacer, era ela tamén do brazo armado de Hamás?" , pregúntase

Tras a morte dunha vintena de membros deste clan gazatí, fontes do exército israelí argumentaron que na vivenda se atopaba un miliciano de Hamás, pero os Abu Yami, que o desmenten, pregúntanse por que tivo que morrer case toda a familia.

"Eu perdín todos os meus fillos menos a un. Tamén a nosa nai, o pequeno dos meus tres irmáns e a todos os seus" , explica o irmán maior de Tasam, de nome Tawfiq. "Que culpa tiña a miña filla acabada de nacer, era ela tamén do brazo armado de Hamás?" , pregúntase. Segundos despois este palestino agacha a cabeza e queda ensimesmado.

Milagrosamente el, xunto a outro irmán que se atopaba rezando na mesquita no momento do bombardeo, non resultou ferido, pero o trauma psicolóxico que padece tras o ocorrido deixou unha ferida máis profunda que a que calquera secuela física puidese xerar. A súa mirada entristece máis do que poida describir calquera adxectivo.

"Preocúpanos moito a situación psicosocial e de trauma da xente en Gaza despois da guerra", asegura María José Torres, directora adxunta da oficina da OCHA en Xerusalén. Dos 2.200 mortos que deixou o conflito en Gaza, máis de 1.400 deles eran civís (entre os que había máis de 500 nenos). " Ademais, outras 1.000 persoas van vivir con discapacidades o resto da súa vida", explica Torres.

Aínda non comezou a reconstrución das 18.000 vivendas que foron totalmente destruídas ou severamente danadas

Para esta funcionaria da ONU, os traumas que sofren adultos e menores en Gaza víronse agravados polo feito de que aínda non comezase a reconstrución das 18.000 vivendas que foron totalmente destruídas ou severamente danadas durante os 51 días de conflito do pasado ano -outras 120.000 resultaron parcialmente destruídas-, segundo datos da Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados (UNRWA).


Unha reconstrución que non chega

"Seguimos igual que antes. Dixéronnos que nos ían a reconstruír a casa, pero estamos outra vez en Ramadán e aquí non vimos nada"

"Seguimos igual que antes. Dixéronnos que nos ían a reconstruír a casa, pero estamos outra vez en Ramadán e aquí non vimos nada" , asegura Tasam, quen reside de forma temporal na vivenda duns parentes, situada á beira do predio onde se atopaba o seu antigo fogar.

"O resto dos irmáns tiveron que ir de alugueiro. Estamos todos separados" , engade Tawfiq, quen bota de menos os tempos nos que toda a familia vivín a baixo o mesmo teito, un costume especialmente enraizado nos clans familiares do sur da Faixa de Gaza.

"Moi recentemente anunciouse a posibilidade de que cheguen materiais de construción a Gaza pero isto levará aínda un tempo. Falamos de que a un ano da guerra, a reconstrución con erre maiúscula non empezou" , comenta María José Torres. Segundo esta española, ata agora só se realizaron labores de rehabilitación, como as executadas na estrada que percorre a Faixa de norte a sur ou nalgunhas infraestruturas sociais realizadas pola UNRWA.


"Ven o risco de haxa outra guerra que arrase co reconstruído"

"Ven o risco de que se produza unha nova guerra que arrase con todo o reconstruído"

Entre os motivos sinalados pola directora adxunta da OCHA atópase o feito de que non chegaron os fondos prometidos pola comunidade internacional -eses 5.000 millóns de doazóns solicitadas polas autoridades palestinas na Conferencia do Cairo-. "Ven o risco de que se produza unha nova guerra que arrase con todo o reconstruído", explica.

Ademais, segundo esta funcionaria da ONU, outra das razóns é a falta de diálogo entre os gobernos palestinos de Cisxordania ou Gaza, inmersos nunha pequena liorta interna, e as restricións impostas por Israel para a entrada de materiais  -con proxectos xa aprobados e diñeiro dispoñible- por temor a que estes poidan ser resultar "de dobre uso" (coma no caso do cemento, o formigón ou o ferro). É dicir, que Hamás poida desvialos para a reconstrución de túneles ou a fabricación de foguetes que despois poida utilizar nunha nova guerra con Israel.

Poucas esperanzas de cambio teñen á vista os 100.000 gazatíes que, como os Abu Yami, aínda hoxe seguen sendo desprazados internos. Sen reconstrución, nun enclave costeiro onde viven case dous millóns de persoas, co 80% da poboación dependente da axuda humanitaria (segundo a UNRWA), con cortes diarios de luz de entre 16 e 18 horas ou co 90% da auga non apta para o consumo humano. Un territorio que volve estar "ao borde do colapso", tal e como denuncia o último informe do Banco Mundial.

Un territorio que volve estar "ao borde do colapso", denuncia o último informe do Banco Mundial

Só de noite, cando os habitantes de Gaza rompen o xaxún, familias coma os Abu Yami esquecen durante un intre o seu drama diario. Ás veces fan o iftar xunto ás contaminadas praias da Faixa. Mesmo os seus veciños máis podentes desprázanse ata a que é a nova atracción en Gaza: comer peixe nos moi iluminados postos do porto ou Al Mina. As súas luces de cores alagan esta zona da cidade, impedíndolles aos seus comensais ver as ruínas, os cascallos ou a ferralla que xacen acumulados a escasos quilómetros á espera de que poidan ser reutilizados nunha futura rehabilitación. Esquécense só por unhas horas. Un respiro, polo menos ata o próximo amencer.

Tawfik co único dos seus fillos que sobreviviu á última ofensiva israelí © Ana Garralda
Unha casa destruída ao sur de Gaza © Ana Garralda
Tawfik, un ano despois da ofensiva israelí contra Gaza que matou a case toda a súa familia © Ana Garralda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.