O barco Zaytouna-Oliva, que conforma a Flotilla de Mulleres Rumbo a Gaza e no que viaxan trece activistas de distintos países (entre elas a fotógrafa española Sandra Barrilaro), foi interceptado polo exército israelí ao redor das catro da tarde a unhas 50 millas da costa de Gaza, en augas internacionais. Poucos minutos antes das catro, o buque informou que estaba a ser rodeado e pouco despois perdeuse toda comunicación con el. De momento non se teñen demasiadas informacións sobre a acción militar ou sobre a situación na que se atopan a tripulación e as participantes na iniciativa
Segundo infora Al Jazeera, que conta con dous xornalistas na embarcación, o Zaytouna será levado ao porto israelí de Ashdod, ao norte da franxa de Gaza, onde as mulleres serán interrogadas e deportadas. Nas últimas horas milleiros de persoas foron concentrándose nas praias de Gaza con bandeiras palestinas para recibir o barco, que buscaba rachar o bloqueo ao que Israel somete dende hai anos a este territorio. O buque partiu o pasado 17 de setembro de Barcelona (onde quedou outro dos barcos que compuñan a flotilla, o Amal-Hope) e o 27 de setembro do porto italiano de Messina.
O luns foi presentada en Compostela a campaña “Rompamos o bloqueo. Mulleres Rumbo a Gaza”, impulsada por BDS-Galiza en colaboración coa Coordinadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres, e que conta ademais co apoio de organizacións como Mar de Lumes, Pallasos en Rebeldía, Asociación Galega contra o Maltrato a Menores, Conas Ceives, Lésbicas Creando e MNG. O obxectivo era manifestar a súa solidariedade e pedir protección ao estado español e a UE para a flotilla.
Ana Miranda, que falou en calidade de extripulante e persoa secuestrada e deportada por Israel, alertou de que a flotilla podía ser interceptada en calquera momento. Mentres, a secretaria das mulleres do SLG, María Ferreiro, sinalou a "triple opresión" que sofren as mulleres palestinas: a xerada pola ocupación e invasión do seu territorio polo goberno israelí; a causada polo patriarcado “que todas sufrimos e nesa zona non é menos” e a provocada pola mirada occidental, coa que “relegamos a estas mulleres a un papel doméstico e totalmente pasivo".
Concentracións en Galicia
Ás 19 horas deste mércores levaranse a cabo concentracións de apoio á Flotilla nas sete cidades galegas. "Mulleres bravas navegan neste momento Rumbo a Gaza para romper o bloqueo do criminal estado Israelí que acaba de ameazar públicamente con abordar o barco nos próximos días. Por elas e polas mulleres e o pobo Palestino estamos en alerta e respondemos!", saliéntase na convocatoria da Marcha Mundial das Mulleres. Os actos foran xa convocados este martes, en previsión de que o barco fose abordado ao longo deste día.
- Compostela, Praza do Pan
- Ourense, Subdelegación do goberno
- Vigo, Marco
- Pontevedra, Praza da Pergrina
- Lugo, Praza do Concello
- Ferrol, Praza do Concello
- A Coruña, Praza de Ourense