A xustiza arxentina rexeita excarcelar un represor acusado de torturar doce persoas de orixe galega

Nazario está acusado de torturar e asasinar 19 persoas no Centro de Detención 'Olimpo' CC-BY-SA Adam Jones

A Sala 1 da Cámara Criminal y Correccional Federal de Arxentina vén de rexeitar a excarceración de Sergio Raúl Nazario, alias "Comandante Estevez", un militar acusado de secuestrar e torturar a 132 persoas, e do asasinato de 19 no Centro de Detención Olimpo.

Nazario está acusado de secuestrar e torturar a 132 persoas, e do asasinato de 19 no Centro de Detención Olimpo

Entre elas figuran cando menos doce cidadáns e cidadás de orixe galega, o que fixo que no ano 2006 se unise como querelante na investigación a Federación de Asociaciones Gallegas. Entre as vítimas galegas atópanse Carlos Casariego de Bel, Ernesto Fernández Vidal, Ramón García Ulloa, Dolores del Pilar Iglesias, Manuel Souto Leston, Urbano López Fernández, Manuel Gómez Aguirre, Jaime Lozano Nieto, Inés Olleros, Miguel Castiglioni Cornes, Alberto García López e Alicia D'Ambra Villares.

O tribunal destacou que a liberación de Nazario "podería entorpecer a investigación" e a obtención de probas que permitan determinar o modo en que sucederon os crimes de lesa humanidade polos que está acusado.

Entre elas figuran cando menos doce cidadáns e cidadás de orixe galega, o que fixo que no ano 2006 se unise como querelante na investigación a Federación de Asociaciones Gallegas

A Defensa solicitara a posta en liberdade do xenocida alegando demoras desde a súa detención na provincia de Salta ata que se lle tomou declaración. Ante esta situación, a Federación de Asociaciones Gallegas presentou un escrito no que solicitaba a permanencia do represor en prisión considerando que "existen probas que demostran que foi coautor de delitos de lesa humanidade". O texto lembra ademais que ante a orde de detención na súa contra, Nazario non se entregou senón que permaneceu prófugo, coa protección das forzas de seguridade da provincia de Salta, onde exerceu como subsecretario de Protección á Comunidade ata 1996 e, posteriormente, como secretario da Gobernación da Seguridade. 

Con esta resolución, a Federación dá un paso máis na súa reclamación de "Memoria, Verdade e Xustiza" para os galegos e españois vítimas da ditadura

Con esta resolución, a Federación dá un paso máis na súa reclamación de "Memoria, Verdade e Xustiza" para os galegos e españois vítimas da ditadura. As organizacións de dereitos humanos estiman nun cento de persoas o número de inmigrantes españois asasinados polo terrorismo de Estado en Arxentina, así como unha gran multitude de descendentes, que se atopan entre os 30.000 opositores ao réxime que foron detidos, torturados e posteriormente desaparecidos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.