Axuda galega para paliar as secuelas dos ataques israelís na infancia de Gaza

Nenas e nenos participantes nunha das actividades da UNRWA © UNRWA

"En Gaza hai nenos que levan catro anos baixo un trauma severo", con "constantes ataques de ansiedade" ou que "levan dende a última ofensiva sen poder falar". Hai tamén rapazas e rapaces que "cando os pais teñen que saír, padecen un ataque de ansiedade" ou que "pensan que os están bombardeando" cando "hai unha treboada". Raquel Martí, directora executiva do comité español da UNRWA, a axencia das Nacións Unidas que atende as persoas refuxiadas de Palestina, explicaba así o pasado febreiro en Praza Pública as circunstancias polas que pasa a infancia de Gaza como consecuencia dos sucesivos ataques israelís. O testemuño de Martí encadrábase nunha rolda de contactos con diferentes institucións galegas co obxectivo de recadar apoios para asistir esta poboación refuxiada, unhas xestións que comezan a dar froitos.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade de cooperación ao desenvolvemento formada por 87 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, vén de lle achegar 10.000 euros á UNRWA por segundo ano consecutivo para financiar o seu programa de atención psicosocial á infancia. Aínda que a suma non é especialmente avultada no contexto dun orzamento público o Fondo estima que "esta doazón podería financiar o tratamento psicolóxico de 33 nenas e nenos" durante un ano enteiro, ademais de servir para apoiar "terapias grupais e outro tipo de actividades sobre saúde mental comunitaria".

A achega do Fondo Galego permitirá financiar o tratamento psicolóxico de 33 nenas e nenos durante un ano enteiro

Na liña do relatado por Martí, o Fondo Galego salienta que esta atención é especialmente relevante para unha poboación infantil que, só na última ofensiva sobre Gaza, "sufriu ataques continuados durante 50 días", ataques que mesmo afectaron ás propias escolas da ONU nas que se refuxiaban "sen que a comunidade internacional reaccionase". "A perda de familiares e a destrución dos seus fogares, engadidas ao xa habitual contexto de violencia" xera nas nenas e nenos problemas como a "hiperactividade, déficit de atención, impulsividade ou condutas antisociais", así como comportamentos agresivos, pesadelos, "problemas de aprendizaxe, sensación de inseguridade" ou "obsesións con xogos de guerra", entre outros síntomas.

Trátase, en definitiva, explica o Fondo Galego, de "traumas" que "resulta fundamental tratar". E para isto cómpren "xogos terapéuticos, terapias de relaxación, meditación, expresión artística ou contacontos" que palían, na media do posible, a "predisposición da poboación de Gaza á ansiedade, á depresión e ás desordes no comportamento", todo isto derivado da "exposición aos bombardeos" que se suma "ao desemprego, á pobreza" e ás "restricións impostas polo bloqueo de Israel", principal obstáculo que a UNRWA debe sortear para poder executar a comprometida reconstrución da franxa.

Alerta en Yarmouk

A invasión do Estado Islámico mántén atrapadas "unhas 18.000 persoas" no campo de refuxiados de Yarmouk

Esta axuda, explica o Fondo, chega nun contexto no que "pouco se escoita falar xa de Gaza" malia ao "chamamento de emerxencia que vén de realizar" a axencia da ONU a respecto tamén doutras necesidades básicas en áreas de saúde, educación ou alimentación nos oito campamentos de refuxiados deste territorio, así como noutos 50 campos de refuxiados nos que se contabilizan "máis de cinco millóns de persoas". Entre eles, resaltan, está o campo de Yarmouk, en Siria, "que xa viña padecendo dende hai dous anos o asedio das tropas gobernamentais" e que agora "se acha nunha situación crítica tras ser invadido polo Estado Islámico", que mantén atrapadas "unhas 18.000 persoas" sen permitir o acceso de axuda humanitaria.

Neste contexto, a UNRWA traballa nas "zonas adxacentes" do campo de Yarmouk, de onde "só uns poucos centos de familias conseguiron fuxir". Alí, informan, "detectouse unha absoluta carencia de comida, auga e vivenda", pero tamén de "artigos de hixiene, abrigo e medicinas". É por iso que as Nacións Unidas reiteran a necesidade da apertura dun corredor humanitario e, pola mesma razón, nos vindeiros días "realizarán un chamamento extraordinario para responder ás necesidades da poboación civil na zona".

Nenas e nenos de Gaza, nunha das actividades psicosociais © UNRWA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.