Morre Fidel Castro, o 'galego' que marcou a historia de Cuba

Fidel Castro, en 1959 Dominio Público Praza Pública

En xullo de 1992 eran novas nos xornais galegos o paso do facho olímpico camiño de Barcelona, a inauguración do primeiro treito do paseo marítimo da Coruña ou o ascenso á Segunda División do Club Deportivo Lugo. Todas aquelas novas ficaron en segundo plano cando, dous días despois do Día Nacional de Galicia, o titular da Xunta recibiu ao pé da pista de Lavacolla o presidente de Cuba, Fidel Castro. Menos dun ano despois de ser recibido en La Habana con honras de xefe de Estado Manuel Fraga facía de anfitrión para o líder cubano, o 'galego' que marcou a historia da illa caribeña dende a revolución de 1959 pola que permaneceu medio século no poder, e ata este 25 de novembro, cando ás 22:29 da noite -hora local-, faleceu aos 90 anos de idade.

O seu irmán e sucesor dende febreiro de 2008, Raúl Castro, foi o encargado de anunciar nunha breve mensaxe televisada a noticia do falecemento, que transmitiu "con profunda dor", ao tempo que anunciou que os restos do histórico mandatario comunista serán incinerados, seguindo a súa "vontade expresa", ao tempo que se ultiman os detalles dunha "homenaxe póstuma". Ratificábase así unha noticia anunciada en infinitas ocasións e tentada en moitas máis -estímase que Castro sobreviviu a máis de medio milleiro de intentos de atentado-. O falecemento produciuse dez días despois das derradeiras imaxes públicas do ex-mandatario e cando apenas transcorreron tres meses dende o seu 90 aniversario, polo que foi homenaxeado na capital cubana.

Raúl Castro ratificou a morte do seu irmán e antecesor, anunciada en múltiplas ocasións

Alén da evidente pegada histórica de Fidel Castro, do seu papel á fronte do movemento que derrubou a ditadura de Fulgencio Batista, do seu carácter de referencia para parte da esquerda internacional e das críticas de quen o consideran máximo expoñente dun lonxevo réxime autoritario, en Galicia a súa lembranza vai ligada ao concello lucense de Láncara, da que aquela histórica viaxe de 1992 foi bo resumo. Naqueles días o mandatario agora falecido declarouse "fillo lexítimo de Galicia". Fíxoo ao carón da casa natal do seu pai, Ángel Castro Argiz, o lancarao que en 1899, aos 24 anos, emigrou con rumbo a Cuba.

Fraga recibiu a Castro en 1992 con aires de festa e actos que descolocaron e incomodaron a dirección do PP

Aqueles días de xullo descolocaron boa parte da opinión pública española e incomodaron notablemente a dirección do PP, á cuxa fronte estaba José María Aznar dende había media década. Mentres Aznar e o seu gabinete mantiñan a posición tradicional da dereita española un dos seus referentes, o propio Fraga, exercía de anfitrión de Castro no seu percorrido polo país. Entre outras actividades o presidente cubano visitou a Catedral compostelá, industrias pesqueiras na Pobra do Caramiñal e o Panteón de Galegos Ilustres, percorreu un treito da Muralla de Lugo e protagonizou un acto político no hotel Araguaney da capital galega organizado por, entre outros, o alcalde de Oleiros.

Pero se algo quedou para a historia daqueles días foi a visita a Láncara. Fidel acudiu á que fora vivenda do seu proxenitor e acabou sendo o centro dunha romaría auspiciada por Fraga. Os acordes da banda municipal de Sarria confundíronse coa música caribeña, correron os viños e licores do país, Fraga non foi quen de conter as bágoas ao lembrar que o seu pai tamén fora un emigrante a Cuba e ambos presidentes culminaron a xornada cunha partida de dominó que gañou o titular da Xunta.

Visita de Fidel Castro a Láncara en 1992 / © CRTVG

O arquivo da Televisión de Galicia garda boa parte da documentación gráfica duns días que foron resumidos no documental Fraga y Fidel, sin embargo (Manuel Fernández-Valdés, 2013). Aquela viaxe, lembraba daquela o director do documental en declaracións a Praza.gal, "tivo pouco de oficial ou diplomática". Fraga concibíraa como unha festa continua e así foi, unha "festa televisada" na que dalgún xeito, reflexionaba o director, os dous líderes estaban tamén "emendándose a si mesmos".

Feijóo pediu a Touriño que fose a Cuba a esixir "liberdade", se ben como presidente visitou a illa en dúas ocasións mantendo a liña do socialista e do propio Fraga

Nos anos seguintes as posicións do Goberno galego a respecto de Cuba foron semellantes, pero nunca tan entusiastas como con Fraga. Así, no ano 2007 o presidente Emilio Pérez Touriño viaxou á illa caribeña co gallo do centenario do aniversario do himno galego, interpretado por primeira vez en 1907 en La Habana. O daquela líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo, amosouse crítico co socialista porque, ao seu xuízo, debera aproveitar a visita para ser "valente" e esixir "liberdade". No entanto, xa con Raúl Castro no poder, Feijóo xa visitou Cuba en dúas ocasións, unha en 2013 e, máis recentemente, este mesmo 2016, e en ambas viaxes mantivo un ton semellante ao dos seus antecesores.

Castro, visitando unha exposición sobre a emigración en San Domingos de Bonaval en 1992 © CRTVG
Fidel Castro en Láncara, nunha imaxe tirada do documental realizado en 2013 © Bambú Producciones

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.