Parlament e Generalitat activan o referendo de autodeterminación e o Estado, a ofensiva xudicial

Un intre do pleno do Parlament catalán, este mércores © Parlament

O Parlament de Catalunya aprobou este mércores a lei para convocar o referendo sobre a independencia do próximo 1 de outubro. Os 72 deputados independentistas votaron favorablemente o texto, mentres que os membros de Ciutadans, PSC e PP abandonaron o hemiciclo durante a votación, en sinal de protesta. Catalunya Si que es Pot optou pola abstención.

Minutos despois de que a lei fose aprobada e publicada no diario oficial, o president Carles Puigdemont reuniu o Govern para asinar de forma conxunta o decreto de convocatoria do 1-O. Tal e como os independentistas esperaban, o referendo puido ser finalmente promulgado con carácter formalmente legal e antes de que a acción suspensiva do Constitucional o atinxa

Nun un pleno de duración inédita, moi técnico e no que a Mesa se reuniu ata en 3 ocasións, os deputados acabaron votando a lei do referendo despois das 21 horas da noite. Antes do texto final sometéronse a voto as emendas conxuntas introducidas polos grupos de JxSí e a CUP, e as introducidas por Catalunya Si que es Pot e polo deputado non adscrito Germà Gordó. O resto de grupos, en coherencia coa súa ausencia, retirara as súas emendas. Tras preto de 11 horas de pleno no que a oposición tratou de dilatar os prazos do procedemento exprés, a lei foi aprobada.

JxSí e CUP aprobaron suprimir os trámites parlamentarios habituais para aprobar a lei antes da suspensión do Constitucional, e C's, PSC e PP ven lesionados os seus dereitos 

"A decisión dos cidadáns vincularanos", prometeu Puigdemont nun acto no Parlament unha vez o referendo quedou convocado. O president comprometeuse a "defender ata o final" o dereito a decidir dos cataláns e marcou o referendo como a elección entre "seguir no camiño da autonomía e o Estatut recortado" ou "transitar o camiño da Catalunya independente en forma de república".

Para poder chegar ata este momento e conseguir ter a lei aprobada, o Parlament mergullouse nun pleno inédito no que JxSí e a CUP forzaron o artigo 81.3 do Parlament para eliminar a maioría de trámites parlamentarios habituais. A maioría independentista impuxo así un procedemento exprés que acabou en pouco máis de oito horas, despois de que a proposición aprobada fose admitida a trámite este mesmo mércores pouco despois das 9:00 da mañá.

O decreto, asinado por todos os membros do Govern / Generalitat de Catalunya

Esta forma de proceder levou a irada protesta da oposición polo que considerou unha vulneración dos seus dereitos. Ciutadans, PSC, Catalunya Si que es Pot e PP sinalaron diferentes argumentos, como a eliminación do dereito a pedir un ditame do Consello de Garantías sobre a lei ou a brevidade no prazo para presentar emendas, para protestar. O PSC pola súa banda anunciou a interposición dun recurso de amparo ao Tribunal Constitucional.

Durante a madrugada o bloque soberanista admitiu a trámite a lei de transitoriedade xurídica e o Parlament continúa a tramitala este xoves

Grazas a estes trámites comprimidos a Cámara catalá conseguiu aprobar a lei antes de que o Goberno de España puidese presentar un recurso e o Constitucional tomar a decisión de suspender a admisión a trámite da lei. Será este xoves pola mañá cando o Consello de Ministros se reuna de forma extraordinaria para presentar o recurso ante o Constitucional.

Unha vez co referendo convocado, os deputados independentistas foron alén e adiantaron traballo de madrugada. Por unha banda, admitiron a trámite a lei de transitoriedade, que podería protagonizar un novo pleno maratoniano este xoves coa súa correspondente batalla de recursos da oposición e atallos procedimentais. Por outro, constituíron a Xunta Electoral, o órgano reitor do referendo previsto pola lei, co nomeamento do seu cinco membros.

Puigdemont asina o decreto Dominio Público Generalitat de Catalunya

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.