"Traballamos para recuperar a xustiza universal, pero a maioría depende de Ciudadanos, que busca votos no PP"

Xornada sobre Siria celebrada o venres en Vigo Dominio Público Esquerda Unida

Javier Couso, eurodeputado de IU e vicepresidente da Comisión de Asuntos Exteriores da Eurocámara, participou este venres en Vigo nun acto sobre Siria que contou coa presenza do profesor e investigador da Universidad Complutense, Pablo Sapag, gran coñecedor da realidade naquel país e autor do libro Siria en perspectiva. Conducido pola parlamentaria galega de En Marea Eva Solla, o debate abordou a situación en Oriente Medio e os seus conflitos, nos que leva anos afondando Couso, sobre todo desde o asasinato do seu irmán José, hai quince anos na guerra de Iraq, ao ser alcanzado por un proxectivo lanzado polo Exércido dos Estados Unidos (EUA) mentres traballaba como cámara en Bagdad.  

Que fan desde a Eurocámara respecto de Siria?

Traballamos para intentar contar o que realmente pasa alí, intentamos servir de ponte. Ademais, varios deputados, de diferentes partidos e da maioría con representación, creamos un grupo de apoio ao proceso de paz. O que é claro é que a UE ten un marcado sesgo de parte, só acepta falar coa denominada oposición siria e non co goberno daquel país, malia que hai tres embaixadas de tres países da UE aínda alí. Nesa oposición, onde antes eran minoría agora son maioría grupos terroristas radicais, entre eles os subscritos a Al Qaeda ou ao Estado Islámico. 

Cal é a súa achega neste proceso por axudar a Siria e a parar a guerra?

Por mor deste labor desde a Eurocámara estiven tres veces en diferentes zonas de Siria, na do Curdistán, en Damasco ou en Alepo. Debemos reflexionar sobre como se nos están a vender as guerras que, en realidade, son cambios de rexímenes dentro da liña de remodelación do novo Oriente Medio que deseñaron os sectores máis ultras do goberno estadounidense desde a guerra de Iraq, seguindo coa intervención en Libia ou agora en Siria, onde todo ten tamén moito que ver coa distribución de gas e o paso de gasodutos pola zona.

 "Non podemos cualificar o conflito de Siria como guerra civil; nun dos bandos cóntanse ata 89 nacionalidades entre os combatentes"

Desde fóra semella moi difícil saber con exactitude o que alí ocorre, non hai matices e todo é branco ou negro. Nin tan sequera todos os expertos aceptan que aquilo poida denominarse guerra civil?

Eu non o cualificaría de guerra civil. Pablo Sapag, que fala en termos académicos, asegura tamén que non se pode dar esa definición porque non estamos a falar de dous gobernos que se recoñezan nin de dous exércitos. Siria ten unha lextimidade e pola outra banda cóntanse ata 89 nacionalidades diferentes entre os combatentes, o que demostra que o que hai son intervencións con exércitos por delegación, como se adoita dicir. 

Alí houbo protestas que desembocaron nun grave e longo conflito, pero por que di que non se nos conta correctamente o que pasa?

Claro que houbo protestas pero naquelas manifestacións primixéneas tamén as houbo a favor do goberno. Actuouse, mesmo en moitas ocasións, en contra da deontoloxía do xornalismo ao atender unicamente a unha fonte, a un observatorio do conflito con base no Reino Unido e fundado por un ex-membro dos servizos secretos británicos. Nunca escoitamos a outra parte, nin tan sequera os grises, os matices... Logo, cando acudimos a veteranos periodistas, é cando atopamos todos eses grises. Hai que ter en conta que en Siria tamén hai un grande apoio ao seu goberno, sobre todo cando se puxo o pobo na disxuntina de elixir entre grupos terroristas, a cada cal máis medieval, ou unha persoa que representa a unificacióndo país. Cando eu estiven en Damasco vin normalidade, con igrexas e mezquitas abertas e con mulleres con velo e co cabelo ao aire. Ultimamente estanse contando mal as guerras, hai máis intereses que intentos por buscar a verdade. 

"En Siria tamén hai un grade apoio ao seu goberno, sobre todo cando se puxo o pobo na disxuntina de elixir entre este e grupos terroristas"

Di que as guerras cóntanse mal, desde cando? Acentuouse desde a guerra de Iraq?

Cada día máis, pero sobre a partir da guerra de Vietnam, a última na que o Exército dos EUA se decata do importante que é como contala. Desde aí empezan a controlar as fontes e establécese un control absoluto dos medios. O caso de Iraq é moi paradigmático porque alí produciuse a morte de máis de 500 xornalistas, asasinados. Tamén é importante que cada vez haxa máis control nos medios, que responden a uns intereses. Non hai os contrapesos necesarios cando moitos medios privados, como aquí en España, acaban sendo medios gobernamentais do PP. 

"O asasinato de meu irmán obrigou a intentar entender os conflitos de Oriente Próximo e iso axúdame tamén a entender mellor o seu asasinato"

Vostede viviu o asasinato do seu irmán en Iraq. Axudoulle esa desgraza a entender os conflitos ou a afondar máis neles?

Obrigoume moito. A partir do seu asasinato tiven que reflexionar máis, coñecer a zona, ler autores deses países, analistas... Vas afondando máis nas intervencións porque iso axúdame tamén a entender mellor o asasinato do meu irmán José. 

A súa familia continúa á espera de que o Constitucional se posicione sobre o recurso contra o arquivo da causa a raíza da reforma da xustiza universal en España. Confían en que lles dean a razón?

Sempre esperamos que a xustiza nos ampare e imos ser cautos. Sempre superamos os atrancos e non imos parar ata que se faga xustiza. Se nos tiran este recurso, iremos ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo porque consideramos que nos quedamos sen tutela xudicial efectiva. Ademais, traballaremos para que os grupos poidan cambiar esa absurda modificación da xustiza universal, dun elemento que estaba xa nos primeiros códigos penais do Estado de hai moitos anos. 

"Traballamos cos grupos para que se poida cambiar a modificación da xustiza universal, pero as maiorías agora dependen de Ciudadanos, que xoga a substituír unha base electoral do PP"

O Congreso tramita unha proposición de lei de ERC para recuperar a xustiza universal, que foi abolida en solitario polo PP nunha modificación rexeitada por todo o arco parlamentario. No entanto, a vía parlamentaria segue paralizada. Por que?

As maiorías dependen moito de Ciudadanos, pero este partido xoga a substituír unha base electoral do PP. Podían terse cambiado moitas cosas e mesmo facer política de Estado, pero non quixeron porque prefiriron someterse aos Estados Unidos e a Israel. 

A súa familia insiste en que agora os atrancos chegan desde a Mesa do Parlamento, onde teñen maioría PP e Ciudadanos, aos que acusan de dilatar os prazos para debater e tramitar proposicións...

O meu irmán David reuniuse con todos os grupos parlamentarios para solicitar un cambio, tamén con Ciudadanos, que di que si que o apoia; no entanto, segue sen desenvolverse nada e nós seguimos agardando por un proceso que o PP atrasa na Mesa do Parlamento, como ocorre con tantos outros. É a maneira retorcida que ten o PP para impedir mesmo comisións de investigación. 

"Ciudadanos é moi parecido ao PP, pero a xente traga con ese márketing da novidade que é a novidade dos vellos usos para servir os mesmos intereses de sempre"

Están empregando a Mesa do Parlamento para poñer obstáculos...

Absolutamente. Antes facíano a través da maioría absoluta e agora dilatando e non permitindo ao Parlamento exercer o control que lle outorga a Constitución. É a maneira de gobernar dun partido acosado pola corrupción, nun sistema bipartidista que ten medo pero no que aparece o partido laranxa, Ciudadanos, que é a forza do Ibex e moi parecido aos populares en moitas cousas, por moito que a xente se estea a tragar, por desgraza, ese márketing da novidade que en realidade é a novidade dos vellos usos para servir os mesmos intereses de sempre. 

Javier Couso, na súa intervención o venres en Vigo Dominio Público Esquerda Unida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.