0 Gardados para despois

Unha multitude esixe que acordo lácteo free o "saqueo" das granxas galegas

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Documentos relacionados

A loita gandeira tiña este xoves tres escenarios: Santiago, Lugo e Madrid. As dúas cidades galegas, tomadas por senllas tractoradas, viron como as súas rúas máis céntricas eran anegadas por senllas multitudes que esixían a fin dos prezos abusivos para o leite galego. Mentres, na sede do Ministerio de Agricultura sentaban á mesma mesa todos os membros da Organización Interprofesional Láctea (INLAC), isto é, representantes de produtores, industria transformadora e distribución, coa ministra Isabel García Tejerina como anfitriona. Para os gandeiros galegos o acordo que se explorou en Madrid ten que servir para rematar co "saqueo" das granxas galegas, e así o berraron nas súas masivas mobilizacións.

Cando García Tejerina  anunciaba ante a prensa un "principio de acordo" que, "a falta de pechar algúns flocos", permitiría lograr "un maior valor para os nosos produtos lácteos", unha masiva comitiva encabezada por catro vacas frisonas atravesaba Compostela, dende a Alameda ao complexo administrativo da Xunta, en San Caetano. Ao contrario do augurado por parte da prensa local e mesmo insinuado polo propio presidente da Xunta a resposta da veciñanza ao paso da protesta non foi, nin de lonxe, de rexeitamento ou incomodidade. Así, os gandeiros foron vitoreados e aplaudidos en numerosos treitos da marcha, moi especialmente ao pasaren ao carón da Praza de Abastos.

Os gandeiros foron vitoreados e aplaudidos pola veciñanza

Representantes políticos de PSdeG, BNG, Anova ou Esquerda Unida ou alcaldes como os de Santiago e Lalín acompañaron unha manifestación á que, ante a sede da Xunta, lle puxo voz unha moza gandeira, Águeda Capón. "Os gandeiros galegos levamos soportando lustros de chantaxe, ameazas veladas e prezos polo chan", di. Este é o motivo polo que as "10.000 familias" que viven do leite esixen que Administracións e industrias "saquen da agonía as granxas que estamos sendo saqueadas sen escrúpulos" e garantan "que non imos ter que endebedarnos máis para facer o noso traballo", o cal pasa por "frear a apropiación ilegal de renda que estamos a sufrir os gandeiros"

"Se un cartón de leite é máis barato que un litro de auga, ou no cartón non hai leite ou neses empresarios non hai alma nin vergoña"

"Non daremos marcha atrás ata acadar un marco estable" de prezos "que nos permita vivir dignamente", explica Águeda Capón. E isto, advirte, só acontecerá cando remate a "inmoralidade nos supermercados internacionais, e tamén nalgún que fai gala do xeito de vida dos galegos", nos que "é máis barato un cartón de leite que un litro de auga". "Ou dentro dese cartón non hai leite ou neses empresarios non hai alma nin vergoña", lamenta.

Principio de acordo "sen garantías"

Cando remataban as protestas en Compostela e Lugo comezaban a chegar os primeiros detalles da proposta de acordo formulada en Madrid, de cuxa redacción se desmarcan tanto UPA -na que se integra Unións Agrarias- como COAG -á que está ligada o Sindicato Labrego Galego-. Así, o texto recolle compromisos xa lanzados noutras ocasións polas distribuidoras e as industrias, tales como "impedir o uso" do leite como "produto reclamo", identificar claramente a orixe xeográfica dos produtos ou establecer contratos a longo prazo con prezos que garantan a "sostibilidade do sector".

O principio de acordo apunta a acadar un prezo "sustentable" pero non o define

Malia existiren avances, admiten, tanto Unións como o SLG explican a Praza Pública que o texto, cando menos coa redacción deste xoves, "non recolle algo imprescindible: definir que se entende por prezo sustentable". "Se non se di canto é, a industria pode considerar que un prezo indigno é sustentable", ilustran.

Os gandeiros dispóñense a decidir que rumbo toman as mobilizacións

Nesta conxuntura, e mentres as negociacións continúan -en calquera caso, un eventual acordo non se asinará ata dentro de dúas semanas-, os gandeiros dispóñense a decidir en asemblea o rumbo das mobilizacións. O responsable da Organización de Produtores de Leite e voceiro da Plataforma, Anxo Escariz, indica que a proposta do colectivo non será apostar pola folga de entregas, senón por "impedir a distribución e saída de leite das fábricas", algo "moito máis eficaz". Ao tempo, advirte, seguirán esixindo que a actuación da Xunta non se limite "a que o señor Feijóo nos pase a man polo lombo".

A gandeira Águeda Capón esixe, ao remate da protesta, que Feijóo "faga algo" e o faga "xa"

CC BY-SA Praza Pública

Anxo Escariz (OPL) explica que as mobilizacións continuarán "cercando" as distribuidoras

CC BY-SA Praza Pública

As vacas, ás portas da Xunta

Cabeceira da mobilización gandeira, no centro de Santiago

Un intre da masiva protesta gandeira

Os gandeiros reciben aplausos ao pasaren pola Praza de Abastos

Cabeceira da protesta, con gandeiros e alcaldes

Cabeceira da mobilización en Lugo

Protesta do lácteo en Lugo, nunha foto de arquivo

Desabastecemento de produtos laćteos nun DIA de Santiago

Os gandeiros doan ao Banco de Alimentos o leite "incautado" a DIA

Mobilizacións gandeiras en Santiago e Lugo

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

UUAA e SLG non asinarán un preacordo "sen concreción nin garantías de prezo xusto"

Nin Unións Agrarias (UUAA) nin o Sindicato Labrego Galego (SLG) asinarán este preacordo que a ministra Tejerina presentou ao sector na decisiva xuntanza que este xoves se mantivo en Madrid. Malia que recoñecen avances e mesmo "liñas de traballo interesantes nas que afondar", os secretarios xerais de ambas as dúas organizacións, Roberto García e Isabel Vilalba, coinciden en sinalar a "falta de concreción e garantías" que aseguren un prezo mínimo digno e superior aos custos de produción para os gandeiros galegos.

UUAA e SLG non asinarán o acordo pola "falta de concreción e garantías" que aseguren un prezo digno para os gandeiros galegos

Tanto UUAA como SLG -integrados na UPA e COAG, organizacións que non se sumaron ao preacordo- agardan agora que pasados os dez días, e logo de que a ministra de Agricultura analice as súas propostas, poidan asinar un preacordo que, polo momento, non ratificarán. Isabel Vilalba, presenta na xuntanza en Madrid, asegura que o borrador "ten en elementos esenciais unha falta de concreción absoluta" ao referirse sempre a un "prezo sostible que non sabemos que é". "Se queremos un sistema con garantías teremos que buscar unha referenciación a índices válidos", di coincidindo con Roberto García, tamén presente na reunión, que insiste en que o preacordo "non recolle algo imprescindible: definir o que se entende por prezo sustentable".

"Se non se aclara canto é ese prezo sustentable, a industria pode considerar que un prezo indigno é sustentable"

"Se non se di canto é ese prezo sustentable, a industria pode considerar que un prezo indigno o é e este importe sustentable non pode estsar por debaixo do custo de produción; hai que establecer uns parámetros claros", asegura García, que engade outros dous aspectos claves que impiden que o seu sindicato asine o acordo e cos que coincide o SLG. En ambos os dous casos, reclaman que "dado que o acordo para un prezo digno é voluntario, pero xa que todos se comprometen a aceptalo, parece lóxico que deba levar aparellado unha base legal que permita que aquel que incumpra teña unha sanción". En definitiva,, e facendo referencia ás palabras de Núñez Feijóo, piden que se faga "todo o legalmente posible" para conseguir prezos xustos. 

As dúas organizacións reclaman que se artellen "bases legais que permitan que aquel que incumpra o acordo sexa sancionado"

Ademais, SLG e UUAA levaron a cabo unha reclamación que chega con especial forza desde Galicia: que esa presunta boa vontade da industria e da distribución se manifeste en primeiros xestos e inmediatos. "Que a distribución retire o leite que vende por debaixo de 60 céntimos e que emprega como produto reclamo e que a industria paralice xa todos os contratos que está a propoñer á baixa; se non se fai, o acordo non é crible", insisten Vilalba e García, que valoran aspectos como a "transparencia" na cadea do sector que "permitirá saber cando menos quen nos está a ruoubar".

SLG e UUAA optan por manter as mobilizacións durante os vindeiros días

Ademais, ambas as dúas organizacións optan por manter as mobilizacións. Segundo Isabel Vilalba (SLG), tratarase agora con todos os membros da Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo as medidas a seguir e intentarase chegar a un acordo para manter a protesta ata que o acordo sexa o necesario para o sector en Galicia. Roberto García, pola súa banda, asegura que "haberá que continuar coas mobilizacións" e que esa será a proposta de UUAA. "Se outros consideran que isto é suficiente, pois desconvocarán, pero Unións Agrarias o que pretende é reforzalas e centrar as reivindicacións en quen debemos centralas", remata.