0 Gardados para despois

Unha década pedindo e negando a transferencia da AP-9

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O pasado martes o Parlamento aprobaba por unanimidade unha proposición de lei formulada polo BNG para reclamarlle ao Goberno central a transferencia da Autoestrada do Atlántico. A luz verde do PP á iniciativa sorprendeu a oposición, tanto que algúns dos grupos que a compoñen xa enviaran á prensa os seus comunicados valorando o rexeitamento dos conservadores. Esta iniciativa non ten, nin moito menos, efecto inmediato: pasa á lista de espera das proposicións autonómicas para debater nas Cortes, que van ser disoltas por mor das eleccións xerais. Será, polo tanto, a maioría que saia dos comicios de decembro a que decida sobre un traspaso que, tan só na última década, foi reclamado e rexeitado en numerosísimas ocasións. Isto sucedeu sen que, polo momento, nada mudase na autoestrada que, por mor da concesión prolongada polo Goberno de José María Aznar, está en mans dos propietarios de Audasa ata, cando menos, o ano 2048. Estes foron algúns dos avatares políticos ao respecto.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A autoestrada recupera tráfico pero aínda non chega aos niveis previos á crise

O debate político en torno á AP-9 reitérase mentres a empresa concesionaria da infraestrutura, actualmente en ampliación en varios treitos, ve mellorar as súas contas de resultados. Como informou este diario, nos últimos tempos Audasa comezou a remontar a súa recadación por peaxes -prevé ingresar ata 9.500 millóns de euros ata a fin da concesión- mentres seguiu destruíndo emprego ata poñer o seu cadro de persoal nun mínimo histórico coa xeralización das cabinas de cobro automático. O cadro favorable para a compañía complétase cunha mellora do tráfico, que xa se recupera malia non acadar, cando menos de momento, os niveis previos á crise económica.

A comezos de 2013 a AP-9 tocou fondo na súa caída de intensidade de tráfico, con apenas 17.000 vehículos nun mes que facían retornar as cifras a niveis de hai máis dunha década. Tras este importante devalo, durante o que a concesionaria continuou incrementando as súas tarifas, os datos do Ministerio de Fomento amosan unha certa recuperación. Así, por exemplo, tras perder máis dun 5% de tráfico no 2013, o exercicio 2014 finalizou cun avance do 0,4%.

Neste 2015 a Autoestrada gaña tráfico todos os meses

Na primeira metade deste 2015 os números da autoestrada foron negros todos os meses. Comezou en xaneiro gañando un 3,4% de tráfico a respecto do mesmo mes do ano anterior e experimentou un crecemento de case un 8% no mes de xuño. En xullo, último mes rexistrado oficialmente no Ministerio, o incremento foi dun 6,4%, con máis de 25.000 vehículos ao día.

Tráfico da AP-9 1990-2015

CC BY-SA Praza Pública