0 Gardados para despois

Doentes de hepatite esixen "desculpas" de Feijóo: "O noso único interese era non morrer"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A Plataforma Galega de Persoas Afectadas pola Hepatite C leva dous anos realizando diversas accións para esixir igualdade no acceso aos tratamentos desta doenza. Dende comezos deste mes están, ademais, persoados a todos os efectos como acusación popular no proceso xudicial no que están investigados -antiga imputación- dous cargos de sanidade por presunta prevaricación no proceso de subministración dos fármacos, o mesmo no que a Fiscalía acusa a Xunta de oito delitos de homicidio imprudente. A reacción política do Goberno galego ao caso, nomeadamente a do presidente da Xunta, vén de levar o colectivo a esixir "desculpas" do presidente da Xunta mentres advirte de "mentiras" que, cren, poden alargar o procedemento xudicial.

"Cando diciamos que isto estaba pasando e que estaba a provocar mortes, dicíase que éramos manipulados, que nos movían intereses escuros", lembra o voceiro da plataforma, Henrique Costas, quen censura que o presidente, unha vez coñecidas as imputacións, "tivese a ben en quitarlle ferro dicindo que non se podía armar semellante por dúas ou tres mortes". "Os nosos únicos intereses eran non morrer como os nosos compañeiros", ilustra.

"Parécenos indigno, unha falta de respecto á memoria das vítimas e da máis mínima empatía e compaixón", di a plataforma sobre as verbas de Feijóo

"Parécenos indigno, unha falta absoluta de respecto á memoria das vítimas" e ausencia "das máis mínimas empatía e compaixón", lamenta Costas, antes de animar a Feijóo a empregar o mesmo "ardor" co que defende os cargos imputados, Félix Rubial e Carolina González-Criado, para "dar explicacións e desculparse connosco". "Estamos dispostos a admitilas", afirma Costas, nun contexto no que, dado o apoio do presidente aos investigados, a platafora ve o "futuro político" do presidente da Xunta "ligado ao futuro procesual destas dúas persoas". "Que sexa valente e vincule o seu futuro político" a eles, reta, toda vez que, ao seu xuízo, Feijóo vén exercendo a "covardía política" neste eido, xa sexa con declaracións ou "saíndo por patas do pleno do Parlamento" no que o PP rexeitou unha iniciativa a prol do acceso aos tratamentos.

"Mentiras" e posibles "novidades" xudiciais

Alén das esixencia de desculpas a plataforma advirte de que seguirá a reclamar, publicamente pero tamén na vía xudicial, polo que considera "mentiras" da Xunta neste caso, a comezar polas cifras que recorrentemente veñen sendo ofrecidas dende o Executivo a respecto dos tratamentos. Así, por exemplo, subliña Costas, Sanidade reitera que atendeu "o 99%" das solicitudes de tratamento que pasaron pola subcomisión que os autoriza. "O 99% de que?", pregúntase, xa que "ninguén pode ser tratado co que non existe" e o sofosvubir (nome técnico do Sovaldi) foi aprobado en novembro de 2014, mentres que o funcionamento da subcomisión é anterior.

O colectivo, persoado como acusación popular, tentará aclarar se o Sergas cometeu "erros ou delitos" en documentación relativa aos tratamentos

As cifras que manexan Xunta e Goberno central chegan a ser "delirantes", di o colectivo, quen dubida das magnitudes publicadas a respecto do número total de doentes atendidos e tamén dos fondos destinados a este fin. Alén das críticas, estes receos, advirten, chegarán tamén ao proceso xudicial. "Pódense producir novidades" que tornen en "novos delitos" e "máis persoas imputadas", advirte, xa que "temos fundadas sospeitas de erros materiais e documentais" do Sergas. "Trataremos que se investigue se foron erros ou delitos", di Costas, xa que existen documentos relativos aos tratamentos e aos seus prazos con eivas de "contido e datación". Cómpre saber se foron "falseados", resalta, igual que insta a agardar para ver "que pasa" coa exconselleira Rocío Mosquera, que "aínda" non está implicada no proceso xudicial.

Todo isto dáse nun contexto no que, lembra a plataforma, aínda resta por aclarar o "extravío dun lote de expedientes" de doentes de hepatite no Clínico de Santiago, "en xaneiro do ano pasado". Así, na comparecencia ante a prensa Costa amosou correos electrónicos nos que Félix Rubial "recoñece estes feitos". No entanto, o exdirector xeral de Asistencia Sanitaria e actual xerente da área sanitaria viguesa "ten a desfachatez de seguir dicindo que non ten constancia de que se extraviaron, cando menos, quince expedientes". "Rectifique, se non quere quedar como un mentirán", advirte.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A Xunta reitera o apoio aos cargos investigados e "respecta" as críticas dos doentes, pero dubida do seu "fundamento"

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reiterou este xoves o apoio aos dous cargos do Sergas investigados por presunta prevaricación na xestión dos tratamentos da hepatite e, ao tempo, dixo "respectar" as críticas lanzadas pola plataforma de doentes. Se ben, o número dous do Goberno galego dubida do seu "fundamento".

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, dirixido este venres por Rueda en ausencia de Feijóo, de viaxe na Arxentina, Rueda rexeitou as acusacións lanzadas pola plataforma a respecto da veracidade das explicacións oficiais. "A Xunta en ningún caso mentiu", "todo  que dixo responde á verdade" xa que as decisións sobr eos tratamentos "se encadraron en todo momento en criterios clínicos e dentro da máxima corrección; isto é o que a Xunta vai defender".

"A Xunta en ningún caso mentiu"

Despois de que o voceiro da plataforma, Henrique Costas, considerase "indigno" que o xefe do Executivo considerase un "disparate" as denuncias e as desligase da "austeridade" por tratarse só de "dous ou tres" casos, o vicepresidente censura que o colectivo empregase "ese cualificativo". "Estou seguro de que o presidente acreditará -na sesión de control da vindeira semana no Parlamento- que a actuación foi ao contrario, pensando sempre no interese supremo, que é a saúde pública".

Rueda cre que procede "respectar" as "manifestacións" dos doentes como "emocións persoais, pero nada máis"

Estas críticas, matiza Rueda, non implica non "comprender as manifestacións de calquera familair", toda vez que "estamos falando da saúde das persoas con resultado de morte". "Outra cousa", agrega, é que estas críticas "teñan fundamento real" ou "estean ben dirixidas". O que procede, di, é "respectar esas manifestacións" e "comprendelas no que supón de emocións persoais, pero nada máis".