0 Gardados para despois

Feijóo ve “indigna” a denuncia polas mortes da hepatite e aos médicos que a formulan

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Hai dez días o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, criticou nunha entrevista radiofónica aos médicos que levaron ante a Fiscalía os casos de mortos por hepatite que tardaron en recibir o seu tratamento por parte do Sergas. Este martes, no Parlamento de Galicia, Feijóo ratificouse nas súa postura e cualificou de “indigna” a denuncia, que conta co aval da Fiscalía e que está a ser investigada por un xulgado por posible prevaricación, e de “indignos” os médicos que a formularon. “Sei perfectamente os intereses que hai detrás”, dixo, lamentando que a denuncia a formulen “médicos que están facendo transplantes a 100.000 euros” cada un. Referíase, de xeito velado, a Evaristo Varo, o xefe de transplante abdominal do Hospital Clínico de Santiago, do que no PP critican que actúa por non ter logrado un ascenso na súa carreira profesional. Segundo dixo o presidente, a maioría dos médicos galegos pensan como el mesmo.

AGE lémbralle ao presidente que é a Fiscalía a que relaciona as demoras nos tratamentos con motivos económicos e que "a Xunta é a única administración do Estado encausada por este asunto.

Foi o vicevoceiro de AGE, Antón Sánchez, quen preguntou pola cuestión na sesión de control ao Goberno deste mércores, na que acusou a Feijóo de “calumniar” e “atacar a un traballador público”, en referencia aos médicos que denunciaron as mortes, “nunha actitude propia dun matón”. Esa expresión valeulle a Sánchez que o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, o chamase dúas veces á orde e retirase as súas verbas do diario de sesións. Feijóo contestoulle criticando a súa “catadura moral” e asegurando que “a vida dunha persoa non ten prezo”. O presidente amosou o seu “respaldo aos profesionais” pero criticou aos “políticos, xornalistas e médicos que tentan estender unha imaxe falsa da sanidade pública”. Segundo dixo, non ten sentido acusar á Xunta de deixar morrer aos pacientes por motivos económicos cando gastou máis de cen millón de euros nos tratamentos.

Feijóo e Antón Sánchez critícanse as súas respectivas "cataduras morais" e bótanse en cara mutuamente empregar os mortos para facer política

“O amigo de Marcial Dorado, de Pachi de Lucas, o que mantén a Baltar, vaime dar a min leccións de catadura moral”, replicoulle o deputado de AGE, quen lembrou que a denuncia que investiga a Xustiza “é unha denuncia da Fiscalía, non é dos médicos”. “Está vostede criticando á Xustiza?”, preguntou Sánchez, quen engadiu que “a Xunta é a única administración do Estado encausada por este asunto”. Feijóo replicou pedindo que se espere a que actúe o xuíz instrutor do caso, lembrando que este non admitiu a investigación por homicidio que pedía a Fiscalía, pero obviando que a de prevaricación que si está aberta estuda as demoras nos tratamentos que acabaron na morte dos enfermos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O presidente pide prudencia aos seus tras o resultado das xerais

Lonxe do que nel é habitual tras todas e cada unha das eleccións de todo tipo celebradas desde que é presidente da Xunta, Feijóo non aproveitou esta vez a súa primeira intervención no Parlamento de Galicia, como a deste mércores, para sacar peito dos resultados do PP e burlarse da inferioridade da oposición. Nesta ocasión o presidente, polo contrario, optou por pedir aos seus, na reunión cos seus deputados previa ao inicio da sesión, que non sexan soberbios cos resultados. Verbalizou así o temor que hai nalgúns ámbitos do partido a que xa se dean por gañadas as autonómicas do próximo outono cando os votos acadados o pasado domingo non lle permitirían acadar a maioría absoluta.

O presidente insinúa que non sería democrático que non goberne o PP

A maior referencia de Feijóo ás eleccións xerais foi en resposta ao PSdeG, que lle criticaba que a Xunta non fai nada para que se cumpran os dereitos en materia sanitaria, social ou educativa que teñen os galegos, do mesmo xeito, dixo a voceira socialista, Patricia Vilán, en que nunha ditadura segue habendo leis e dereitos por escrito pero na práctica non se cumpren. “A diferencia entre unha ditadura e un goberno democrático é que eu nunca estarei nun goberno que non gañe as eleccións”, dixo o presidente, engadindo máis tarde que “non debería estar o dereito ao pataleo do PSOE por riba do dereito dos cidadáns a ter un goberno democrático”.

Á voceira do BNG, Ana Pontón, que preguntou ao presidente pola emigración xuvenil, Feijóo respondeulle negando os seus datos e asegurando que co seu goberno “seguirá avanzando Galicia, co BNG ou sen o BNG”. “A min gustaríame que o BNG aportase algo”, rematou Feijóo. No caso do BNG, ao PP interésalle que os nacionalistas manteñan unha base mínima de apoios pero que estes non se reflictan en escanos, dificultando así un crecemento conxunto de toda a esquerda.