0 Gardados para despois

Nove anos despois de que Feijóo prometese pagar o AVE Ourense-Lugo, Adif inicia a supresión de 36 pasos a nivel

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O 10 de xaneiro de 2009, hai agora nove anos, o daquela candidato á Xunta Alberto Núñez Feijóo compartía mitin en Lugo co líder da oposición a nivel estatal, Mariano Rajoy. Mentres o segundo pedía a dimisión da daquela ministra de Fomento, a socialista Magdalena Álvarez, polo colapso de estradas polas nevadas que se viña de rexistrar, Feijóo prometía que se ese mesmo ministerio non executaba o AVE Ourense-Lugo o faría a Xunta presidida por el e logo "pasaría a factura" ao Goberno central. Nove anos despois, e tras producirse un novo colapso de estradas pola neve, o AVE Ourense-Lugo está descartado tanto pola Xunta como por Fomento e, á espera de que o ministerio poña data a varias melloras puntuais do obsoleto trazado actual, Adif vén de licitar a redacción dos proxectos para a longamente reclamada supresión nel de 36 pasos a nivel.

As melloras agora licitadas concéntrase entre Monforte e a capital provincial, en treitos nos que non está previsto construír trazados novos, que carecen de data

A viaxe en tren polos poucos máis de cen quilómetros que separan Ourense e Lugo dura actualmente preto de dúas horas, unha lentitude provocada tanto polo revirado do trazado actual como pola sucesión de pasos a nivel que limitan a velocidade dos convois. Unha vez constatado que a promesa de Feijóo era iso, unha promesa electoral que non se ía converter en realidade, e que Fomento non ía construír unha liña enteira nova entre Ourense e Lugo, os concellos afectados, da man do Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal, impulsaron unha proposta alternativa de melloras puntuais da liña actual.

Ese plan B para mellorar o tren entre Ourense e Lugo, elaborado a proposta do Eixo Atlántico polo ex-director xeral de Transportes da Xunta Miguel Rodríguez Bugarín, catedrático experto en ferrocarrís, permitiría conectar as dúas cidades nunha hora coa execución de diversas variantes da vía actual que sumarían preto de 30 quilómetros e que suporían un investimento, xunto coa electrificacións, duns 650 millóns de euros. De feito, a primeira desas melloras da liña actual xa está case rematada. É a coñecida como variante da Pobra de San Xiao, só pendente do remate da instalación dos equipos técnicos, pero cuxa posta en servizo Fomento vén adiando sen explicacións malia que permitiría reducir uns cantos minutos de viaxe e mellorar a seguridade. A segunda actuación sería a construción dunha variante en Rubián (Bóveda) duns 13 quilómetros. A terceira variante sería duns dez quilómetros e realizaríase nos Peares para mellorar o complexo cruce dos ríos Miño e Cabe.

O prazo de redacción dos proxectos de supresión dos pasos a nivel é de dez meses, pero máis tarde aínda haberá que executar as obras. Mentres, Adif segue sen detallar os seus plans para as variantes de novo trazado.

Nos Orzamentos do Estado xa aparece na planificación plurianual, sen data concreta de execución, unha referencia a eses 650 millóns de euros necesarios para executar variantes entre Ourense e Lugo. Porén, os responsables de Fomento e Adif aínda nunca verbalizaron en público que esa execución puntual de dúas novas variantes de novo trazado sexa o seu plan para mellorar o tren entre Ourense e Lugo. Pero agora veñen de admitilo de xeito implícito por escrito. Adif vén de licitar a redacción dos proxectos para a supresión de 36 pasos a nivel nesa liña e, nos pregos de condicións a empresa pública sinala de xeito expreso que esas obras non se van realizar en treitos onde se executaría unha variante, o que sería redundante, senón en treitos nos que permanecería o trazado actual, de xeito que as actuacións sexan complementarias. Segundo a empresa pública, eses 36 pasos a nivel que agora suprimirá están “ubicados en diferentes puntos do traxecto [Ourense-Monforte-Lugo que] non se ven fóra de servizo polo efecto de construción de algunha das variantes estudadas”. Isto é, Adif disipa algo o medo de que a supresión de pasos a nivel supoña que non se van executar variantes de trazado e di que precisamente elimina eses cruzamentos coas vías alí onde non haberá trazado novo porque se manterá o actual.

Porén, Adif segue sen aclarar que prazos baralla non só para esas novas variantes senón mesmo para a xa case rematada da Pobra de San Xiao, que prometeu para o pasado 2017 nas súas previsións oficiais, documento cuxos incumprimentos xa foron criticados pola Comisión Nacional da Competencia. O que si especifica nos pregos de condicións é que os prazos de redacción deses proxectos serán dun máximo de dez meses, e despois hai que executar as obras, polo que aínda tardará en percibirse unha redución dos tempos de viaxe.

A maioría dos pasos a nivel, 30, suprimiranse entre Lugo e Monforte, mentres que 6 sitúanse entre Monforte e Ourense

Os pregos tamén detallan onde se sitúan eses 36 pasos a nivel e confirman que efectivamente están en treitos nos que non se prevén variantes, como se pode comprobar no gráfico que acompaña esta información. A maioría, 30, concéntranse entre Lugo e Monforte, mentres que só 6 están entre Monforte e Ourense. En concreto, no termo municipal de Lugo eliminaranse 14, no de Sarria outros 14, en Monforte 5 (entre eles o situado na céntrica rúa Florida, no que o pasado 20 de decembro morreu atropelada unha muller), en Sober 1 e na cidade de Ourense 2. As obras estarán divididas en nove lotes e suporán un investimento de 2,85 millóns de euros.

Mellora do tren a Lugo

CC BY-SA Praza Pública (Fonte: Adif e Eixo Atlántico)

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O presidente de Adif recibe ao PP de Lugo antes que á alcaldesa da cidade

David Lombao | @davidlombao

A de Lugo é unha das batallas electorais esenciais para o PP nas eleccións municipais do vindeiro 2019. Os conservadores non gobernan a cidade da Muralla dende 1999 e aquela primeira perda de poder foi un duro golpe que se viu duplicado oito anos despois ao seren desbancados tamén da presidencia da Deputación Provincial. Para poderen optar á cobizada cadeira do Pazo de San Marcos lograr a alcaldía lucense é transcendental. E para tentaren optar a ela procuran dende hai anos apagar dous dos principais incendios políticos da contorna: o sanitario e o ferroviario. Nesta lóxica encádrase a xuntanza mantida a pasada semana pola cúpula do PP de Lugo co presidente de Adif, Juan Bravo, que tras se reunir cos populares recibiu esta semana á alcaldesa da cidade, a socialista Lara Méndez, quen solicitara este encontro en maio do pasado ano.

O treito máis contemporáneo dese conflito que liga o PP co tren de Lugo non é posible comprendelo sen a promesa formulada por Alberto Núñez Feijóo no mitin co que, no lucense auditorio Gustavo Freire, abriu a precampaña galega de 2009 ao carón de Mariano Rajoy. O actual presidente fixo o inédito anuncio de pagar "con cartos da Xunta" a liña de AVE entre Ourense e Lugo se chegaba ao cargo que logrou apenas dous meses máis tarde. Pero a promesa, como era previsible, nunca tornou en realidade e as vías lucenses seguen tan atrasadas como naquel momento.

O propio Ministerio de Fomento desbotou de vez pola vía dos Orzamentos o pasado ano a posibilidade de construír nun futuro próximo esa liña de alta velocidade, pero ese descarte non impediu que o PP lucense saíse da xuntanza con Adif asegurando ter o "compromiso" de que sairá adiante. En rigor, as obras ferroviarias por importe de 700 millóns anunciadas pola formación non son outras que as de modernización da liña convencional, isto é, o proxecto plurianual que xa estaba contemplado e do que forman parte as supresións de pasos a nivel que agora comezan o proceso para seren contratadas.

Mentres a alcaldesa se dirixía á xuntanza con Adif, o delegado da Xunta deu en anunciar avances para o proxecto da intermodal, que levaba máis dun lustro parado

Neste escenario é no que chegou, esta mesma semana, a xuntanza da alcaldesa co propio Bravo. Ante a posibilidade de que a rexedora regresase de Madrid coa constatación de que non hai máis obras que as de modernización xa previstas, un dos cargos populares máis implicados na batalla preelectoral, o delegado da Xunta na provincia, José Manuel Balseiro, decidiu aplicar un xiro ao guión cando a alcaldesa se atopaba "de camiño a Madrid". O dirixente mariñao deu en anunciar que o Goberno galego tiña rematados os estudos previos sobre a futura estación intermodal de Lugo e que o proxecto custaría uns 6,5 millóns de euros.

"O maior sorprendido foi o presidente de Adif", asegurou Méndez, quen saíu da xuntanza con Bravo co compromiso dunha "xuntanza a tres bandas na semana do 22 de xaneiro" entre Concello, Xunta e o propio Administrador de Infraestruturas Ferroviarias" para abordar a intermodal, un proxecto que leva máis dun lustro no caixón de compromisos pendentes. "Avanzar na intermodal é o único que nos garante que o AVE chegue a Lugo", afirma a alcaldesa, quen insta o Goberno galego a traducir os anuncios en compromisos orzamentarios. Na actualidade, lamenta, Lugo "é a única das grandes cidades galegas para a que non hai" fondos "autonómicos nin estatais para unha infraestrutura deste tipo". A batalla de Lugo volve viaxar en tren.