0 Gardados para despois

A oposición insta a Feijóo a "aclarar" o seu futuro e centrarse en Galicia

Redacción | @prazapublica

Que se decida e se ocupe de Galicia. Así se podería resumir a reacción da oposición parlamentaria ante a posibilidade de que Feijóo suceda a Mariano Rajoy como líder do PP a nivel estatal e se converta así no próximo aspirante popular á Moncloa. O ruxerruxe que leva anos soando non sorprende, pero cansa a quen pide do presidente da Xunta que se centre no seu labor. 

En Marea, PSdeG e BNG piden a Feijóo que aclare o seu futuro e se "dedique a gobernar o país mentres estea en Galicia"

Así o asegura Antón Sánchez, vicevoceiro de En Marea, que insta a Feijóo a que "mentres estea en Galicia, se dedique a gobernar o país". Así o dixo este martes, abordado pola vaga sucesoria que chega desde Madrid e a rúa Génova, tras a perda do Goberno central e a marcha de Rajoy. No fondo, a impresión de que Galicia só é o foco das batallas internas partidarias, deixando na sombra a súa axenda política, que non é pouca. "Galicia non pode ser a sala de espera mentres ese señor esfolla a margarida sobre o seu futuro", dixo a deputada do BNG Olalla Rodil en referencia tamén ao presidente da Xunta. "Aclare a súa folla de ruta e a súa prioridade: os galegos ou escalar internamente no PP", pediu Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG. 

O líder dos socialistas galegos cre que Feijóo debe determinar "onde está o seu compromiso político" porque "a cidadanía galega necesita unha aclaración". Mentres Feijóo se deixa querer pero non acaba de dar o paso --cando menos de maneira pública e directa--, desde o PSdeG insisten en que clarexe as ideas e diga o que vai facer "no próximo tempo político". Que deixe claro "se vai estar nas necesidades de Galicia ou se vai tentar manter unha liña de promoción para a sucesión dentro do PP, estar pendente da súa carreira de promoción persoal dentro do PP", insistiu.

Caballero (PSdeG) pida a Feijóo que aclare "se vai estar nas necesidades de Galicia" ou "pendente da súa carreira de promoción persoal dentro do PP"

Toda a oposición coincide en que o reto é situar Galicia no mapa político, pero non precisamente pola sucesión dos líderes da dereita, senón polas súas necesidades. "Galicia debe ter unha axenda galega que estea sobre a mesa desde xa. Levamos moito tempo sen estar no debate político a nivel do Estado e iso é o que nos preocupa agora mesmo no BNG", asegurou Rodil ao ser preguntada pola marcha de Rajoy e o futuro de Feijóo. "Bastante traballo ten, que o ten bastante desatendido, e fracasou en moitos temas como presidente", engadiu Sánchez, de En Marea. 

Sánchez (En Marea) lembra a Feijóo que ten "bastante traballo" e "desatendido" en Galicia e que "fracasou en moitos temas"

Todos os partidos coinciden, ademais, en alertar da responsabilidade que Feijóo ten tamén na traxectoria do PP nos últimos anos. En todo. "É máis do mesmo", dixo Sánchez ao ser preguntado, tras aclarar que o presidente da Xunta "participaba da mesma estrutura corrupta" do partido, polo que un eventual recambio de Rajoy por el non sería visto por En Marea como "ningún tipo de rexeneración". "Por moito lavado de imaxe que lle queiran facer, estivo aí. Debía ser coñecedor [do que ocorría], e de non selo, tamén está inhabilitado por non coñecer como funcionaba", engadiu.

"Feijóo só lembraba este país para ir veranear a Sanxenxo", di Olalla Rodil (BNG)

En similares termos se expresou o socialista Gonzalo Caballero, que lembra que non escoitou "nin a Rajoy nin a Feijóo facer unha análise autocrítica, nin asumir aresponsabilidade" tras a sentenza da Gürtel. Para o secretario xeral do PSdG, "o primeiro que ten que facer" Feijóo é "asumir a responsabilidade política que lle corresponde ao PP como organización".

Pola súa banda, a nacionalista Olalla Rodil asegurou que, "lamentablemente, Rajoy só lembraba este país para ir veranear a Sanxenxo". "A súa saída é lóxica para o presidente dun partido condenado por corrupción", rematou. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.